É coñecido que as
diferenzas máis notorias entre o galego e o portugués son de índole fonética, e
dentro desta área é seica a conservación das vogais nasais do galego-portugués
e maila creación de ditongos nasais en portugués fronte á súa desaparición en
galego a máis rechamante desemellanza, xunto coa serie de consoantes fricativas
sonoras do portugués inexistentes en galego, pola súa importancia cuantitativa
no léxico común e maila súa incidencia na representación ortográfica, facendo
que a grafía das letras nasais a miúdo representen pronuncias diferentes das do
galego en palabras semellantes.
O galego
conta con catro fonemas consonánticos nasais, todos sonoros: bilabial,
alveolar, palatal e velar. O bilabial
represéntase ortograficamente coa letra M tanto en
posición inicial de sílaba coma final (Ex.: moda, cama, ambos etc.). O alveolar gráfase con N
en posición inicial de sílaba, o seu uso máis frecuente, e tamén cando aparece
por fonética sintáctica en final de sílaba (Ex.: nada, pana, tamén [o quer] etc.).
O palatal cun ene con til: Ñ, e só aparece en posición inicial de sílaba (Ex.:
ñu, niño etc.). E o velar co dígrafo NH só entre vogais e –N
en posición final de sílaba (Ex.: unha, inhumar, anhelar –onde se aprecia o seu
carácter fonémico por oposición ao verbo “anelar”–, panca, traizón etc.).
As nasais galegas en final de sílaba, é dicir, en posición implosiva neutralízanse nun arquifonema /N/
dado que perden o seu trazo distintivo como fonemas, aínda que exista unha
pronuncia real que oscila entre bilabial ou velar
nalgúns estranxeirismos acabados en –M (Ex.:
islam /is’lam-is’lan/, tótem /’tótêm-‘tótên/, módem /’módêm-‘módên/, súmmun
/’summum-‘sumun/, réquiem /’rékjêm-‘rékjên/ etc.), bilabial
na grafía cultista –M+B/P (Ex.: campo /’kampô/,
pomba /’pómba/, tempo /’témpô/ etc.), dental
diante de D, T , Z e C+E/I (Ex.: onde /’ôndê/, onte /’óntê/, onza /’ônza/, once
/’ônzê/ etc.), labiodental diante de F (Ex.: confeito
/côm’fêjtô/, infindo /im’findô/ etc.), palatal
diante de X e mailo dígrafo CH (Ex.: cuncha /’kuntxa/, enxebre /ên’xêbrê/ etc.)
e, sobre todo, velar nas escritas con –N en final silábico diante de C+A/O/U, G, L, LL, R e S
(Ex.: anca /’anka/, anga /’anga/, canle /’kanlê/, unlla /’unLLa/, tenro /’ténRô/,
canso /’kansô/ etc.).
Aínda que en posición final de palabra o –N representa a nasal velar
sempre, con algunha excepción escrita con –M en
final de palabra (Ex.: álbum /’albun/ etc.), por mor da fonética sintáctica hai
unha serie de palabras (alguén, ben, nin, ninguén, non, quen, sen e tamén) que
mudan esta nasal a alveolar cando van seguidas
do pronome persoal átono de 3P (Ex.: non a quer /'nôna'kér/, quen o fixo
('kénô'fishô/ etc.).
Tamén pode aparece a nasal velar diante da nasal bilabial (Ex.:
conmemorar, conmover, cóntanme, enmarañar, enmeigar, enmudecer etc.) e da nasal
alveolar (Ex.: connosco, contáronnos, ennegrecer, ennobrecer etc.) dentro da
fonética patrimonial, aínda que é maioritariamente usada en cultismos, así –MN– (Ex: alumno, amnesia, columna, himno, indemne,
omnívoro, solemne, ximnasio etc.), onde a pronuncia da nasal implosiva pode ser
bilabial ou velar (Ex.: amnistía /amnis’tia-annis’tia/), –NM– (Ex.: inmediato, inmenso, inmortal, inmune etc.),
–NN– (Ex.: cannabis, innobre, innovar, perenne,
pinnípede etc.) e excepcionalmente nalgún estranxeirismo ou cultismo –MM– (Ex.: gamma [letra grega], súmmum). O grupo MN– inicial usado apenas nos cultismos “mnotécnico” e
“mnemónico”, ambos sinónimos, pronúnciase con nasal alveolar, obviando o “m”
inicial.
