martes, 2 de abril de 2019

CANS, CADELOS, CUZOS E CHITOS


O latín “canis/canem” evoluíu en galego a “can”, e así mesmo na maioría das linguas romances mudou en palabras iguais ou similares: can (aragonés, tamén “cocho” e “gos”), can/cà (lombardo occ/or), can (piemontés, lígur, emiliano-romañol, véneto), cane (italiano, napolitano), cane (corso e tamén “ghjacaru”), cane/cani (sardo), cani (siciliano), cjan (friulano), chaun (romanche), câni (aromano), câine (romanés), can (occitano, var.: “chan/chen [galicismos]/chin[arpitanismo]” e tamén “gos”), chin (arpetán), chien (francés), tchén (valón), kien (picardo) etc.

O portugués “cão” non é máis cá evolución da palabra galega, única forma usada en galego-portugués, escrita: “can [maioritaria], ou cam”. Pra “can pequeno” ou “canciño” úsanse as palabras: “canicho, canito, cãozinho ou cãozito”; e pra “can grande”: “canzarrão, cãozarrão ou canaz”. No Brasil a palabra usada pró “can xove”: “cachorro” –en galego usada pra calquera cría de mamífero, especialmente se é carnívoro– desprazou a “cão” como forma xeral.

            Porén, algunhas linguas romances substituíron a forma latina por outros termos: o castelán “perro”, que provén do son “prrrr” usado polos pastores pra acirrar os cans, substituíu o antigo “can”, hoxe un sinónimo en desuso; e pra denominar un “can de tamaño pequeno” existe a palabra “gozque”, tamén de orixe onomatopeica. O asturleonés (perru) e o mirandés (perro) tamén usan esta palabra.

O catalán “gos” (pl.: gossos), tamén de orixe expresiva (“gus” ou “cus”) pra chamar o can, substituíu o antano “ca”, antigo “can” (pl.: cans), aínda hoxe de uso corrente nas Baleares, onde se utiliza “cussa” pró feminino; e usa o termo “quisso” como sinónimo na linguaxe infantil ou pra denominar un “can pequeno”.
E en aranés úsase “gosset”, sen sentido diminutivo, para “can”.

            A femia do “can” recibe o nome de “cadela”, mentres que “cadelo” refírese a un “can de tamaño pequeno”, tanto por ser dunha raza con esta característica física coma porque aínda é un cachorro. Pro no galego-asturiano úsasen “canza” e “cazurra” (esta en Castropol) como sinónimos de “cadela”. Mais o “can de tamaño pequeno por raza ou ser cachorro” tamén recibe as denominacións de “cerrulo” ou “zarrulo” e “cuzo/cuza” –que nalgúns lugares é sinónimo xeral de “can/cadela”–, polo que é totalmente innecesario o castelanismo “can faldreiro” (< perro faldero).

            Varias razas de can reciben denominacións específicas: alán (raza forte e corpulenta usada pra defender o gando ou a caza maior), galgo (raza alta e delgada usada pra cazar lebres), mastín (raza de gran tamaño e robustez usada pra gardar o gando dos lobos), podengo (raza de tamaño medio usada pra cazar coellos), sabuxo (raza de olfacto moi fino usada pra seguir rastros) etc.

            En Galiza chamamos “can de palleiro” ou “can palleirán” a unha raza robusta de tamaño medio e aspecto lobeiro usada pra gardar a facenda, por isto tamén equivale a “can gardián” ou “can de garda”; e “lobicán” ao can resultante de cruzar o lobo co can, mentres que “can lobeiro” é só o que se semella ao lobo. Tamén hai que saber que un “can vagabundo” recibe a denominación de “can sen dono”, nunca o calco castelán de “*can da rúa” (< perro callejero); que o usado como simple animal de compañía, en especial se é de raza pequena: “can ranfleiro”, e os adicados a gardar o gando: “can guto”, ”can de res“ ou simplemente “can de gando”.

            A Xunta de Galiza recoñece catro razas autóctonas: o “can de palleiro”; o “can guicho” ou “quisquelo” –palabra correspondente do “gozque” castelán segundo algúns dicionarios–, usado prá caza menor, sobre todo de coello; o “can perdigueiro galego”, especializado na caza de pluma; e o “podengo galego” usado para cazar coello, lebre ou raposo.

            Hai lugares en que o can recibe o nome de “chito”, ou “chita” se é cadela, termo utilizado pra o chamar (ex.: Ven aquí, chito!) e que por extensión tamén se usa pra o denominar. A súa orixe é similar ao castelán “chucho/-a”, que de ser a interxección empregada pra chamar o can (ex.: ¡Chuch!) pasou a ser sinónimo coloquial ou despectivo de “perro”.

            Por último, relacionadas coa verba “can” están as que fan referencia a unha manda de cans: “canzada” e “caninea”, nunca o castelanismo “*xauría”; e ao lugar onde se recollen os cans abandonados ou perdidos: “canceira”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario