lunes, 24 de junio de 2024

A escritura dos prefixos en galego

 

Adoito vexo nos textos que a escritura dos prefixos oscila entre tres posíbeis representacións: unido directamente á palabra que modifica (ex.: expresidente), unido por guión á palabra que modifica (ex.: ex-presidente) e  separado da palabra que modifica (ex.: ex presidente).

            Obviamente a ortografía do noso idioma recomenda unha maneira de representar os prefixos, que é esencialmente a mesma do castelán. Así as entradas destas palabras no dicionario da RAG mostran nos exemplos de uso que sempre se unen ás palabras que modifican. Ex.: antiinflamatorio, antirrábico, arquifamoso, arquimillonario, exalcólico, exministro, extraescolar, extrafino, hiperactivo, hipersensíbel, minibar, minisaia, multimillonario, multiúsos, posbélico, posteleitoral, preescolar, prehistórico, proárabe, prorruso, superabundante, supermercado, ultradereita, ultralixeiro, vicealcalde, vicecónsul etc.

            A RAE, que non a RAG, tamén indica as tres excepcións a este uso xeral:

O emprego da unión con guión cando a palabra que modifica comeza por maiúscula ou está constituída por maiúsculas e cando son cifras. Ex.: país ex-Unión Soviética, a selección sub-21, movemento anti-OTAN, manifestación pro-OLP, metraxe en super-8 etc.

Cando a escritura separada cando modifica unha palabra composta que se escribe separada. Ex.: anti pena de morte, ex primeira ministra, pre Segunda Guerra Mundial, pro dereitos humanos etc.

E cando se debe usar máis dun prefixo acompañando á mesma palabra. Entón o primeiro prefixo irá rematado con guión. Ex.: pre- e posoperatorio.

            Ao escribir os prefixos unidos ás palabras que modifican seguimos tamén o modelo de escribir xuntos os nomes gregos ou latinos que se engaden a palabras a modo de prefixos pra formaren novas verbas técnicas ou científicas. Ex.: agorafobia, electrodoméstico, litografía, megáfono, teleobxectivo, videoconferencia, xeodinámica etc.

            Nas expresións latinas sempre se escriben separados: ante merídiem, ex aequo, ex cáthedra, ex nihilo, extra muros, post merídiem etc.

            Pola contra, o portugués opta pola escritura dos prefixos sen ou con guión segundo os prefixos e os casos, mais tamén omite o guión nos prefixos naquelas palabras que xa se senten como únicas, ao igual ca en galego ou castelán. Así “anti-“ se une á palabra sen guión agás nos casos en que aquela comeza por H, I, R ou S (ex.: antialérgico ou antinacional pro anti-inflamatório ou anti-rábico); “arqui-“ segue o mesmo modelo ca “anti-“ (ex.: arquiacólito ou arquimilionário pro arqui-inimigo ou arqui-rival); “ex-“ sempre se escribe con guión catar nas palabras que se senten únicas (ex.: ex-aluno, ex-cônjuge ou ex-jogador pro expatriar ou exterritorialidade); “extra-“ non leva guión bardante cando a palabra comeza por vogal, H, R ou S (ex.: extracontinental ou extraforte pro extra-escolar ou extra-seco); “hiper-“ non leva guión sacado que a palabra comece por H ou R (ex.: hipercalórico ou hiperexcitável pro hiper-humano ou hiper-rugoso); “mini-“ escríbese sen guión salvo cando o segundo elemento comeza por H (ex.: minirreforma ou minissaia pro mini-hambúrguer ou mini-hídrica); “multi-“ non leva guión tirante cando a palabra comeza por H ou I (ex.: multiarticulado ou multirrisco); “pós-“ escríbese sempre con guión (ex.: pós-bélico ou pós-eleitoral); “pré-“ sempre escrito con guión (ex.: pré-histórico, pré-islâmico ou pré-nupcial); “pró-“ tamén sempre se escribe con guión (ex.: pró-activo, pró-ocidental ou pró-russo); “super-“ escríbese sen guión salvante que a palabra principie por H ou R (ex.: superácido ou supersensível pro super-homem ou super-rápido); “ultra-“ escríbese sen guión fóra das palabras que inician con vogal, H, S ou R (ex.: ultrabásico ou ultramarino pro ultra-existente, ultra-humano, ultra-radical ou ultra-sonoro) ou “vice-“ escríbese sempre con guión (ex.: vice-almirante ou vice-ministro).

No hay comentarios:

Publicar un comentario