lunes, 22 de enero de 2024

A galeguidade do indefinido "outrén"

 

Este pronome indefindo procede do latín: alteri, e foi de uso normal na lingua galego-portuguesa, como tamén o segue a ser no portugués actual. Por isto, “outrem” é recollido polos dicionarios portugueses co significado de “outra(s) pessoa(s)”. Ex.: Além dos testemunhos de outrem, compartilhar os riscos con outrem, é preciso aprender a ajudar outrem etc.

Na nosa lingua medieval documéntase este indefinido escrito con catro grafías diferentes: “outren”, “outrem”, “outre” e “outri”; os datos obtidos no Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega parecen indicar que a palabra era paróxitona, coma no portugués actual, e os textos son tanto líricos coma prosísticos. Deste modo, “outren” aparece rexistrada 43 veces, 24 no s.XIII, 18 no s.XIV e 1 no s.XV. Ex.: Como quer que outren tenha; nos nen outros por nos nen outren per nosso consintimento; en casamento per min nen per outren en juyzo nen fora delle etc.; “outrem” aparece en 12 rexistros, 9 no s.XIII e 3 no s.XIV. Ex.: Fuy eu con outrem falar; meu amigo dizer, que ama outrem mais ca si; vou i, e mig’outrem nom vai etc.; “outre” en 119, 44 no s.XIII, 66 no s.XIV e 9 no s.XV. Ex.: Nono saberá, ca eu a outre nunca o direi; non ande, demandand’a outre que me dé recado; meu fillo ou meu neto ou outre de mĩa lignagem contra estas cousas etc.; e “outri” só en 20 do s.XIII. Ex.: Nunca de vos, nen d’outri, nen de Deus; que esto non dissesse a outri; sejan perdõados, se vos a outri vou dar etc. Como se ve, a forma “outre” foi a máis usada, seguida de “outren” e logo “outri”, pra ser “outrem” a menos documentada.

É rechamante que mentres en portugués conserva a súa pronuncia paroxítona, cando se emprega en galego, é maioritariamente con tonicidade óxitona, como se pode apreciar na acentuación gráfica. Esta mudanza de tonicidade explícaa perfeitamente o profesor Manuel Ferreiro na súa “Gramática histórica galega” como resultado da influencia oxítona de “quen”, “alguén” ou “ninguén”.

Así, os dicionarios históricos de Leandro Carré Alvarellos (edicións de 1951 e 1979) e de X.L. Franco Grande (ed. Galaxia, 1972) recollen esta verba coa grafía “outrén”. E o Gran Dicionario Xerais da Lingua recóllea precedida dun asterístico como vocábulo non galego: *outrén, remitindo a “outro”; mais non se recolle no dicionario da RAG. Unicamente o dicionário Estraviz recolle este pronome indefinido como paroxítono: “outrem” co significado de “outra pessoa”, indicando que é invariábel en xénero e número.

Aínda que, como di Manuel Ferreiro, non ten presenza na lingua oral moderna nin foi unha verba moi usada na nosa literatura contemporánea, si temos moi dignos exemplos do seu emprego, sobor todo, por aqueles escritores que viron no portugués un modelo a considerar, como Guerra da Cal, no seu poemario “Rio de sonho e tempo” (ed. Galaxia, 1963): “Porque en verdade non sei ben se quen pasou o mar fun eu ou fun outrén que saín de min […]”; ou Carvalho Calero (Biblos Clube de Lectores, 2021 - Cantigas de amigo e outros poemas, 1980-85): “Sós avançam os afoutos. Sob o sol nom hai outrém”.

            Por tanto, é lexítimo reivindicar o uso deste indefinido no noso idioma, porque é un vocábulo plenamente galego que, ende mal, pertence ao extenso conxunto das palabras caídas no esquecemento pola nefasta influencia do castelán. Está perfeitamente vivo na nosa lingua xemelga, o portugués, e debería volver estalo na nosa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario