Hai uns días vin a nova da publicación dun novo poemario de
Alberte Momán: “A seiva calcinada”, en edición trilíngüe (galego, castelán e
italiano). Calquera leitor galego entende perfeitamente o título sen necesidade
de ver a tradución castelá porque a palabra “seiva” forma parte do léxico
galego. Con todo, o dicionario da RAG non a admite como correcta e remite á
palabra “zume”como substituta normativa; mais se un consulta o Gran Dicionario Xerais
da Lingua comproba que neste si aparece reseñada, xunto coas variantes “*saiba”
“*savia” e “*sávea”, e mesmo dá lugar ao adxectivo “seivoso”.
Salienta
que a RAG rexeite esta palabra, cando a maior parte das linguas occidentais fan
unha distinción léxica entre o líquido nutritivo das plantas, o líquido
nutritivo extraído de plantas ou animais e o líquido orgánico contido en certas
glándulas ou mucosas, que a RAG reduce a unha soa palabra con tres acepcións:
zume. Mais que o GDXL recolle con tres palabras diferentes: seiva, zume e suco;
seguindo o exemplo do portugués (seiva, sumo e suco), do castelán (savia, zumo
e jugo), do francés (sève, jus, suc) ou do inglés (sap, juice, acid); que se
reducen a dúas no catalán (saba,suc ,suc) e no italiano (linfa, succo, succo).
Por
certo, dado que os etimoloxistas indican que seiva provén do latino “sapea” e
este do tamén latino “sapa”, o lóxico sería escribir con B a palabra, seguindo
a regra etimolóxica de uso de V e B na nosa ortografía: seiba.
Outra
palabra rexeitada pola RAG é “búsola/brúxula”, a primeira forma por lusismo e a
segunda por castelanismo, substituída pola palabra “compás” que o mesmo serve
para denominar a “agulla de marear” ca para o “instrumento xeométrico para
debuxar círculos”. O resto das linguas romances adoptaron a palabra italiana (bussola)
para o instrumento marítimo: brúixola (catalán), brújula, boussole (francés), bússola
(portugués) ou busola (romanés). Mais a nosa academia decidiu que o galego fose
a excepción.
Tamén “baixel”,
catalanismo (vaixell) adoptado polo castelán: bajel, e polo portugués: baixel,
é omitido no DRAG, a pesar de ser unha palabra ben recollida en dicionarios
anteriores ao primeiro normativo da RAG, en 1997.
Hai
unha tríade rexeitada pola RAG, malia o seu frecuente uso por parte de
escritores, que serve para diferenciar as principais acepcións da palabra
admitida pola RAG e coincidente co castelán: celo(s). Son “ciúmes” (sentimento
de desconfianza cara á persoa amada), “cío” (excitación sexual nos animais e
época desta excitación) e “celo” (coidado no labor que se fai), procedentes do
portugués e a principal razón polas que son desaprobadas. Con todo, o
Dicionario de Dicionarios do ILG amósanos que a palabra “ciumes” xa se recolle
no dicionario de M. Valladares Núñez de 1884, no vocabulario popular de X.
Filgueira Valverde e outros de 1926, no dicionario de L. Carré Alvarellos de
1928-31, no de J. Ibáñez Fernández de 1950 e no de X. L. Franco Grande de 1972;
polo que se “ciúmes” e os seus adxectivos “ciumento” e “ciumoso” son lusismos,
non son precisamente recentes. Así mesmo “cío” aparece no dicionario de L.
Carré Alvarellos.
Por que
todos estes lusismos, con certo avoengo na nosa lingua literaria, son
rexeitábeis mentres que outros son perfeitamente asumíbeis (orzar e orzamento, gravata,
colete, axuda de custo, grampa, parafuso, citania, paralama, etc.), é algo que
pertence aos misterios da RAG.
Como vemos cos exemplos
devanditos o principio de coherencia coas demais linguas romances en xeral e co
portugués en particular, propugnado pola RAG nas súas NOMIG, fica en papel
mollado en moitas ocasións, sen que poidamos coñecer as razóns para tales
excepcións.
Ola, boa noite! Moi interesantes os artigos do blogue. Levo xa un tempiño dandolle olladas e apréndense moitas cousas da lingua.
ResponderEliminarQuería comentar en relación ao texto das palabras prohibidas, que as palabras galegas zume e suco non teñen un só equivalente en italiano con "succo". Zume pódese traducir coma "succo" mais tamén coma "spremuta" (participio pasado feminino do verbo "spremere", espremer -> espremida en galego), mentres que suco se traduce en italiano coma "sugo".
Enciclopedia TRECCANI
ZUME
Succo: http://www.treccani.it/vocabolario/succo/
Spremuta: http://www.treccani.it/vocabolario/spremuta/
SUCO
Sugo: http://www.treccani.it/vocabolario/sugo/
Un saúdo.