domingo, 28 de abril de 2019

OS NOMES DAS PARTES DO DÍA


Nunha clasificación das diferentes partes en que dividimos un día de 24h, por tanto abranxendo día e noite, segundo o noso vocabulario poderiamos comezar coa:
            Madrugada, tamén chamada “Mañá” de modo menos preciso, que é o período nocturno que vai dende a medianoite ata o
            Crepúsculo (matutino) ou Crepúsculo da mañá, tamén chamado popularmente Luscofusco ou Lusquefusque, que é a claridade leve anterior á saída do Sol, se as nubres o permiten, que precede ao
            Amencer (forma do norte da Cruña e Lugo) ou Amañecer (forma do resto de Galiza), a primeira luz do día coa saída do Sol, coas variantes dialectais de mencer e amancer prá primeira forma e ameicer no N de Asturias e amaecer no S da mesma; tamén chamado das seguintes formas: Abrente (do día) e Brente; Alba (do día), Albor ou Alborada; Clarexa; Luzada (do día); Rompente (do día) e Rompida (do día/sol); Nacida (do sol/día); cultamente: Aurora; e astronómicamente: Orto, tamén usado prá saída de calquera astro.
            Se a luz toma tons vermellos por mor das nubres avermelladas iluminadas polo sol, denomínase Rubién ou Roibén.
            Despois chega a mañá, cuxas primeiras horas reciben o nome de Mañanciña e Amencida ou Amañecida. Mais o resto é simplemente
            Mañá, dialectalmente na maior parte de Pontevedra e da Cruña: mañán, e minoritariamente na Costa da Morte e parte de Bergantiños: miñán, que de forma extensa inclúe dende o crepúsculo matutino ata o
            Mediodía, dialectalmente: mediudía, medodía (en puntos da Cruña, Lugo e Ourense), meiodía (na Guarda (PO) e Lobios (OU)), meodía (no extremo sur de Pontevedra e Lobios (OU)) ou miudía, que é cando o Sol acada o seu cénit ou punto máis alto no seu percurso a través do ceo diurno pro tamén é a denominación que damos ao momento en que o reloxo marca as 12h do total das 24h diarias.
            A partir de entón comeza a Tarde, que vai deica que desaparece todo rastro de iluminación solar, mais antes da chegada da noite a tarde recibe os nomes de
            Tardiña, Atardecer ou Atardecida, e tamén entardecer, e Serán, dialectalmente serao e serau (polo centro de Galiza), que abranxe o tempo anterior ao poñerse do sol, e que coma no abrente pode tomar tons vermellos pola mesma razón e recibir o mesmo nome de Rubién ou Roibén. A seguir chega a
Posta de Sol ou Postura de Sol, e tamén: Solpor, forma preferida polo estándar literario, e Ocaso, termo culto usado tamén pra calquera astro, que indica exactamente o momento en que desaparece o Sol do ceo dando lugar ao
Crepúsculo (vespertino) ou Crepúsculo da tarde, que é a leve luz que queda durante un pedazo trala desapación do Sol, co permiso das nubres, e que coma o “crepúsculo matutino” tamén recibe o nome popular de Luscofusco ou Lusquefusque, amais dos de: Noitiña, Anoitecer, dialectalmente anoutecer, ou Anoitecida, Bocanoite, Cerrada/Cerradiña da noite ou Cerrado da noite e Xunta da noite, denantes da
Noite ou Noitada, dialectalmente nuite (occidente da Cruña), noute (oriente de Ourense) e noutada, que comeza coa Posta de Sol e remata co Abrente,
Pro aínda que a ausencia da luz solar directa sexa plena pode haber certa luminosidade por mor do reflexo da luz solar na Lúa que recibe os nomes de Luar, Lueiro e Luzada da noite ou Luzada da Lúa.
Mais se non hai claridade lunar ningunha a noite recibe os nomes de: Noite cerrada, Noite pecha ou Noite pechada e Noite fecha ou Noite fechada.
E dentro da noite está a Medianoite, que é cando o reloxo marca as 24h, finalizando así o percurso horario dun día completo, porén astronomicamente é cando o Sol está no nadir dun punto terrestre concreto ou no punto oposto ao do seu cénit.

O portugués presenta parecidas denominacións con poucas excepcións:
O nacer do día e a súa claridade é: amanhecer, alva, alvor, alvorada, alvorecer, madrugada, crepúsculo, lusco-fusco ou lusque-fusque, dilículo [poet.] e aurora; mais tamén: antemanhã ou sobremanhã e arraiada.
O “rubién” galego é “arrebol”.
O principio da manhã tamén é “manhãzinha” pro “manhaninha” en Tras-os-Montes.
Tanto “meio-dia” coma “meia-noite” levan guión.
O final da tarde e inicio da noite é: entardecer, tardinha, lusco-fusco ou lusque-fusque, crepúsculo, anoitecer e noitinha (var: noutinha); mais tamén: sobretarde e sonoite (var: sonoute, senoite).
E a noite ten as variantes de: noitada, noute e noutada.

Por último, as principais mudanzas luminosas do día tamén teñen os seus verbos correspondentes:
Facerse de día ou comezar o día: amencer ou amañecer, coas variantes dialectais xa vistas de amancer, mencer, ameicer e amaecer; aclarar (o día), aclarear (o día), clarear (o día) ou clarexar (o día), e tamén dialectalmente esclarecer (o día); alborexar (o día) ou alborecer (o día) e alborear (o día); raiar (o día)/(o sol), abrir o día/o sol, romper o día, vir o día, nacer o día/o sol; e desescurecer. En portugués: amanhecer, alvorecer, alvorejar ou alvorar.
Caer a tarde ou escurecerse o día denantes da noite: atardecer e empardecer. En portugués: entardecer e empardecer.
E facerse de noite ou comezar a noite: anoitecer e escurecer. En portugués: anoitecer (var: anoutecer, noitecer, noutecer) e escurecer, que non é sinónimo coma en galego e significa exactamente “principiar a anoitecer”.

2 comentarios: