sábado, 8 de noviembre de 2014

Palabras prohibidas

Hai uns días vin a nova da publicación dun novo poemario de Alberte Momán: “A seiva calcinada”, en edición trilíngüe (galego, castelán e italiano). Calquera leitor galego entende perfeitamente o título sen necesidade de ver a tradución castelá porque a palabra “seiva” forma parte do léxico galego. Con todo, o dicionario da RAG non a admite como correcta e remite á palabra “zume”como substituta normativa; mais se un consulta o Gran Dicionario Xerais da Lingua comproba que neste si aparece reseñada, xunto coas variantes “*saiba” “*savia” e “*sávea”, e mesmo dá lugar ao adxectivo “seivoso”.
                Salienta que a RAG rexeite esta palabra, cando a maior parte das linguas occidentais fan unha distinción léxica entre o líquido nutritivo das plantas, o líquido nutritivo extraído de plantas ou animais e o líquido orgánico contido en certas glándulas ou mucosas, que a RAG reduce a unha soa palabra con tres acepcións: zume. Mais que o GDXL recolle con tres palabras diferentes: seiva, zume e suco; seguindo o exemplo do portugués (seiva, sumo e suco), do castelán (savia, zumo e jugo), do francés (sève, jus, suc) ou do inglés (sap, juice, acid); que se reducen a dúas no catalán (saba,suc ,suc) e no italiano (linfa, succo, succo).
                Por certo, dado que os etimoloxistas indican que seiva provén do latino “sapea” e este do tamén latino “sapa”, o lóxico sería escribir con B a palabra, seguindo a regra etimolóxica de uso de V e B na nosa ortografía: seiba.

                Outra palabra rexeitada pola RAG é “búsola/brúxula”, a primeira forma por lusismo e a segunda por castelanismo, substituída pola palabra “compás” que o mesmo serve para denominar a “agulla de marear” ca para o “instrumento xeométrico para debuxar círculos”. O resto das linguas romances adoptaron a palabra italiana (bussola) para o instrumento marítimo: brúixola (catalán), brújula, boussole (francés), bússola (portugués) ou busola (romanés). Mais a nosa academia decidiu que o galego fose a excepción.

                Tamén “baixel”, catalanismo (vaixell) adoptado polo castelán: bajel, e polo portugués: baixel, é omitido no DRAG, a pesar de ser unha palabra ben recollida en dicionarios anteriores ao primeiro normativo da RAG, en 1997.

                Hai unha tríade rexeitada pola RAG, malia o seu frecuente uso por parte de escritores, que serve para diferenciar as principais acepcións da palabra admitida pola RAG e coincidente co castelán: celo(s). Son “ciúmes” (sentimento de desconfianza cara á persoa amada), “cío” (excitación sexual nos animais e época desta excitación) e “celo” (coidado no labor que se fai), procedentes do portugués e a principal razón polas que son desaprobadas. Con todo, o Dicionario de Dicionarios do ILG amósanos que a palabra “ciumes” xa se recolle no dicionario de M. Valladares Núñez de 1884, no vocabulario popular de X. Filgueira Valverde e outros de 1926, no dicionario de L. Carré Alvarellos de 1928-31, no de J. Ibáñez Fernández de 1950 e no de X. L. Franco Grande de 1972; polo que se “ciúmes” e os seus adxectivos “ciumento” e “ciumoso” son lusismos, non son precisamente recentes. Así mesmo “cío” aparece no dicionario de L. Carré Alvarellos.

                Por que todos estes lusismos, con certo avoengo na nosa lingua literaria, son rexeitábeis mentres que outros son perfeitamente asumíbeis (orzar e orzamento, gravata, colete, axuda de custo, grampa, parafuso, citania, paralama, etc.), é algo que pertence aos misterios da RAG.

Como vemos cos exemplos devanditos o principio de coherencia coas demais linguas romances en xeral e co portugués en particular, propugnado pola RAG nas súas NOMIG, fica en papel mollado en moitas ocasións, sen que poidamos coñecer as razóns para tales excepcións.

1 comentario:

  1. Ola, boa noite! Moi interesantes os artigos do blogue. Levo xa un tempiño dandolle olladas e apréndense moitas cousas da lingua.

    Quería comentar en relación ao texto das palabras prohibidas, que as palabras galegas zume e suco non teñen un só equivalente en italiano con "succo". Zume pódese traducir coma "succo" mais tamén coma "spremuta" (participio pasado feminino do verbo "spremere", espremer -> espremida en galego), mentres que suco se traduce en italiano coma "sugo".


    Enciclopedia TRECCANI
    ZUME
    Succo: http://www.treccani.it/vocabolario/succo/
    Spremuta: http://www.treccani.it/vocabolario/spremuta/

    SUCO
    Sugo: http://www.treccani.it/vocabolario/sugo/



    Un saúdo.

    ResponderEliminar