Folerpa *de neve.
Con demasiada frecuencia leo a expresión que titula este
texto: un redundante e innecesario calco do castelán “copo de nieve”, dado que o termo “folerpa” ten o significado exacto
de “porción conxelada de auga que constitúe a neve”.
O castelán
usa a palabra “copo” pra este significado, mais tamén pra denominar: “calquera
porción doutra substancia que lembre a dunha folerpa” (copos de avena), “porción dunha materia pra se fiar” (copo de lana) e “porción dun líquido
callado” (copos de sangre); polo que
se estendeu o uso de “copo de nieve”
pra precisar o significado. Algo totalmente innecesario no noso idioma porque
“folerpa” non ten outros significados, agás que se use metaforicamente, en cuxo
caso si sería recomendábel unha precisión semántica. Por ex.: folerpas de
escuma, folerpas de papel etc.
E o
portugués usa as palabras: “floco”, “folheca” ou “foleca” (rexionalismo de Douro) e “folipa” ou “folipo”, mais
a expresión “floco de neve” é a máis
común. Aquí, coma en castelán, tamén se fai necesario precisar o significado
porque o termo “floco” tamén se emprega pra denominar outros elementos:
conxunto de filamentos leves, conxunto de pelos, cordón de felpa e partícula
achatada de cereal ou outro alimento.
Porén, como
en galego temos outras palabras distintas de “folerpa” pra denominar estes
outros elementos: flocos de avea, floco (de fíos ou de pelo), coágulo ou
callón, grumo etc., faise totalmente innecesario precisar o significado de
“folerpa” Obviamente, é a imitación do castelán –pois dubido moito que sexa a do
portugués– o que leva a usar o innecesario calco.
Aínda
que “folerpa” sexa con diferenza a palabra máis utilizada pra este concepto, o
dicionario da RAG recolle ata doce sinónimos: cerello, faísca, falopa,
fargallo, farrapa ou farrapo, felepa ou folepa, foleca, foupa, galapo e melga.
Seguro que hai máis, pro trece sinónimos son máis ca abondo pra demostrar que o
fenómeno da neve é algo común no noso país, inda que cada inverno que pasa neve
en menos lugares e en menor cantidade.
Se usar “folerpa
*de neve” é unha redundancia, empregar “copo de neve” sería un castelanismo
aberrante, posto que a palabra “copo” en galego ten uns significados diferentes
de vez dos do castelán.
Outra diferenza
significativa entre o galego e o castelán é que a verba “folerpa” e outros
sinónimos dá lugar a verbos sinónimos de “nevar”: folerpar, falopar, felepar,
folepar ou farrapear; e a substantivos que sinónimos de “nevada ou nevarada”: folerpada
ou farrapada.
Por
último, cando a neve vai acompañada dun forte vento xélido recibe os nomes de:
brea, cifra, ciobra, rebelaxe ou xistra; palabras moi nosas que fan innecesario
usar expresións como “temporal de neve” e similares.
No hay comentarios:
Publicar un comentario