Á hora de crear diminutivos na nosa lingua, a nefasta
influencia do castelán volve deturpar a nosa idiosincrasia morfolóxica coa súa
contaminación, por este motivo cada vez é máis frecuente ouvir e ler verbas diminutivas
en galego que seguen o modelo castelán no canto do noso. Así aparecen
incorreccións como: *amorciño, *floreciña, *grandeciño, *homeciño, *luceciña, *mullerciña,
*peciño etc.
Ante
todo, convén saber que namentres que en castelán ou en portugués existen varias
posibilidades de sufixos diminutivos:
Castelán: “-ito/-ita//-cito/-cita//-ecito/-ecita” (ex.:
gatito, calorcito, grandecito, lucecita), “-ico/-ica//-cico/-cica” (ex.:
gatico, calorcico), “-illo/-illa” (ex.: perrillo, calorcillo), “-ete/-eta”
(ex.: amiguete), “-ín,-ino/-ina” (ex.: pajarín, casina), “-uco/-uca” (ex.:
casuca, puebluco) e mais algúns outros menos usados (ex.: fiestucha, plazuela,
hierbajo, llovizna etc.).
Portugués: “-inho/-inha//-zinho/-zinha” (ex.: gatinho,
casinha pro: pezinho, mulherzinha, papelzinho, amorzinho, adeusinho, paizinho,
bonzinho, irmãozinho, cidadezinha), “-ete/-eta” (ex.: arvoreta, livrete), “-ito/-ita”
(ex.: boquita, florzita), “-olo/-ola” (ex.: aldeola, criançola), “-ote/-ota”
(ex.: frangote, ilhota), “-ico/-ica” (ex.: barbica, papelico) e mais algúns
outros menos usados (ex.: rapazelho, moçoilo, varandim, viela etc.).
En galego, na práctica, case que
só son produtivos dous: “-iño/-iña” e minoritariamente “-ete/-eta”
(ex.: can > cancete, rapaz > rapacete, moza > moceta etc.), pois
outros existentes xa non son tan usuais e empréganse, sobre todo, en palabras
xa fixadas e moitas veces con significados propios. Ex.: fachico/fachuco/fachuzo,
fontela/fontenla, montelo/montecelo, paxarela [= bolboreta], portela/portelo,
rapazolo, riacho etc.
Mais a
creación dos diminutivos no noso idioma non comporta gran problema memorístico
ningún: as palabras engaden o sufixo “–iña/–iño”,
segundo sexa o xénero das mesmas, independentemente de que rematen en vogal ou
consoante, átonas ou tónicas. Cando acaban en vogal átona, pérdese a vogal
final e se engade o sufixo, e en vogal tónica, consérvase a vogal e engádese o
sufixo, mais con desprazamento da tonicidade; e cando en consoante, engádese o
sufixo á palabra. Ex.: animal > animaliño, amor > amoriño, café >
cafeíño, casa > casiña, cu > cuíño, fácil > faciliño, flor >
floriña, grande > grandiño, home > homiño, inglés > inglesiño, luz
> luciña, papá > papaíño, rapaz > rapaciño, saia > saíña etc. Como
se ve neste último exemplo de “saia”, o I do sufixo “-iña” contrae co I do
ditongo IA, do contrario habería que escribir “saiíña”, quer dicir, que cando
unha palabra acaba co ditongo crecente “-ia/-io” ámbalas vogais son
substituídas polo sufixo (Ex.: croio > croíño, india > indiña, labio >
labiño, rubia > rubiña etc.), mais non cando non hai ditongo “-ía/-ío” (Ex.:
baía > baíiña, navío > navíiño, río > ríiño, xudía > xudíiña etc.).
A excepción está nas palabras rematadas na consoante
“–N”, e por extensión en “–M” que engaden o alomorfo “–ciña/–ciño”. Ex.: álbum > albunciño, can >
canciño, irmán > irmanciño, man > manciña etc. No caso das formas
femininas das masculinas acabadas en –N, que rematan en “-á”, tamén fan o
diminutivo engadindo “–ciña” porque toman como base a forma masculina (ex.: anciá
> ancianciña, irmá > irmanciña, nugallá > nugallanciña etc). E por
extensión así tamén sucede con algunhas outras palabras acabadas en “–á”. Ex.:
mañá > mañanciña [esta forma tamén ten significado propio como tal], mazá
> mazanciña, ra > ranciña etc. Téñase en conta que cando a forma feminina
remata en “-ana” pro a masculina si en “–án” ou “–ón”, o masculino engade
“–ciño” mentres que o feminino engade “–iña“ (Ex.: bretón > bretonciño e
bretoa > bretoíña, patrón > patronciño e patroa > patroíña etc.), agás
nos adxectivos que indican características negativas onde os dous xéneros
engaden “–ciño/–ciña“ (ex.: lacazán/lacazana > lacazanciño/lacazanciña,
mentirán/mentirana > mentiranciño/mentiranciña, pasmón/pasmona >
pasmonciño/pasmonciña etc). E nas acabadas en ditongo
decrecente, que tamén engaden “–ciña/–ciño”. Ex.: chapeu >
chapeuciño, nai > naiciña, pau > pauciño, rei > reiciño, romeu >
romeuciño etc.
Con todo, hai zonas onde as
palabras rematadas en vogal tónica tamén engaden esta variante. Ex.: mamá >
mamaciña, pé > peciño etc.; e outras en que as verbas acabadas na consoante
–R tamén a engaden. Ex.: amor > amorciño, favor > favorciño etc. Porén,
sería moi incorrecto empregar estas variantes nun texto escrito en galego
estándar.
Por último, por veces o emprego
do diminutivo fai que palabras diferentes se convertan en homónimas, así: cal e
cala > caliña, leite e leito > leitiño, peite e peito > peitiño, sol e
solo > soliño etc.
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
ResponderEliminarSeñor Carballal, moi boa noite! No derradeiro parágrafo do seu texto, vostede podería usa-lo infinitivo conxugado, non si?
Eliminar“Por último, por veces o emprego do diminutivo fai palabras diferentes se converteren en homónimas, así: cal e cala > caliña, leite e leito > leitiño, peite e peito > peitiño, sol e solo > soliño etc.”
Si, ámbalas dúas opcións son correctas, tanto a que vostede apunta coma a que eu emprego.
Eliminar