Atópome decontino en multitude de textos que hai unha
confusión no emprego das contraccións das preposicións con “un/unha” cando
funcionan como formas pronominais. No entanto, non debería habela, porque as
Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego son moi claras ao respecto:
“As preposicións con,
de e en contraen co artigo determinado: cun(s), cunha(s), dun(s), dunha(s), nun(s), nunha(s)”.
“O indefinido un(s),
unha(s), cando actúa como adxectivo,
presenta as mesmas contraccións ca o artigo indeterminado: […]. Cando se usa
como pronominal xeralmente represéntase a contracción coas preposicións de e en,
dando lugar ás formas dun(s), dunha(s), nun(s), nunha(s): […];
por contra, non se representa na escrita a contracción coa preposición con: […]”.
“Os numerais un, unha, cando son adxectivos, contraen con
de, en e con, da mesma
maneira ca os artigos indeterminados. Pola contra, cando son pronominais,
normalmente contraen coas preposicións en
e de, pero non coa preposición con, da mesma maneira ca o indefinido un(s), unha(s): […]”.
Xa que logo, resumindo: “Un(s)
e Unha(s) contraen sempre coas
preposicións “de” e “en”, funcionen como artigos, indefinidos
ou numerais, agás cando as preposicións non forman frase co artigo, e soamente
deixan de se contraer coa preposición “con”
cando funcionan como pronominais”.
Exemplos de contraccións: estaba cunhas amigas; collen nuns
botes; entren dun nun; a solución está nunha das casas; mirar polo interese dun
mesmo; fallou nunha soa proba.
Exemplos de non contraccións: de un policía chegar a tempo,
non o batería (= de chegar a tempo un policía, non o batería); en o amigo vendo
a situación, marchou (= en vendo a situación o amigo marchou); estaba con un ou
con outro; sempre chega con unha nova; soamente deu con unha ou dúas solucións.
A teoría é así, pero "entren dun nun" queda moi raro.
ResponderEliminar