Amais en galego o grupo consonántico –NS final,
e ocasionalmente, en estranxeirismos ou cultismos, –MS
(Ex.: álbums /’albuns/, médiums /’mêdjums-’mêdjuns/, tándems
/’tandêms-’tandêns/, tótems /’tótêms-’tótêns/ etc.) si representa a pronuncia
das dúas consoantes tras vogal (Ex.: camións, cans, comúns, trens, xardíns etc.),
onde a letra N sempre é velar mentres que o M pode ser bilabial ou velar, aínda
que como final de palabra só na variante occidental da lingua e no estándar
porque na variante central o N desaparece da pronuncia (Ex.: camiós, cas, comús, tres, xardís etc.) e na oriental muda a
ditongo+S ou I+S (Ex.: camiois, cais, comuis, treis, xardís etc.);
e está presente en moitas palabras cultas como grupo –NS–
anteconsonántico (Ex.: consciente, construír, inspector, instante, transformar,
transporte etc.) e nalgún estranxeirismo como –MS–
(Ex.: hámster /’amstêr-’anstêr/).
O portugués,
no entanto, reduce os fonemas consonánticos nasais a tres: bilabial, alveolar e palatal, que se representan respectivamente coas
letras M e N e mailo dígrafo NH en posición inicial de sílaba (Ex.: mato, amo,
nabo, ano, nhu, anho), porque en posición final de sílaba desaparecen e as
letras –M e –N
unicamente indican que estamos diante dunha vogal ou ditongo nasal [as vogais
nasais na escrita fonética indícanse así: ã, ë, ï, õ, ü]. Ex.: álbum /'albü/,
comeram /ku’mérãw/, comum /ku’mü/, fim /’fï/, lombo /’lõbu/, médium /'médjü/,
tandem /'tãdãj/, tumba /’tüba/, também (/tã’bãj/; ainda /a’ïda/, conto /’kõtu/,
dente /’dët[ê]/, frango /’frãgu/, tunda /’tüda/ etc. Os plurais en –NS tampouco modifican esta ausencia de consoante.
Ex.: bens /’bãjs/, confins /kõ’fïs/, dons /’dõs/, vacuns /va’küs/ etc. Nin
tampouco se pronuncia cando o grupo –NS é final de sílaba en palabras cultas.
Ex.: constância /kosh’tãsja/, instante /ïsh’tãt(ê)/, transporte /trash’pórt(ê)/
etc. Pode haber algunha excepción como o estranxeirismo "totem", que
se pode pronunciar segundo o modelo tradicional ou con nasal final: /'tótãj-'tótém/.
Con todo, un fonema nasal pode aparecer en final de palabra en
vocábulos cultos ou estranxeirismos, escrito con –N
e pronúnciase coma en galego, mais fai os plurais engadindo “–ES ” > –NES. Ex.: abdómen (pl. abdómenes), cólon, design
/di’sajn/, dólmen (pl. dólmenes), éden, éon, hífen, lúmen, newton, plâncton,
pólen (pl. pólenes), Oríon, sémen etc.
Polo regular no portugués pérdese a primeira consoante dos grupos
cultos latinos –MM–, –MN–, –NM– e –NN–. Ex.: aluno, canábis, coluna, comemorar,
comover, emaranhar, enegrecer, enobrecer, gama, ginásio, hino, imediato,
imenso, imigração, imortal, imóvel, imune, inovar, perene, pinípede, solene
etc. Seguindo a súa fonética patrimonial. Ex.: contam-me /’kõtãwmê/,
contaram-nos /kõ’tarãwnush/ etc. Agás cando se engade o sufixo “-mente” aos
adxectivos acabados en “-m”, sen que isto se trasmita á pronuncia. Ex.:
comummente /kumü’mët(ê)/, ruimmente /ruï’mët(ê)/ etc; e no pronome persoal
“connosco” /kõ’nôshku/. Con todo, hai varios vocábulos cultos que si conservan
o grupo –MN– e o pronuncian. Ex.: amnésia
/am’nézja/, amnistia /amnish'tia/, gimnosperma /jimnósh’pérma/, indemne
/ï'démn(ê)/, omnívoro /óm’nivuru/ etc. Ou mesmo no inicio como os que teñen a
raíz grega “mnemo-“. Ex.: mnemónico /mnê’móniku/ etc.
A adaptación da ortografía
portuguesa no galego reintegracionista
precisa obrigadamente unha leitura diferente das letras nasais, porque o galego
si pronuncia os fonemas nasais en final de sílaba e non ten vogais nin ditongos
nasais.
Por esta razón, aínda que a maior
parte das solucións da ortografía do portugués estándar son asumidas por esta
norma galega, unha parte importante delas ten unha leitura diferente, así as
palabras con sílabas acabadas en –M, –N ou –NS sempre se pronuncian como
vogal+nasal velar/nasal bilabial e non como vogais ou ditongos nasais (Ex.:
amplo /'amplô/ fronte pt. /'ãplu/, vento /'béntô/ fronte a pt. /vëtu/,
consciência /kons'thjênthja/, transatlántico /transa'tlantikô/ fronte a pt.
transatlântico /trãza'tlãtiku/, sons /'sôns/ fronte a pt. /'sõsh/ etc.).
Asume o sufixo “-gem” como normativo
(Ex.: margem, origem, selvagem, vertigem, virgem etc.) e tamén o –M final en
varias palabras que o galego oficial descoñece (jovem, nuvem/nuve, ontem, ordem
etc.), mais pronunciadas como vogal+nasal velar e non como ditongo nasal (Ex.:
homem /'ómên/ fronte a pt. /'ómãj/ etc.).
E procura a restauración do sufixo “-idom”
medieval, aínda en uso no portugués (Ex.: amplidom/amplitude, aptidom,
escravidom/escravatura, escuridom/escuridade, frouxidom/frouxidade,
solidom/solitude, vastidom etc.).
Por coherencia co estándar portugués
tamén asume como propios os cultismos e estranxeirismos que o portugués pronuncia
con nasal velar final e escribe con –N (Ex.:
árgon, dolmen, éden, hífen, líquen [pl.: líquens], mórmon, néon, pólen, rádon,
sémen etc.), aínda que nalgúns admite dúas opcións (Ex.: abdómen/abdome,
cánon/cánone [pl.: cánones], certámen/certame, durámen/durame,
especímen/especime, gérmen/germe, hipérbaton/hipérbato, pláncton/pláncto etc.).
E tamén en seguimento do portugués
adopta as súas mesmas solucións prós grupos cultos latinos –MM–, –MN–, –NM– e –NN–,
coa perda xeral da primeira consoante (Ex.: aluno, hino, imigraçom, perene
etc.) e as súas mesmas excepcións (Ex.: connosco, comummente, mnemotécnica,
amnistia, gimnosperma, indemne, omnívoro etc.).
Mais hai unha serie de palabras que modifican
o seu final como as correspondentes aos ditongos nasais finais de palabra -ÃO
que pasan a –AM ou –OM
final de palabra e pronúncianse como vogal+nasal velar (Ex.: pão>pam,
capitão>capitám, razão>razom, ladrão>ladrom etc.) e os seus plurais
poden ser –AM> –ANS ou –ÃES (Ex.: pans/pães, capitáns/capitães etc.) e –OM>
–ONS ou –ÕES
(Ex.: razóns/razões, ladrons/ladrões etc.) pro mantense a ortografía
portuguesa, que non a pronuncia que sempre é vogal+nasal velar, nas palabras
acabadas en –EM/–IM/–UM> –ENS/–INS/–UNS (Ex.:
refém>reféns, fim>fins, comum>comuns etc.). Dentro das formas acabadas
en –OM están as terminacións –ÇOM, –SOM, –TOM e –XOM, as xenuínas do galego
(Ex.: cançom, liçom, naçom, pressom, visom, digestom, questom, conexom, flexom
etc.), agás na palabra: "ocasiom". Con todo, hai unha serie de
palabras patrimoniais que conservan o sufixo –AO
fronte ao sufixo –AM, considerado simple dialectalismo (Ex.: aldeao/aldeão,
anao/anão [gl. of. anano], chao/chão, irmao/irmão, mao/mão, pagao/pagão,
vilao/vilão etc.), e os seus plurais son totalmente regulares (Ex.:
castelaos/castelãos, cristaos/cristãos, saos/sãos, veraos/verãos etc.).
Finalmente, dado que o dígrafo NH representa a nasal palatal (Ex.: nhu, ninho, unha
[gl. of. uña/unlla] etc.), o galego reintegracionista introduce na súa
ortografía o dígrafo –MH– pra representar a nasal
velar entre vogais, aínda que só o usa en tres palabras: umha(s), algumha(s) e
nengumha(s).
En resumo, as nasais en posición
inicial de sílaba soan igual en galego e portugués (Ex.: mata, cama, nabo,
pana, soño/sonho etc.), mais en posición final de sílaba pronúncianse en galego
pro non en portugués, fóra dalgunhas excepcións de cultismos e estranxeirismos,
onde só indican a nasalidade da vogal ou ditongo que acompañan.
No hay comentarios:
Publicar un comentario