A mudanza da
consoante L polo R é coñecida como “rotacismo”, que designa en realidade o
troco de calquera consoante polo R, sendo un fenómeno moi característico do
galego popular na adaptación dos grupos latinos cultos: BL+vogal, CL+vogal,
FL+vogal, GL+vogal e PL+vogal, que quedou ben recollido nos textos modernos ata
finais do século XX, denantes da consolidación do galego estándar, que rexeita
tal fenómeno, considerado vulgar, agás no léxico patrimonial.
Tamén existe rotacismo no troco do S
implosivo polo R cando precede a consoante sonora (/b/, /d/, /g/, /m/, /n/,
/l/, /ll/), sobre todo, ou o fonema fricativo labiodental (F), o fricativo interdental
(Z/C) e mesmo o africado linguopalatal /CH/, tanto en posición interior de
palabra coma por fonética sintáctica, fenómeno coloquial que apenas tivo
representación na escrita. Ex.: ercindir (escindir), lerma (lesma), ar vacar
brancas e ar negras, or díar dar festas , etc.
Con todo, o primeiro é un fenómeno
que forma parte da nosa lingua dende os mesmos inicios dela, pois os exemplos
deste tipo de rotacismo son abundantes nos textos medievais e constitúe unha
diferenciación fundamental dunha parte substancial do noso léxico patrimonial na
adaptación dos semicultismos fronte ao castelán, así (ex.: gl/es): branco/blanco,
brando/blando, cravo /clavo, cumprir/cumplir, dobre/doble –xunto á existencia
do cultismo “duplo”–, escravo/esclavo, fraco/flaco, frauta/flauta,
frecha/flecha, nobre/noble, pracer/placer, prata/plata, praza/plaza, preamar/pleamar
–xunto á existencia do adxectivo patrimonial “chea” e do cultismo “plena”–, preito/pleito
etc.
E non se pode obviar que formas hoxe
consideradas” vulgarismos” xa se rexistran nos textos medievais: craro/claro e
craridade/claridade, crerigo/clerigo, fror-frol/flor, groria/gloria, pruma/pluma,
tenpro/templo etc., demostrando que o rotacismo que deu lugar ás palabras
patrimoniais anteriores ben se puidera incrementar con outras máis se a nosa
tradición escrita non se vese interferida pola ortografía castelá.
O rotacismo que se dá nestes grupos
cultos: –bl–, -cl–, –fl– , –gl– e –pl– está no xenio da nosa lingua dende o
inicio da mesma, polo que a fala popular se limita a axeitar a súa pronuncia
espontánea a estes grupos nos cultismos: ampro (amplo), apricar (aplicar), cabre
(cable), crase (clase), crausto (claustro), cremente (clemente), crero (clero),
compreto (completo), contemprar (contemplar), escramar (exclamar), escruír
(excluír), esprendor (esplendor), espricar (explicar), esprorar (explorar),
esprotar (explotar), franela (flanela), frotar (flotar) –xunto co semicultismo
“frota”–, grobo (globo), incrinar (inclinar), prácido (plácido), probrema
(problema), procramar (proclamar), púbrico (público); e mesmo na adaptación de
castelanismos como: promo (chumbo), o sufixo castelán –bre (–ble) etc.
Sen a interferencia da ortografía
castelá nin o modelo do portugués estándar, que influíu notabelmente na escolla
discriminatoria do léxico semiculto que debía adoptar o rotacismo, seguramente
o galego estándar adoptaría unha maior permisibilidade con este rotacismo
semicultista e unha maior semellanza coa fala popular, única custodia da nosa pronuncia
xenuína.
No hay comentarios:
Publicar un comentario