A palabra outono fai
que o galego sexa xunto coas falas veciñas leonesa (outoñu, forma máis común, e outuenu,
en Babia e Laciana) e mirandesa (outonho
–pronunciada coma en leonés–) as únicas de todas as linguas romances onde o
ditongo latino “au-” da palabra autumnus
evoluíu para “ou-”, tendo en conta que o portugués estándar actual, aínda que
escribe outono, pronuncia “ó’tônu”.
Esta
redución portuguesa, no seu caso co paso intermedio por “ou-“ nunha etapa
anterior, do ditongo inicial a “o-“ ou a conservación do ditongo latino “au-“
son, con diferenza, as solucións maioritarias nas linguas romances. Así o
castelán otoño e o xudeoespañol otonyo, o francés automne (pronunciado “o’tón”) e demais falas de oil como o normando
da illa de Guernsey (autaomme, que
tamén usa o sinónimo ertchéyant), o
crioulo haitiano (lotòn, coa adición
do artigo á palabra), algunha de oc como o provenzal (autoun, que usa a ortografía francesa), e varias das falas
galoitálicas: piemontés (otogn),
xenovés (ötunno), lombardo de
Bérgamo (ötömn) e de Brescia (ótumn), emiliano de Parma (otoun), etc., entre a primeira
solución; e coa segunda solución están o arpitán – ou franco-provenzal– (âoton), o occitano estándar (automne), o gascón (autòna e auton) que tamén usa “tardor” por exemplo no aranés (única fala
occitana oficial nun territorio), o italiano autunno e a maioría das falas italianas, sobre todo as centromeridionais,
como o corso, o siciliano e o calabrés (autumnu),
o emiliano-romañol (autöun, autòn, autun),
o lombardo occidental (autunn), o
veneciano (autuno),etc., e idiomas
artificiais como o esperanto e o ido (autuno),
a Lingua Franca Nova (autono)
ou interlingua (autumno).
Sendo esta
última tamén a solución do inglés, a nova lingua franca internacional: autumn. Palabra latina incorporada a
través do francés medieval que non chegou a se converter en principal até o
s.XVI, cando a populación comezou a ser maioritariamente cidadá en Inglaterra e
imitaba a fala da corte real. Antes o inglés popular usou principalmente o
xermanismo “harvest” (colleita), conservado polas demais linguas xermánicas
como o alemán (herbst), o neerlandés (herfst) ou o frisón (hjest). Aínda que
nos EUA, principalmente, o latinismo compite co seu sinónimo: “fall”,
procedente da frase: “fall of the leaf” (caída da folla).
Así e
todo, hai algunhas outras solucións que, coma a do NW ibérico, escapan das dúas
maioritarias. Son os casos do sardo atonzu
(forma unificada face á forma campidanesa: atonju, e a logudoresa: attónzu)
e do romanche atun, coa redución do
ditongo a “a-“; do ladino altonn, o emiliano-romañol avtûn ou o lombardo de Mantua aftun, que consonantizan o ditongo latino, e do romanés e mais o arumano toamna, coa eliminación do ditongo
latino.
E logo están tamén os
idiomas que adoptaron unha denominación de orixe diferente da latina “autumnus”
como denominación estándar desta estación: tardor
en catalán, cunha variante tardaó
no catalán occidental que remite máis claramente á palabra latina de orixe
“tardatione” (tardanza), tamén existe o sinónimo automne, usado máis en Valencia e como forma poética en Cataluña e
os populismos “primavera d’hivern” en Valencia ou “primavera de s’hivern” nas
Baleares e “santmiquelada”, polo día de San Miguel (29 de setembro); seronda en asturiano (e tamén en
leonés), con seroña como variante
minoritaria, que tamén coñece as formas otoñu
e otuenu, e unha forma tardíu, que tamén se recolle como
leonesismo na fala popular salmantina, que emparenta claramente coa forma estándar
catalá e co mesmo significado ca “seronda” (serodia); agüerro en aragonés, coa mesma orixe ca o agòr (e a súa variante abòr)
gascón, usado sobre todo en bearnés, a palabra basca agorril ( agosto < agor “seco” + hil “mes”, substituído no basco
xeral polo latinismo “abuztu”< agustu), e tamén os populismos “santmigalada”
ou “santmiguelada”, coa mesma orixe ca en catalán. Así mesmo o friulano prefire
a forma sierade como forma principal
face ao seu sinónimo auton; o valón
prefire waeyén-tins á forma ôtone; e o normando usa arryire.
No
entanto, non debemos pensar que este esquema se repite nos demais casos de
palabras latinas co ditongo “au”, pois no mesmo galego non sempre temos como
único resultado “ou”. Así este se dá en palabras como: “tauru > touro” (galego,
mirandés –pronunciado “touru”–), “> toro (castelán, aragonés, italiano, véneto,
haitiano, catalán –aínda que neste idioma a voz máis usada é “brau”–), “>
taureau” (francés), “> touro (portugués –pronunciado “tóru”–), “> toru”
(ástur-leonés, corso, siciliano), “> torê, torea” (valón), “> tor”
(lombardo, romañol, occitano –ás veces escrito como “taur(e)–), “> taur”
(friulano, romanche, romanés) e “> trau” (sardo); “auru > ouro” (galego,
mirandés –pronunciado “ouru”–), “> ouru” (leonés occidental), “>oru”
(asturiano, leonés oriental, sardo, corso, calabrés, siciliano e portugués
–aínda que escrito “ouro” e coa variante “oiro”–), “> oro” (castelán,
aragonés, italiano, véneto), “> or” (francés, catalán, piemontés, lombardo,
occitano), “> aur (occitano –ten esta solución xunto coa anterior–,
friulano, romanche, romañol, romanés) e “>oo” (arpitán, lígur); “paucu >
pouco”, “causa > cousa”, “pausare > pousar” ou “raucu > rouco”. Porén
tamén temos duplas solucións en palabras como: “audire > ouvir/oír” –con variantes
dialectais como “ouír”e “ouguir”–, “laudare > louvar/loar” ou “lauru >
louro/loiro”; e solucións diferentes en palabras como: “auricula > orella”,
“augustu > agosto”, “auguriu > agoiro”, “fauce > foz”, “claudere >
choer” ou “paupere > pobre/probe (pop)”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario