martes, 27 de noviembre de 2018

Palabras acabadas cos sufixos -DADE e -TADE


Estes sufixos proceden do sufixo latino “–tatis/–tatem”, que deixou descendencia en tódalas linguas romances e segue servindo para crear substantivos que indican calidade, estado ou condición. Nas linguas romances ibéricas evoluíu aos seguintes resultados maioritarios, por exemplo: latín – libertatis/libertatem > galego-portugués – liberdade, mirandés – lhibardade, asturleonés – llibertá, castelán – libertad, aragonés – libertá e catalán llibertat; e fóra da Península Ibérica: francés – liberté, occitano – libertat, italiano – libertà, siciliano – libbirtati, romanés – libertate, inglés – liberty etc. Mesmo o basco tamén adaptou este sufixo en préstamos do latín, como: borondate < voluntate. 

            O sufixo “–dade” é o resultado do sufixo latino en posición posvocálica (Ex.: brevitate > brevidade, levitatem > levidade etc.), mentres que en posición posconsonántica deu como resultado “–tade”. Ex.: difficultatem > dificultade, facultatem > facultade, maiestate > maxestade, potestatem > potestade, tempestatem > tempestade, voluntate > vontade etc. Mais tamén hai excepcións a esta regra como as palabras: libertatem > liberdade, pubertatem > puberdade etc.

            As “Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego” indican no apartado dedicado a este sufixo que pode presentar tres alomorfos: –edade, –idade e consoante+dade; o primeiro fórmase sobor dos adxectivos rematados en –io: notoriedade, solidariedade, variedade etc., coas excepcións de “necidade” e “sucidade”; o segundo co resto dos adxectivos acabados en vogal ou consoante, sendo o alomorfe máis común: capacidade (< capaz), novidade (< novo), probabilidade (< probábel/probable) etc.; mentres que o terceiro soamente aparece nun pequeno número de palabras patrimoniais, que por síncope vocálica perderon a vogal precedente, orixinando que “–dade” apareza tamén en posición posconsonántica: bondade (< bonitatem), crueldade (< crudelitatem), herdade (< hereditatem) –nótese o es.: “heredad” ou o cat.: “heretat”–, igualdade (< aequalitatem), verdade (< veritatem) etc.

Se aplicamos a simplista correspondencia galego “–dade/–tade” fronte ao castelán “–dad/–tad” corremos o serio perigo de caer en moitas incorreccións, dado que a vogal ou consoante que precede a tal sufixo non sempre coincide nas dúas linguas ou mesmo o sufixo non é o mesmo. Así hai verbas castelás acabadas en “–tad” que teñen o sufixo “–dade” en galego: lealtad – lealdade, libertad – liberdade, pubertad – puberdade etc.; tamén hai moitas palabras que en castelán acaban en “–edad” pro en galego en “–idade”: brevedad – brevidade, edad – idade, enfermedad – enfermidade, humedad – humidade, levedad – levidade, mocedad – mocidade, sequedad – sequidade, soledad – soidade, vaguedad - vaguidade etc.; outras que difiren na vogal ou consoante precedente ao sufixo: ciudad – cidade, heredad – herdade, mortandad – mortaldade etc.; hai tres castelás acabadas en “–idad” que perden o I en galego: divinidad – divindade, trinidad – trindade e virginidad – virxindade; e amizade (es.: amistad) e inimizade (es.: enemistad) pertencen ao sufixo “–dade” mais perderon o D por evolución: amizdade > amizade e inimizdade > inimizade.

            E tamén non se debe esquecer que hai palabras galegas que non teñen correspondencia no castelán: parvidade, saudade, señardade etc. E castelás que non a teñen en galego: barbaridad, salvedad, vecindad etc.

A palabra amizade ten un sinónimo co mesmo étimo latino: amistade; mais a primeira é a forma patrimonial e a segunda un castelanismo aceptado pola RAG, aínda que non recomendado. Consultando o “Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega” comprobamos que do suposto latín vulgar “*amicitatem” non se rexistra ningún “amizidade”, como si sucede en textos portugueses medievais, pro si “amizdade” (41 rexistros: 21 no s.XIII e 20 no s.XIV) ou “amisdade” (2 nos s.XIII e s.XIV), e a forma actual “amizade” (10 no s.XIII e 2 s.XIV), “amizades” (1 no s.XIII), “amjzade” (2 nos s. XIII e s.XIV), “amyzade” (3 no s.XIV) e “amyzades” (2 no s.XIV), cun total de 20 rexistros. Obviamente, non se rexistra ningunha forma “amiztade/amistade”, e vemos que a forma actual é minoritaria fronte á menos evoluída “amizdade”, claramente predominante no medievo. O seu antónimo é “inimizade” (< lat. vulg. *inimicitatem), sen admisión da forma castelá ou semellante; con todo, a forma medieval era: “enemizade” (2 no s.XIV), “enemyzade” (1 no s.XIV), aínda que rexistrándose xa un “enemistades” no s.XV.

            Tamén é importante sabermos que non hai exacta igualdade entre galego e portugués, malia a súa común orixe, nas verbas con estes sufixos, por exemplo en portugués acaban en –dade: dificuldade e faculdade; tamén “mortaldade” ten –N– no canto de –L–: “mortandade”, coma en castelán; e rematan co sufixo –dão, específico do portugués: brusquidão, escuridão (e tamén “escuridade”), frouxidão (preferido a “frouxidade” e ás súas variantes: “froixidão” e “froixidade”), imensidão (pro se prefire “imensidade”), levidão (pro se prefire “levidade”), sequidão, solidão, vaguidão (pro tamén “vaguidade”) etc.

Finalmente, algunhas verbas co sufixo “–dade” contan con sinónimos da mesma raíz, como: humidade – humedén, considerada esta de uso popular; modernidade – modernismo; puridade – pureza, sendo esta a máis usual con diferenza; seguridade – seguranza, sendo esta a palabra preferida polo portugués; simplicidade – simpleza etc. Pola contra, o dicionario RAG non admite “vecindade” (< vicinitatem) e si “veciñanza”, seguindo o exemplo do portugués (“vizinhança” e “vizindário” [Br.]), malia que a primeira palabra é a máis documentada no galego medieval: vezindade (1 rexistro no s.XIII), vezindades (2 nos s.XIII e s.XIV), veçindade (1 no s.XV), vesindade (2 no s.XV), “vezendades” (1 no s.XIII) e vizindade (2 no s.XIV), mentres que “vezynança” só se rexistra 2 veces no s.XIII.

No hay comentarios:

Publicar un comentario