É case un
costume ver nos textos galegos erros léxicos que deberían hai moito tempo
estaren superados. Algúns moi espallados consisten en confundiren palabras que
se semellan pero que significan cousas ben diferentes e están xerados –como
non– porque os autores seguen a ter o castelán como lingua de referencia.
Esquecen que cada lingua produce as súas propias homonimias, e por tanto non
sempre temos de coincir co castelán, como demostrarei con varios exemplos.
Como di
o título deste texto, aínda que a orixe das dúas palabras sexa o mesmo: o lat.
serodio “sirena” < lat. clásico “siren” < grego “seirén”, en galego non
son a mesma palabra coma en castelán; porque a voz serea é patrimonial e sirena
unha adaptación do francés “sirène” a través do castelán, que o portugués adaptou
como “sirene”. E por certo, na antiguidade clásica as sereas non eran seres
mariños senón aves con cabeza de muller, sendo na Idade Media cando pasaron a
se confundiren coas nereidas e adoptaren a forma actual de meio corpo superior
de muller e meio corpo inferior de peixe.
Unha buguina só pode ser un molusco mentres
que bucina é a forma máis usada para
o aparello que produce un ruído estrondoso como aviso, aínda que tamén sexa
sinónimo para o molusco, ao igual que bucio,
que á súa vez serve para denominar o mergullador con respiración externa
mediante tubos que van á superficie.
Usar grao no canto de grado, ou viceversa, é un erro clásico e, ao parecer, inexorábel,
aínda que sexa ben doado de evitar: a primeira palabra indica graduación e a
segunda decisión e úsase basicamente nas expresións: de (bo) grado, é dicir
“con gusto”, e de mao grado, ou “de má gana, a desgusto”.
As
chaves de paso de auga reciben o nome de “grifo” en castelán porque nun inicio
unha cabeza deste animal mitolóxico servía como saída da auga nas fontes
públicas onde a xente acudía para encher os seus cántaros e sellas; mais en
galego o ser fantástico recibe o nome de grifón.
En portugués a chave recibe o nome de “torneira”, xa que a chave serve para
tornar, ou mudar, o curso da auga, e curiosamente a palabra existe en galego co
significado de lugar nun rego onde se coloca unha lousiña ou pedra para mudar o
curso da auga cara a outra vía. Con todo, o estándar galego escolleu a palabra billa para denominar a chave de auga,
tomando este termo do burato que hai nun bocoi para dar saída ao viño e que se
abre ou fecha mediante unha espita de madeira, ampliando o significado da
palabra. Recurso ben habitual en calquera lingua.
O
castelán tivo de inventar o termo “subsuelo” para denominar a terra que fica
debaixo do chan, o que en galego se
denomina solo, xa que logo, usar
“subsolo” para o mesmo concepto non deixa de ser un calco innecesario.
Eis
agora outra confusión contumaz: segredo
e secreto, aínda que o primeiro é un
substantivo e o segundo un adxectivo, moita xente segue usando o un no lugar do
outro grazas a que no castelán ambas as formas coinciden: “secreto”. Alén disto
a locución adverbial en segredo case
sempre aparece como *en secreto, no entanto o adxectivo é correcto no adverbio
sinónimo secretamente.
O nome
do primeiro emperador romano “Iulius” deu nome ao mes de xullo e tamén popularizou un antropónimo que en galego se
transformou en Xulio, con todo o uso da mesma forma para o mes e o nome en
castelán (julio/Julio) fai que moitos denominen o mes co antropónimo, aínda que
o contrario é inaudito.
Outra
palabra que crea confusión é vela,
que en galego soamente designa a tea que se usa para impulsar os barcos por mor
do vento e a acción de velar, é dicir ficar esperto durante a noite, mais que
tamén moitos usan incorrectamente como sinónimo de candea pola existencia deste sinónimo en castelán.
