miércoles, 3 de junio de 2020

O indefinido "ambas/ambos" entre o castelanismo e o vulgarismo


Os que estamos afeitos a ler en galego e coidamos que un bo galego debe ser sempre o esperábel e esixíbel en calquera texto escrito, como o é cando lemos en calquera outra lingua, comprobamos con pena como o nivel de esixencia no noso idioma é moi baixo, mesmo entre aqueles que gañan a vida con el (escritores, xornalistas, tradutores etc.).

            O indefinido “ambas/ambos” e maila súa variante “entrambas/entrambos”, que incorpora a preposición “entre” contraída e está plenamente aceptada polo dicionario da RAG, sofre o embate da castelanización, por unha banda, e da vulgarización, pola outra. Explicareime.

            Aínda que existe en castelán coa mesma forma existe unha diferenza substancial no seu uso en galego-portugués cando o indefinido acompaña un substantivo, así o explica perfeitamente o mesmo dicionario da RAG: “Cando vai modificando un substantivo, vai acompañado do artigo e pódese utilizar contraído coa segunda forma, dando como resultado as formas ámbolos e ámbalas”. E a gramática portuguesa é precisa: “Se o substantivo determinado pelo numeral ambos estiver claro, é de regra o emprego do artigo definido” (Breve Gramática do Português Contemporâneo, Ed. João Sá da Costa, Lisboa, 1985). Pola contra, a gramática castelá prescribe no seu “Diccionario panhispánico de dudas” da RAE: “En el español actual, el adjetivo ambos no debe ir precedido ni seguido de artículo ni de ningún otro determinante; así, aunque secuencias como los ambos navíos, sus ambas manos, estos ambos ladrones, ambas las ciudades, ambos sus ojos, etc., hayan sido normales en el español medieval y clásico, hoy son ajenas a la norma culta estándar; en el español actual se dice ambos navíos, ambas manos, ambos ladrones, etc.” Xa que logo, a falta de emprego dos artigos cando este indefinido acompaña un substantivo é mera castelanización, e, por que non dicilo?, descoñecemento supino da gramática galega.

            A vulgarización chega polo uso redundante das expresións: “ambas as dúas/ambos os dous” (e “ámbalas dúas/ámbolos dous”) e “ambas a dúas/ambos a dous”, recollidas ambas no dicionario da RAG, mais que non deixan de seren perfeitas vulgarizacións da forma simple. Obviamente nin portugués nin castelán admiten estas realizacións vulgares que, con todo, si se dan nas súas falas populares.

A este respecto a RAE tamén indica no seu “Diccionario panhispánico de dudas” que a locución: “ambos (a) dos”, sinónima de ambos, “era muy frecuente en el español medieval e clásico, más con preposición (ambos a dos) que sin ella (ambos dos), y en estas dos formas ha pervivido hasta nuestros días: […]. Por su carácter redundante, está en retroceso en el habla culta y se desaconseja su empleo.”

Ben, pois nos textos galegos é máis corrente atoparen estas locucións vulgarizantes cás correspondentes formas simples, coma se os galegos non entendésemos o correcto significado do indefinido “ambas/ambos”: un e mais o outro; os dous.

Exemplos recentes de incorreccións:
[…] substituín en ambos paratextos […] no canto de […] substituín en ambos os paratextos […]; […] ambos xéneros en inglés […] en vez de […] ambos os xéneros en inglés […] (tradución de Samuel Solleiro de Frankenstein ou o Prometeo moderno, Follas Voadoras, 2019).
[…] escoita ambos os dous mares; […] agradábel para ambos os dous. (tradución de Mª Margarita Fdez Gómez de Cartas das Heroínas, Rinoceronte ed., 2018).

4 comentarios:

  1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  2. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  3. Beizóns polo teu traballo e dedicación ó galego. 😊

    ResponderEliminar
  4. É moi agradábel saber que o meu modesto labor ten algún seguimento.
    Beizón.

    ResponderEliminar