Lendo a
excelente noveliña de Stefan Zweig: “Novela de xadrez” (Irmás Cartoné, 2018),
un dos personaxes, Mirko, é descrito como “rapazolo de crechas louras”, mais na
páxina seguinte dísenos que ao mesmo lle cortaron “as guedellas rubias”. Dado
que “louro” e “rubio” fan referencia a dúas cores de pelo diferentes, parece
evidente que o castelanismo “rubio” se coou na tradución como sinónimo de
“louro”. Non é a primeira vez que vexo esta falsa sinonimia, que na lingua oral
é aínda máis usada.
Se consultamos o dicionario da RAG
vemos que “louro”, coa tamén aceptada variante “loiro”, é unha “cor que vai
dende o castaño avermellado ata o dourado, pasando polo castaño moi claro”,
mentres que “rubio”, e a súa variante “roibo” tamén aceptada, é unha “cor que
vai dende o vermello ata o amarelo avermellado, pasando polo castaño
avermellado”; entre medias está “roxo”, que é unha “cor dourada que pode ser
tamén castaña ou amarela avermellada”.
Se consultamos o dicionario
portugués Priberam vemos que “louro/loiro” é a “cor do ouro” e “ruivo” é unha
“cor entre o vermello e o amarelo”, en esencia igual ca en galego, no entanto
“roxo” se corresponde co noso “morado claro ou violeta”.
Dentro do louro está o “trigueiro”,
definido pola RAG coma a “cor do trigo maduro”, é dicir, un louro de ton claro
que se achega ao amarelo. Porén en portugués “trigueiro” só se emprega para definir
a pel acastañada ou morena, polo que ten unha tonalidade moito máis escura.
Con todo a maioría dos galegos teñen
os cabelos castaños, morenos ou negros, aínda que estes últimos son moitísimo
menos frecuentes do que se pensa. Por tanto unha cabeleira castaña é de “cor
parda escura”, mais se é moi escura ou negra é “morena” ou “moura”, adxectivo
este que está en desuso a favor do seu sinónimo de orixe castelá; porén se a
cabeleira fose realmente escura de todo sería mellor chamarlle “negra ou
preta”. Como curiosidade, durante a Idade Media tamén se chegou a usar o
galicismo “brun” como sinónimo de castaño ou moreno: “os cabelos brũus” (Crónica Troiana e Miragres de Santiago).
A variación na cor dos cabelos deu
lugar ao seu uso como apelido, sempre referido ao varón, así que temos uns
cantos con esa orixe, aínda que algúns tamén podían facer referencia ao ton da
pel: Albo, (A)marelo, Branco, Cao, Castaño, Louro/loiro, Moreno, Mouro, Negro,
Pardo, Preto, Roxo e Rubio.
Nótese que o apelido Cao, é dicir, o
que designa un home de cabelo branco non coincide hoxe co adxectivo “cano”
porque este castelanismo substituíu na fala a forma patrimonial (ant. cão) mantida
como apelido e é recollido polo dicionario da RAG como estándar xunto co tamén castelanismo
“cana” pra denominar un pelo que se tornou branco, cuxa forma patrimonial era
“cã”. Porén, sen a presión diglósica do castelán, tanto o adxectivo coma o
substantivo se manteñen no portugués: “cão/cã” e “cã”.
Para acabar, outra curiosidade, no
Brasil úsase informalmente o xentilicio “galego” para se referir a unha persoa
loura, aínda que non teña ningunha orixe galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario