A recente
publicación pola editorial Galaxia dun libro co título: “Esta noite hei de ir a
verte”, motivou unha mensaxe miña á dita editora en que indicaba a incorrección
de incluír a preposición A entre os dous verbos en infinitivo. A resposta foi a
afirmación da súa corrección e maila explicación que daba a autora, doutora en
Filoloxía galega. Velaquí: “Non é castelanismo porque non é perífrase, senón
unha construciójn con valor final en que “ir” non perde o sentido de movemento.
Por iso pode levar, ou non, o “a”. Como é unha cita dunha canción popular, e é
correcto, non llo quitei. A idea de futuro non vén dada pola construción “ir a
verte”, senón por “hei de ir”. Esta si, perífrase temporal de futuro.”
Mais confeso que quedei coa dúbida e
decidín consultar as gramáticas galegas que teño como referenciais en ausencia
dunha gramática académica que se demora en demasía. Na dita consulta obtemos
estas explicacións:
Manual
de Gramática galega –
X.R. Freixeiro Mato (A Nosa Terra, 2001), no seu capítulo adicado ás perífrases
temporais, no punto “a) Ir + infinitivo: o verbo ir é orixinariamente un
verbo de movimento a partir do suxeito (Foi fechar a porta), mais de indicar
movimento físico pasou a indicar movimento mental no suxeito ou
intencionalidade (Vou coller o libro), para finalmente chegar a simples
expresión de cambio ou tendencia cara ao futuro, perdendo as connotacións
físicas e intencionais (Vas perder diñeiro). […]. Mais hai cláusulas en que é
difícil distinguirmos se hai perífrase ou non, pois cabe interpretarmos o
complexo verbal como expresión dun movimento físico, dunha intencionalidade ou
simplesmente de futuridade: Vou comprar unha casa. […]. O galego distingue
entre a perífrase temporal de futuridade ir + infinitivo e a perífrase
aspectual imperfectiva ir a + infinitivo (Ía ler / Ía a ler cando se produciu o
accidente).”
Gramática
da Lingua Galega –
Rosario Álvarez e Xosé Xove (Galaxia, 2002), no capítulo 6.5.1.2. Ir + Inf. “Esta perífrase de significado complexo, que
se reparte entre o temporal de posterioridade, […], e os aspectuais de fase
inminencial e de colocación demarcativa. […], cómpre advertir unha vez máis que
en enunciados formalmente iguais a construcción pode ser perifrástica ou non,
ou ter un sentido ou outro segundo o contexto e a interpretación:”
Mais hai algúns manuais que dan pábulo á dubida ao non indicaren
claramente a elisión da preposición en tódolos casos como:
Galego
século XXI – Nova guía
da lingua galega (Galaxia, 2004), que no apartado adicado ás perífrases
verbais, e en concreto ás temporais, indica pra “IR+infinitivo: Esta
perífrase pode indicar intencionalidade ou futuridade […] nunca leva, entre IR
e o infinitivo, a preposición A, […]”, e logo na indicación adicada a
HABER+(de)+infinitivo pon un exemplo moi axeitado ao noso título: “hei de ir
velo mañá”.
Dicionario
Galaxia de Usos e Dificultades da Lingua Galega (Galaxia, 2004), que na entrada “ir” indica que: “Canto
ás perífrases verbais que ir forma cos infinitivos, téñase en conta que co
valor de futuridade ou inminencia no galego nunca se debe intercalar a
preposición a entre o auxiliar e o infinitivo.”
Con todo, mentres no se publique a necesaria gramática
académica recomendo seguir as indicacións tanto do Gran
Dicionario Xerais da Lingua (Xerais, 2009), na entrada do lexema “Ir”,
no apartado da perífrase verbal “Ir + inf.” asigna os seguintes usos: “1)
valor de intencionalidade (dixo que ía buscarte); 2) futuro inmediato
(vas coller unha pulmonía); 3) movemento (foi bater con quen non
pensaba)”; coma do dicionario da RAG en
Internet, que na entrada de “Ir” dá os seguintes valores a esta perífrase
verbal: “Ir + inf. indica: 1) movemento (Vai abrir as ventás. Foi
caer ao pé duns bocois), 2) Que se ten a intención de (Dixo que ía
chamar cando chegase), 3) Futuro inmediato (Parece que vai chover. Imos
chegar tarde)”.
Porque pouco a pouco o castelán avanza no seu implacábel
labor de substitución lingüística, tanto fonética coma léxica ou
morfosintáctica; moitas veces, segundo parece, coa axuda de ben intencionados
filólogos galegos.
Excelente artigo, moi clarificatorio. Concordo 100% coa túa afirmación final, de a axuda de ben intencionados filólogos. Así penso que ocorre tamén coa permisividade da RAG de admitir castelanismos a esgallo, ao tempo en que rexeita enerxicamente calquer portuguesismo. Porén, no caso RAG intúo certa intencionalidade, inclusive política.
ResponderEliminar