Por
que o dicionario da RAG non recolle o primeiro dos substantivos do título, como
se non fose unha palabra galega, malia estar estar bastante documentada dende a
Idade Media, ser usada na nosa literatura moderna e formar parte do léxico das
linguas portuguesa (nau) e castelá (nao), amais da catalá (nau), orixe do
termo?
Esta palabra “nau” entrou no noso idioma dende o catalán orixinal (nau < lat.
nave) coma tamén o fixo outra palabra pra denominar barco: vaixel (< cat. vaixell), esta si recollida no dicionario da RAG.
Resulta curioso constatar como a
forma “nau” xunto a “navio” son os vocábulos correntes pra denominar as
embarcacións de certo tamaño en portugués, mentres que “nave” non pasa de ser
un sinónimo poético destas. Pola contra, en castelán as formas comúns son
“nave” e “navío”, en tanto que “nao” deveu nunha palabra anticuada, empregada
pra denominar os navíos antigos, ou de uso culto. Ante esta diverxencia, o
dicionario da RAG –máis unha vez– copia o modelo español, pro por riba obvía a
existencia de “nau/nao” no noso idioma.
Fóra da excepción académica os demais
dicionarios actuais si recollen esta palabra, tanto o Gran Dicionario Xerais da
Lingua (nau > nao: embarcación
grande) coma o Dicionario Rinoceronte Castelán-Galego (nao: embarcación de vela
empregada na navegación oceánica) ou o Dicionário Estraviz (nau: tanto na
acepción de “antigo navío de vela” coma na de “calquera embarcación de gran
tamaño”).
E antes deles a palabra apareceu
recollida noutros dicionarios e vocabularios históricos, tanto coa forma “nao”
coma “nau”: Martín Sarmiento (1746-55), J. Cuveiro Piñol (1876), M. Valladares
Núñez (1884), L. Carré Alvarellos (1928-31; 1979), E. Rodríguez González
(1958-61) ou X.L. Franco Grande (1972).
A nosa moderna literatura empregou
estes tres sinónimos a miúdo, e xa que non é necesario demostralo no caso de
“nave” e “navío”, si é pertinente amosar exemplos no caso de “nau/nao”, xa que
coas dúas variantes aparece, pra disipar calquera dúbida. así:
F.
Bouza Brey – Nao senlleira, 1933: Leda vai a nao na proa unha frol.
R.
Otero Pedrayo – Fra Vernero, 1934: Semella unha nau ancorada disposta a vogar
cara a felicidade.
A.
Cunqueiro – Se o vello Sinbad volvese ás illas, 1961: iba a Basora a faguerse
cárrego dunha nao que xa debía estar boata; que lle veñen de lonxe pedindo
postos na súa nao famosa.
X.M.
Díaz Castro – Nimbos, 1961: súa nau entrar na baía.
V.
F. Freixanes – O triángulo inscrito na circunferencia, 1982: o espectáculo da
nau capitana daquel guerreiro terrible.
D.X.
Cabana – Galván en Saor, 1989: navega velozmente unha nau cargada de donas.
M.
Rivas – En salvaxe compaña, 1993: Sen esquecer os hórreos e o pombal, con nao
veleira de cataventos.
Alexandre
Nerium – Vogar, 2003: nau sen cadoira ao pé de cada hora.
Miguel
Anxo Murado – O soño da febre, 2007: Outros dous diríxense voraces contra unha
infortunada nao portuguesa.
Anxo
Angueira – Iria, 2012: Unhas lenes ondas abanean a nao; E o Iria navega e no
ronsel de estrelas apagadas da robusta nao capitá.
En fin, que malia as carencias do
dicionario académico, podemos e debemos usar a palabra “nau/nao” –eu prefiro a
primeira forma, en consonancia co portugués– como sinónima de “navío” e “nave”
pra denominar as embarcacións de gran tamaño, tanto antigas de vela coma
modernas oceánicas.