miércoles, 12 de abril de 2023

SEGREDO e SECRETO

 

Entre os erros léxicos máis habituais que se observan nos textos galegos actuais está a confusión entre estas dúas palabras da mesma familia léxica e mesma etimoloxía: o latín secretum/secretus.

            A confusión unha volta máis é debida á influencia do castelán, que exerce de modelo lingüístico –contra toda lóxica autodefensiva– na nosa cultura, onde non existe unha diferenciación entre o substantivo “segredo” e mailo adxectivo “secreto”, uniformados na única palabra “secreto”.

            Coherentemente tanto a locución adverbial coma o adverbio en castelán usan a mesma palabra na súa composición: en secreto e secretamente. Mais tamén coa mesma lóxica isto non ocorre en galego, onde se diferencia entre a locución adverbial: “en segredo”, e o adverbio: “secretamente”, que toman respectivamente as súas formas do substantivo e do adxectivo galegos. Exactamente igual ocorre no portugués: segredo > em segredo e secreto > secretamente.

            Non semella particularmente difícil distinguir ámbalas palabras, onde unha sempre é substantivo e a outra adxectivo, como tampouco debería ocasionar confusión o uso da perífrase adverbial do adverbio, ámbas co mesmo significado. Porén, ter tanto castelán no maxín e acudir a el no canto de a un dicionario de galego perante calquera dúbida produce que o noso idioma se vaia castelanizando cada vez máis. En fin, unha peniña que a falta de coidado deteriore o galego mesmo entre profesionais, pois este é un erro demasiado habitual entre escritores e tradutores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario