miércoles, 1 de noviembre de 2023

ARROAZ, BOTO ou BUFA: os nosos nomes pró Tursiops truncatus


Estes son os tres nomes que o dicionario da RAG recolle como formas patrimoniais da especie Tursiops truncatus; a máis popular e coñecida dos delfínidos, por ser a habitual dos delfinarios.

            Sendo unha especie habitual das augas galegas, non estraña que recibise varios nomes populares: arroaz, arroás, arruaz, bota, boto, botiña, botiño, bufa, bufo e bufana, segundo recolleu M.C. Ríos Panisse na súa obra “Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia” (Verba 19, 1983, USC). Delas, tres foron as escollidas pola RAG pra seren usadas no noso estándar: arroaz, boto e bufa. E dixen “recibise” porque hoxe, máis de novo, a acción deturpadora do castelán, vai impoñendo a súa denominación na nosa terra: delfín mular, quizais tomado do catalán: dofí mular, dado que Martín Sarmiento (Obra de 660 pliegos, 1762 e ss) indica que as denominacións habituais en España prós delfínidos eran “golfín” no océano setentrional e “toñina” no meridional, mais que nas costas de Galiza recibe o nome de “arroaz” e que “boto” é unha especie de delfín.

            En verdade, conforme comprobamos consultando textos e dicionarios antigos, as palabras: arroaz, roaz, delfín, golfín, golfiño, toñina, toniña, boto, bufa etc., denominaban distintas especies de delfínidos segundo o lugar, e soamente a procura contemporánea dun nome vernáculo específico pra cada especie foi singularizando as diferentes verbas como denominacións exclusivas. Algo doadamente comprobábel ao comparar algunha destas voces en diferentes idiomas ou variantes, así:

Arroaz” – Prá RAE é sinónimo de “delfín” e faina proceder do árabe andalusí *arrawwás” (cabezudo) e relaciónaa co portugués “arroaz”, palabra que non recollen nin o dicionário Priberam nin o dicionário Infopédia, mais si “roaz”, que dan como sinónimo de “golfinho, delfim ou toninha” e tamén como denominación do Tursiops truncatus, que recibe así mesmo os nomes específicos de “golfinho-roaz, golfinho-nariz-de-garrafa e roaz-corvineiro”, e fana proceder do latín *rodace < rodere (roer). En portugués “roaz” tamén se emprega pra denominar a orca: “roaz-de-bandeira”. E o dicionario da RAG recolle “arroaz” como sinónimo de “delfín”, por extensión, na súa segunda acepción. Pró Gran Dicionario Xerais da Lingua (GDXL) é o delfín Delphinus delphis, que ten como sinónimos: delfín, golfiño e toniña.

Boto” – Pró GDXL é o delfínido Grampus griseus,

Bufa” – Pró GDXL é un delfín pequeno de aleta redondeada e fociño obtuso, descrición que cadra máis coa da toniña ca calquera outra especie galega.

Tonina” – É o nome de Tursiops truncatus nas Illas Canarias, Río da Prata e costa de Veracruz en México; mais tamén o nome de Sotalia guianensis (es. delfín costero) no Lago de Maracaibo e arredores en Venezuela: “tonina del lago/costera”; de Inia geoffrensis (golfiño do Amazonas ou rosado), que tamén recibe os nomes de “boto” e “uiara” en brasileiro e “bufeo”; de Cephalorhynchus eutropia, “tonina” (golfiño chileno), e Cephalorhynchus commersonii, “tonina overa” (golfiño de Commerson); e de Pontoporia blainvillei, tamén coñecido como “franciscana” na Arxentina e Uruguai e “toninha” no Brasil (golfiño do Prata); e con todo, “toñina” en Andalucía designa o atún, aínda que “tonina” tamén se emprega pra este peixe.

            As linguas polo xeral non distinguen especies e aplican denominacións populares a varias especies, por tanto, a moderna nomenclatura debe procurar nomes a estas especies nos distintos idiomas vernáculos, como se comproba vendo os nomes dados ao Tursiops truncatus en diferentes linguas europeas:

Inglés – bottlenose dolphin.

Portugués – golfinho-roaz, golfinho-nariz-de-garrafa, roaz-corvineiro.

Castelán – delfín mular, toniña, tursión (cultismo) e delfín nariz de botella (anglicismo).

Catalán – dofí mular e corçana.

Vasco – izurde handi [gran golfiño].

Francés – grand dauphin, souffleur, dauphin à gros nez e tursiops (cultismo).

Italiano – tursiope (cultismo).

Alemán – große tümmler [gran toniña].

            As propostas de nome estándar pra este delfínido, amais das tres que recolle o dicionario da RAG, foron varias:

Cetáceos, focas e tartarugas mariñas das costas ibéricas (SGHN, 1989) – denomina esta especie como “arroaz real” porque usa o xenérico pra outras tres especies: arroaz boto (Grampus griseus), arroaz pinto (Lagenorhynchus acutus) e arroaz careto (Lagenorhynchus albirrostris).

Guía dos Mamiferos de Galicia, Baía ed., 2007 – asume as denominacións do anterior libro nas tres especies que recolle: “arroaz real”, e tamén “arroaz boto” (Grampus griseus) e “arroaz pinto” (Lagenorhynchus acutus).

Os nomes galegos dos cetáceos, A Chave, 2020 – “arroaz”, coas variantes: roaz, arroás, arruaz, boto e bufa. Mais o Grampus griseus é “brancón”, coas variantes “arroaz boto” e o cultismo “grampo”, a “toniña” (Phocoena phocoena) ten as variantes: porco do mar, boto e bufa, o Lagenorhynchus acutus é “golfiño de flancos brancos” pro “boto” é tamén xenérico de especies suramericanas dos xéneros Sotalia spp. e Inia spp.

A Wikipedia galega decántase por “arroaz”, aínda que tamén amosa a maioría dos recollidos por M.C. Ríos Panisse como nomes vulgares da especie.

O dicionário Estraviz recolle a forma “arroaz”, pro tamén dá como sinónimos formas tomadas evidentemente do portugués: golfinho-roaz, roaz-corvineiro, golfinho-nariz-de-garrafa. Significativamente nin “golfinho-roaz” nin “roaz-corvineiro” teñen entrada propia no mesmo dicionario, soamente “golfinho-nariz-de-garrafa”. “Boto” é sinónimo tanto de “golfinho” coma de “toninha”, pro “bota” éo de “arroaz”; e “bufa” é sinónimo de “golfinho”, “boto” e “toninha”, mais na primeira acepción indica que se refire sobre todo ao Tursiops truncatus, polo que vale pra case calquera delfínido das nosas costas.

            En definitiva, en galego temos tres denominacións patrimoniais pra esta especie tan popular, polo que é totalmente innecesario recorrer ao castelanismo “delfín mular” ou a un anglicismo “golfiño nariz de botella”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario