lunes, 3 de agosto de 2020

O infinitivo xerundial

Recurso verbal que se vai perdendo a prol do xerundio por seguir –como non!–, o modelo gramatical do castelán, lingua que o descoñece. Como todo estudoso do galego sabe: “Toda forma galega que non coincida ou se semelle á correspondente do castelán tende á desaparición”, axioma lingüístico de aplicación universal pra todo proceso de glotofaxia de calquera sociedade diglósica, como é o caso da nosa.

            Esta construción verbal sinónima do xerundio constrúese co verbo en infinitivo precedido da preposición “a”: “a + infinitivo”. Ex.: Vinte a pasear polo parque = Vinte paseando polo parque, escoita a rapaza a tanxer a arpa = escoita a rapaza tanxendo a arpa, nós a negar e vós a afirmar a acción = nós negando e vós afirmando a acción, leva a facelo toda a vida = lévao facendo toda a vida, ficaron a traballar na leira = ficaron traballando na leira, fixen o exercicio a correr = fixen o exerccio correndo, etc.

            Secasí, non é un recurso moi empregado, agás nas perífrases verbais aspectuais que indican acción en proceso, sobre todo, literariamente: “estar a + infinitivo = estar + xerundio” e “andar a + infinitivo = andar + xerundio”, onde o estándar mesmo (V. dicionario da RAG) amosa preferencia polas formas con infinitivo xerundial fronte ás formas con xerundio, cando estas remiten ás primeiras prá súa explicación. Aínda que de forma xeral o verbo auxiliar poida ser tanto “estar” coma “andar”, hai certa preferencia a usar o primeiro como forma non marcada e o segundo con verbos ou accións que impliquen movemento. Ex.: Estou a comer na tasca = estou comendo na tasca, andas a facer das túas = andas facendo das túas, está a chegar agora = está chegando agora, andaba a bulir coma sempre = andaba bulindo coma sempre, estiveron sempre a criticalo por nada = estiveron sempre criticándoo por nada, etc.

            E tamén é posíbel empregalo noutras perífrases durativas: “continuar/seguir a + infinitivo = continuar/seguir + xerundio”(Ex.: Segue a escribir o libro = segue escribindo o libro); “ir a + infinitivo = ir + xerundio” (Ex.: Van a xogar no autocar = van xogando no autocar), diferente da temporal de futuridade, tan habitual: “ir + infinitivo” (Ex.: Van xogar no autocar = xogarán no autocar); e “vir (a) + infinitivo = vir + xerundio”, que tamén se pode usar sen preposición (Ex.: Viña (a) ser o mesmo = viña sendo o mesmo). Con todo, se o verbo auxiliar “ir” acaba na vogal “-a” pode inducir a erro de comprensión na expresión oral: “Ía a viaxar nun barco / ía viaxar nun barco”, mais o uso da variante con xerundio evita o erro: “Ía viaxando nun barco”.

            Con todo, hai situacións onde o uso desta construción non é posíbel ou recomendábel. Como cando coincide con perífrases verbais que tamén se forman coa preposición “a” seguida do infinitivo, cun significado diferente do que teñen cando usamos o mesmo verbo acompañado dun xerundio, así as incoactivas: “comezar/empezar/principiar a + infinitivo” (Ex.: Comezou a pedir axuda / comezou pedindo a axuda), “botar(se) a + infinitivo” (Ex.: Botábase a nadar á tarde / botábase nadando á tarde), “poñer/pór(se) a + infinitivo” (Ex.: Púxose tolo a chorar / púxose tolo chorando) e “romper a + infinitivo” (Ex.: Rompía todo a chorar / rompía todo chorando); as terminativas: “chegar a + infinitivo” (Ex.: Chegaba a triunfar no negocio / chegaba triunfando no negocio) e “vir (a) + infinitivo”, que pode prescindir da preposición (Ex.: Iso viña (a) rematar o problema / iso viña rematando o problema); e as reiterativas “volver (a) + infinitivo”, que habitualmente prescinde da preposición (Ex.: Volvía (a) contar andrómenas / volvía contando andrómenas) e “tornar a + infinitivo” (Ex.: Tornaba a correr en coche / tornaba correndo en coche).

            E tamén situacións onde non pode substituír o xerundio porque a frase perde coherencia, como: Coñecendo o asunto muda a miña opinión / *a coñecer o asunto muda a miña opinión, chegas antes saíndo despois ca el / *chegas antes a saír despois ca el, etc.

            No infinitivo xerundial o normal é que o infinitivo vaia sen flexionar dado que adoita aparecer acompañando o verbo auxiliar (Ex.: Continúa a ler no libro, levaban a sofrer moito, marchamos a correr de alí), mais cando aparece como construción autónoma ou con outros elementos interpostos entre o verbo auxiliar e esta construción si pode ir flexionado, sobre todo cando hai certa distancia entre ámbalas formas verbais, así: Deume pena ver tantas mulleres a chorardes/chorando, apareceron de súpeto os amigos do noivo a cantaren/cantando as coplas. E nótese a diferenza entre: Andamos a visitar os museos da cidade, e: Andamos toda unha intensa xornada a visitarmos os museos da cidade; ou: Estabades a falar mal dela, e: Estabades tódalas do grupo de danza a falardes mal dela.

            O infinitivo xerundial é un trazo característico do galego-portugués, e ende ben no portugués está perfeitamente vivo, que debemos potenciar na nosa fala pra amosar un idioma con características de seu, constituíndo á vez unha barreira máis contra a asimilación do galego polo castelán.


No hay comentarios:

Publicar un comentario