Seica
moitos galegos descoñecen que os casteláns teñen dez dedos, normalmente,
mentres que os galegos temos só cinco, o estraño paradoxo explícase porque en
galego diferenciamos entre as cinco prolongacións da man: os dedos, e as do pé: as dedas. Por tanto, os galegos temos
cinco dedos e cinco dedas, mais fan a mesma función ca os dez dos casteláns.
Nun
inicio, na Idade Media, os “viláns” eran os moradores dunha “vila” non nobres,
mais co paso do tempo e dado que a historia non a escriben os analfabetos, como
eran na súa inmensa maioría estes habitantes, o termo pasou a ter un matiz
despectivo na boca da nobreza que aos poucos foi gañando terreo á acepción
orixinal, polo que vilán pasou ser
sinónimo de persoa vil; daquela en galego xurdiu outra palabra para substituír
a aquela na súa acepción primeira: vilego,
que non ten ton despectivo ningún. Por tanto, nós diferenciamos entre viláns e
vilegos, sendo posíbel ambas as cousas: ser un vilego vilán.
Agora
dúas palabras que tamén é frecuente que se confundan por se traduciren coa
mesma palabra en castelán: reja. Mais en galego son ben diferentes, que unha
cousa é a peza férrea do arado para abrir os sucos, ou sexa a rella, e outra a composta por varias
barras para fechar entradas ou cerrer terreos, que chamamos reixa, e que cando forman un conxunto
denominámola enreixado e non *verxa.
Non hai
moito lin que alguén comía xudías,
decontado descartei que se tratase dun antropófago con predilección polas
mulleres de relixión xudaica e que na verdade a persoa estaba a comer o que en
galego chamamos feixóns ou fabas. O risco de canibalismo só
existe en castelán, que tamén coñece outros moitos nomes para a mesma planta
(alubia, haba, habichuela, fríjol/frijol, poroto, etc.), por mor da
coincidencia do xentilicio coa denominación máis usada no estándar español,
procedente do árabe “yudiya”.
Ao
igual que os casteláns podemos bailar la “jota” e tamén escribila, aínda que
sexa unha letra habitual no seu idioma e nós só a usemos nalgunhas palabras de
orixe foránea, o que non podemos é denominar ambos os conceptos da mesma forma
porque á letra lle chamamos iota e
ao baile xota.
Semella
difícil pero por veces vexo como se usan como sinónimos perfeitos as
preposicións até/ata e deica esquecendo que esta última
precisa sempre da idea dun punto de inicio espacial ou temporal. Supoño que a
inexistencia desta duplicidade en castelán inflúe nos escritores que estudan
pouca gramática galega. Así que podemos usar calquera de ambas as preposicións
en frases como: “hai que ir até/deica a praia” ou “imos estar deica/até a
noite”; mais non nestoutras como: “estiveron desde a meianoite até a
mañanciña”, “deica unha hora chega a Uxía” ou “até os nenos o saben”.
E por
último, todo un clásico da interferencia de significado do galego por mor do
castelán: pobo, unicamente válido
para falarmos dun conxunto de xente cuns trazos comúns e lugar ou aldea e vila, termos de uso obrigado para nos
referirmos ás poboacións pequenas.
Con
todo, non sempre se dá a posibilidade de dúas palabras galegas fronte a unha homógrafa
castelá, a opción contraria tamén ten numerosos exemplos, así:
A xesta galega correspóndese cos
casteláns “retama” ou “hiniesta” e “gesta”.
Venda con “venta” e “venda”.
Risco con “riesgo” e “raya”.
Trono con “trueno” e “trono”.
Sede con “sed” e “sede”. Mais convén
non esquecer que cando a sede é episcopal, é dicir catedral, denominámola sé.
Xiba con “chepa” ou “joroba” e “sepia”.
Soar con “sonar” e “solar” (terreo
edificábel).
Tea con “tela” e “tea”.
Doce con “dulce” e “doce”.
Xibón con “jubón” e “gibón”.
Pena con “peña” e “pena”.
E Segundo con “según” e “segundo”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario