Os simios
homínidos ou antropoides constitúen as especies que comparten co home a mesma
familia zoolóxica dentro da orde dos primates. Son estes grandes monos, xa que
logo, os nosos máis próximos parentes biolóxicos. Todos eles viven nas zonas
tropicais do Vello Mundo e, por tanto, os nomes cos que os coñecemos nas
linguas europeas, e por extensión na maioría das linguas mundiais, proceden de
adaptacións de denominacións exóticas orixinarias dos lugares onde habitan as
especies.
Os monos antropoides seguen sendo
animais pró común da xente, parecidos a nós pro animais ao cabo, malia que os estudos
xenéticos amosan que os chimpancés comparten un 99% de secuencia de ADN cos
humanos, os gorilas un 98% e un 97% os orangutáns, formando parte xunto coa
nosa especie Homo sapiens a familia dos homínidos, que antano só se
refería ás especies humanas, como seguen a recoller os obsoletos dicionarios galegos
da RAG e Estraviz (hominídeo) pro non os máis actualizados da RAE, Oxford ou
Cambridge.
Actualmente, tamén por mor de
estudos xenéticos, recoñécense sete especies vivas de simios homínidos: dúas do
xénero Pan, dúas do xénero Gorilla e tres do xénero Pongo.
O xénero Pan
inclúe o “chimpancé” (Pan troglodytes), antano “chimpancé común”, e
mailo “bonobo” (Pan paniscus), outrora coñecido como “chimpancé pigmeo”
e descrito como especie diferente en 1929. Actualmente “bonobo” é termo universal pra se referir á especie, agás no chinés
(no heixingxing); palabra que se comeza a usar en 1954 e que ou procede dunha
palabra bantú co significado de “ancestro”, ou da deformación do topónimo
“Bolobo”, na beira do río Congo. Mentres que fica “chimpancé”
prá outra especie do xénero. Esta palabra pra uns provén do chiluba co
significado de “mono” e pra outros do congo co significado de “falso home”, ámbalas
linguas bantús do curso inferior do río Congo, e foi adaptada por case tódalas
linguas pro con variacións fonéticas e ortográficas: chimpanzé (portugués,
francés), chimpanzee (inglés), scimpanzé (italiano), ximpanzé (catalán), chimpanse
(danés), chimpansee (neerlandés), simpanssi (finés), schimpanse(m)/schimpansin(f)
(alemán), schimpans (sueco), tsimpansî (galés), sjimpanse (noruegués),
sjimpansee (afrikaans), chimpatzís (grego), shimpanze (albanés), shimpanze
(ruso), szympans (polaco), cimpanzeu (romanés), chinpanji (xaponés), chimpaenji
(coreano) etc.; coas excepcións do chinés (heixingxing) e algunhas linguas
africanas: sokwe (suahili), jiirka (somalí), rajako (malgaxe), imfene (zulú)
etc.
O xénero Gorilla
comprende o “gorila occidental” (Gorilla gorilla), que habita na África
ecuatorial entre o Atlántico e a beira oeste do río Congo, e o “gorila oriental”
(Gorilla beringei), que mora ao leste deste río no seu curso alto. O seu
nome provén do grego antigo “goríllai”, aplicado á unha tribo africana de
mulleres peludas, e con pequenas variacións de pronuncia e escrita é usado
internacionalmente pola maioría dos idiomas: gorilla (inglés, alemán, italiano,
sueco, húngaro, finés, ruso, hindi), gorila
(portugués, castelán, búlgaro, checo, serbocroata, lituano, galés), gorilâ
(romanés), goríllas (grego), gorilja (albanés), goril.la (catalán), gorilya
(filipino), goril (turco), gorille (francés), ghawrila (árabe), gorira
(xaponés) etc.; coa excepción do chinés (da xingxing) e algunhas linguas
africanas: ingagi (kiñaruanda), bakhaar (somalí), ozodimgba (igbo) etc.
E, por último, o xénero Pongo engloba o “orangután de Sumatra” (Pongo
abelii), que habita no extremo setentrional desta illa indonesia, o
“orangután de Borneo” (Pongo pygmaeus), que mora en varias zonas destoutra
illa, e o “orangután de Tapanuli” (Pongo tapanuliensis), especie recoñecida
en 2017 que antano se consideraba variedade do orangután de Sumatra e agora unha
especie particular máis próxima ao orangután de Borneo có de Sumatra, e que
habita nas selvas dos distritos de Tapanuli na provincia de Sumatra
Setentrional.
Mais é o nome xenérico das especies
do xénero Pongo o que formula controversia no noso idioma porque hai
unha denominación que procede do portugués e outra que vén do castelán, aínda
que ambas teñan a súa orixe primeira na mesmas palabras malaias: “orang utan”
(“home/persoa da selva).
O portugués “orangotango” é unha adaptación da ortografía hoxe desusada
“orang-utang” ou “orang-outang” inglesa e “orang-outang” francesa, fronte ás
actualmente preferidas “orangutan” en inglés e “orang-outan” en francés, cuxas
pronuncias son /óranhu’tan/ e /órãu’tã/ respectivamente. Mais ao facer unha
adaptación dende a ortografía e non dende a pronuncia o portugués creou unha
pronuncia incorrecta coa palabra orixinal, engadindo unha sílaba final
inexistente, e desemellante coa inmensa maioría das linguas que adaptan este
termo: orangutan (inglés, catalán, checo, polaco, serbocroata, albanés, turco
etc.), orangután (castelán, húngaro), orang-utan (alemán), orang-oetan/orang-oetang
(neerlandés), orang-outan (francés), orangotan (occitano –“o” pronúnciase
“u”–), orango (italiano), urangutan (romanés), orangutang (ruso, sueco, danés e
noruegués “–ng” final é nasal velar nas linguas xermánicas–), orangwtan (kazako),
orangutans (letón), orangutanas (liyuano), oranhutanh (ucraíno), oran’utan
(xaponés), orankuttan (támil), aarangutaan (hindi), aranhutan (belaruso),
orengutana (bengalí) etc. Soamente o grego fixo unha adaptación parecida á
portuguesa: orangoutángos.
O dicionario da RAG recolle “orangután”, o dicionario Estraviz recolle
“orangotango” e o Gran Dicionario Xerais da Lingua recolle “orangután” e “orangutango”,
pro remitindo esta á anterior. A forma “orangutango”
aparece tamén con anterioridade nos dicionarios de Eladio Rodríguez González
(1958-61) e de X.L. Franco Grande (1972), ambos editados por Galaxia. Non cabe
dúbida que “orangután” é préstamo do castelán e “orangotango” ou “orangutango”
do portugués, malia que A Chave na súa lista d’Os Nomes Galegos dos
Primates (2020) afirme que esta última forma coa súa variante é palabra
propia do galego, coincidente co portugués e sexa o nome que propón para
denominar o xénero Pongo no noso idioma: orangotango de Sumatra, orangotango
de Borneo e orangotango de Tapanuli.
Porén, escoller o lusismo
“orangotango”, esquecendo que a súa pronuncia na lingua irmá é /órãgu’tãgu/ pro
que na nosa non pode ser outra que /órangô’tangô/, lévanos a coincidir na
escrita pro non na pronuncia. De escoller o lusismo sería máis correcto a
variante recollida polos dicionarios galegos “orangutango” que se achega máis á
pronuncia portuguesa e mantén mellor o son do vocábulo “utan” orixinal como nas
demais linguas.
Pola contra, o castelanismo
“orangután” é moito máis fiel ao termo orixinal e máis coincidente co resto das
adaptacións das demais linguas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario