Esta
perífrase verbal pódese usar con dúas formas: sen preposición ou con ela, servindo
para expresar tanto unha acción obrigatoria coma unha posíbel ou hipotética.
O dicionario da RAG recolle ambas as
formas como totalmente sinónimas: deber + infinitivo = deber de + infinitivo.
É unha perífrase tamén usada nas
linguas próximas, mais no castelán hai un matiz sinalábel, usa “deber de +
infintivo” soamente para indicar posibilidade ou suposición, mentres que “deber
+ infinitivo” serve tanto para expresar obrigatoriedade coma posibilidade ou
hipótese. Ex.: “Deben cumplir las leyes”,
pero: “Debió de llegar ayer = debió llegar ayer”. Con todo, a norma
tradicional diferenciaba ambas as formas, como fai o portugués, considerando a
forma sen preposición só para obrigación e con preposición só para
posibilidade, suposición ou conxectura.
Como dixen o portugués estándar
aínda diferencia nidiamente o uso de ambas as formas, indicando a forma sen
preposición para expresar obrigación: “Devem
cumprir as leis”, e a forma con ela para expresar probabilidade ou
suposición: “Deveu de chegar onte”.
Aínda que é certo que a lingua popular tende a suprimir a preposición, usando a
perífrase sen ela tanto para a obrigatoriedade coma para a probabilidade ou hipótese:
“Deveu chegar onte”.
Malia o seu uso popular sen
distinción de significado para as dúas formas, tal como recolle o dicionario, o
manual de Estilística da Lingua Galega do profesor X.R. Freixeiro Mato constata
a utilización de deber + infinitivo “como
perífrase modal obrigativa [...], sen
preposición de enlace de modo
preferente, en canto con ela costuma ser modal hipotética” e no seu libro
“Lingua de calidade” recomenda este uso diferenciado: “Aínda que como perífrases modais obrigativas e hipotéticas se costuman
usar tanto deber + infinitivo como deber de + infinitivo, resulta máis
aconsellábel utilizarmos a primeira como obrigativa e a segunda como hipotética”.
Coido que, a pesar de que a RAG non
recomende unha forma sobre a outra nin
indique unha utilización diferenciada de ambas, se debería optar pola
alternativa da diferenciación semántica das dúas formas se queremos usar un
galego estándar de calidade pola gran vantaxe de explicitar nidiamente a acción
da perífrase, como se pode ver nos seguintes exemplos:
Debeu
chegar ás nove (= tivo de chegar ás nove) – Debeu de chegar ás nove (= probabelmente
chegou ás nove).
Deberá
facer o acordado (= estará obrigado a facer o acordado) – Deberá de facer o
acordado (= posibelmente vai facer o acordado).
Eles
non deberían vivir aquí (= eles non terían que vivir aquí) – Eles non deberían
de vivir aquí (= eles seica non vivirían aquí).
A precisión na fala é sempre
recomendábel para que esta cumpra cabalmente o seu labor, xa que logo usemos
sempre que poidamos a linguaxe máis exacta posíbel.
No hay comentarios:
Publicar un comentario