domingo, 6 de agosto de 2023

ACADAR e ATINXIR = COMPRENDER, ENTENDER


“Comprender” e “entender” teñen segundo o dicionario da RAG o significado de: “Chegar a saber cal é o significado de algo”, en cadansúas primeiras acepcións. Con este mesmo senso pódese usar o verbo “captar” na súa cuarta acepción. Mais se comparamos os tres verbos que nos ofrece a RAG pra esta acepción cos que recollen os dicionarios de portugués e castelán, vemos unha maior sinonimia nestas dúas linguas (portugués: compreender, entender, depreender, perceber; e castelán: comprender, entender, captar, alcanzar [8ª acepción na RAE], percibir [3ª acepción na RAE]) cá na nosa. Mais realmente é máis pobre o galego có portugués ou o castelán?

            De certo non. Mirando alén do limitado da RAG noutros dicionarios galegos podemos engadir dous verbos máis a esta acepcción: acadar e atinxir.

            O Gran Dicionario Xerais da Lingua define “acadar” na súa 7 acepción como: “Chegar a entender, atinxir (non acado o significado das túas palabras)”; e “atinxir” na súa 6 acepción como: “Chegar a entender unha cousa, acadar”. E pra este verbo o dicionário Estraviz recolle o significado baixo a forma “atingir” na súa 5 acepción de: “Abranger com o entendemento, compreender (atingir a dimensão do problema; não atingiu o que lhe disse)”.

            Mais xa antes, baixo a forma de “atinguir” o Diccionario galego-castelán (1928-1931) de Leandro Carré Alvarellos recolle a acepción de: comprender, percibir, en tódalas súas edicións; o Diccionario galego da rima e galego-castelán (1950) de José Ibáñez Fernández tamén; e o Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González (1958-1961): “comprender, entender, percibir, tener idea clara de algo”; que recolle exactamente o Diccionario galego-castelán de X.L. Franco Grande (1972).

            Xa que logo, non estará de máis contar con cinco verbos pra expresar a noción de “dar sabido o significado de algo”: acadar, atinxir, captar, comprender e entender. Aínda que sendo conscientes do seu diferente grao de uso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario