A conxunción
“pero” ten como sinónima a “mais”, ambas indicando unha restrición ou oposición
ao dito previamente, e amais a primeira presenta a variante “pro” como forma
menos recomendábel no dicionario da RAG.
Mais se consultamos nas NOMIG
[Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego] a explicación sobor de
“pero, mais, porén” di: “No galego
moderno rexístranse as formas peró (no leste de Lugo e no galego de
Asturias), pero e pro, estas dúas últimas por todas as
partes dentro do dominio galego. O antigo pero
(que debía de ser case sempre peró)
é forma amplamente documentada no galego medieval […]. A forma peró do galego actual é a máis próxima
á etimolóxica (< PER HOC); dela resulta a forma sincopada pro. A forma pero explícase por un troco do índice de perceptibilidade das dúas
sílabas ao deixar de ter usos como partícula adversativa tónica. […].
Normativamente prefírese a forma plena e maioritaria pero”. E engádese a seguir: “Ademais, no galego actual teñen certo uso, sobre todo como formas
literarias, as conxuncións mais e porén, de escasa presenza nos rexistros
coloquiais. Estas dúas formas considéranse normativamente admisibles a carón da
máis usual pero”.
Ninguén pode discutir as afirmacións
das NOMIG, o problema está nas verdades omitidas, a saber: que “pero” debe o
seu espallamento á súa coincidencia coa conxunción castelá de igual uso; e que
a desaparición de “mais” e “porén” coincide co esmorecemento de “mas” en
castelán e o uso cun significado diferente de “por ende” (= por tanto) nesta
lingua, mentres que o portugués, sen a presión do castelán, conservou
perfeitamente vivas ámbalas palabras “mas” e “porém” (< pro inde).
A respecto destes dous sinónimos do
maioritario “pero” o doutor X. R. Freixeiro Mato fai unha decidida defensa do
seu uso no seu libro: “Lingua de calidade” (ed. Xerais, 2009), expoñendo a máis
que dubidosa galeguidade de “pero”: “Outros
casos destacados de interferencia afectan algúns marcadores discursivos […].
Acho que se debe incluír entre eles o uso esmagador de pero, con grande presenza na lingua actual como fórmula dominante
no ámbito da expresión adversativa. Persiste hoxe en día na lingua escrita a
convivencia entre a maioritaria pero
e unha relevante presenza de mais,
que se converte en dominante naqueles autores que defenden posicións
reintegracionistas ou que procuran unha aproximación posibilista do portugués,
a optaren en ocasións pola forma mas,
tamén con algunha presenza na nosa tradición escrita; a variante pro vai ficando só como caracterizadora
da fala popular. Xa que a forma histórica do galego parece ser peró, de onde resulta a forma sincopada
pro, a explicación máis acaída que
se pode achar para o predominio actual de pero
é o feito de este ser o marcador utilizado en castelán, para alén doutras
explicacións que tamén poderían lexitimar a forma en galego, mais se callar non
o seu uso esmagador na actualidade. […]. Como existen, pois, fundadas sospeitas
de o emprego maioritario de pero ser
un castelanismo no galego e como pro
ten un marcado carácter popular, mais debe preferirse a pero, […]. Este pero
desgaleguizador e desintegrador pode ser substituído sempre e sen ningún
problema por mais e en moitos casos
por porén ou no entanto, […]”.
E o doutor Manuel Ferreiro, na súa
“Gramática histórica galega” (ed. Laiovento, 1995) di sobor destas dúas
conxuncións normativas: “A conxunción
latina SED foi desprazada por MAGIS no latín vulgar, dando como resultado a
forma mais, xeral na Idade Media,
que xa convivía con pero [peró, con
O aberto] (…), procedente do posclásico PER HOC, que sobrevive modernamente no
galego común, con mudanza de acentuación, posibelmente por influxo do español,
a carón dunha moi minoritaria pronuncia oxítona na rexión oriental (que
xustifica a frecuente e xeral forma sincopada pro).
Xa que logo, se a forma patrimonial
era “peró”, tal como afirman as NOMIG e mailo
estudosos do galego, e o seu resultado moderno é “pro”,
por que non recuperar a forma patrimonial, aínda viva nunha parte do galego
oral oriental, ou recomendar a súa forma sincopada usada no resto do galego
oral, seguindo o criterio de preferir formas vivas xenuinamente galegas no
lugar doutras con posíbel orixe castelá?
Por que a RAG admite e recomenda plenamente
este máis que probábel castelanismo, que sen dúbida ningunha debe a súa
preponderancia de uso á súa coincidencia coa forma castelá, mentres que noutros
casos similares como o da preposición “ata”,
refugou correctamente o castelanismo “(h)asta/(h)astra”, único practicamente no uso oral
contemporáneo (conforme amosa o mapa 353 do ALGa [Atlas Lingüístico Galego],
vol. II); onde a forma estándar “ata” só se recolle nun único punto do galego
berciano), e rehabilitou a forma patrimonial maioritaria na Idade Media e
admite o lusismo “até” polo seu grande emprego
literario?
Coido que quen queira un galego
descastelanizado debería usar, se se quer manter dentro da normativa da RAG, a
forma sincopada “pro”, por ser sen
dúbida ningunha unha forma enxebre, ou o seu sinónimo “mais”, lexítima conxunción galega, e amais “porén”, cando sexa posíbel, pois é unha auténtica conxunción galega
recuperada pró noso estándar. Usar “pero” soamente é subir máis un chanzo cara
á castelanización do noso idioma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario