viernes, 2 de junio de 2023

SENTIDO e SENSO

 

Son dúas palabras moi próximas cuxa diferenza e semellanza se deben coñecer.

            SENTIDO, que deriva do verbo “sentir”, conta coa avantaxe da súa existencia no castelán fronte a SENSO, que provén do latín “sensus”, descoñecido por aquel pro existente noutras linguas romances e inglés: senso (portugués), sens (francés), senso (italiano), sense (inglés).

            O vocábulo SENSO está recollido polo dicionario da RAG con estes tres significados: facultade mental pra razoar; capacidade pra actuar con sensatez; e maneira de entender algo.

            E o dicionario Estraviz recolle as seguintes expresións con “senso”: senso común, senso estético, senso íntimo, senso moral, senso práctico e bo senso.

            E así mesmo o portugués recolle esta palabra con estes significados: xuízo claro, siso; capacidade pra sentir, sentido (Ex.: não tem senso de humor); capacidade de pensar, xuízo, raciocinio; dirección, rumbo. Con expresións como: bom senso ou senso comum.

            Porén todos estes significados tamén se poden expresar co termo SENTIDO, que amais engade cinco significados máis, conforme o dicionario da RAG: cada unha das cinco facultades perceptivas humanas; aptitude pra facer algo; estado de plena consciencia; cada unha das dúas maneiras de percorrer unha dirección; e razón de ser.

            E sendo “sentido” o único destes dous sinónimos existente no castelán, é doado saber porque se converteu no máis empregado de ambos, e prá maioría dos falantes no único, servindo así á converxencia coa lingua dominante. Velaquí un motivo poderoso pra remanecer a palabra “senso” en todas aquelas acepcións en que é sinónima de “sentido”. Ex.: Despois do accidente parece que se lle varreu o senso; actúa coma se non tivese senso ningún; cómpre obrar con senso; hai que saber en que senso o dixo; criticou o libro dende un senso gramatical.

            Tamén están na formación do contrario ao seu significado recto. Se “senso” ou “sentido” é sinónimo de “xuízo claro, sensatez ou siso”, algo contrario á razón, ao sentido común constitúe un “contrasenso” ou “contrasentido”, que é sinónimo de “absurdo, disparate ou despropósito”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario