Estes tres
adxectivos, xunto con outros dous menos usados: postremo e cabeiro, veñen
indicar o mesmo: que algo vén despois doutros nunha serie e que ningún vén
despois del, aínda que hai matices. Mentres que “último”, “postremeiro” e
“postremo” se poden considerar sinónimos perfeitos; “derradeiro” adquire
ademais o matiz de “último definitivo dunha serie”, é dicir, que se emprega
para indicar que despois xa non haberá máis engadidos posíbeis á serie; e
“cabeiro” indica que é “o que está no cabo ou extremo de algo”, polo que a súa
sinonimía cos outros adxectivos é relativa, pois soamente se dá segundo o contexto.
Hoxe “último” é o máis usado con
diferenza, mais consultando o TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua
Galega) comprobamos que non sempre foi así, pois “postremeiro”, hoxe
considerado literario xunto coa súa variante culta “postremo”, é con moitísima diferenza
o adxectivo máis empregado nos séculos medievais con escritos en galego baixo
as grafías: “postremeiro(s)/-a(s), postremeyro(s)/-a(s), postrimeiro(s)/-a(s) e
postrimeyro(s)/-a(s)”, cun total de 526 rexistros: “E a morte do postremeyro de vos o moesteyro fillara… (1319), os primeyros nĕ seremos os postremeyros que
morrerõ per tal maneyra (1370), dou
por mia manda e postremeira voontade (1386), o postremeiro día de juyo (1394), por quanto oje era el postremeyro termino et praso… (1478)”; contra
4 da forma culta “postremo(s)/-a(s)”; 24 de “derradeiro(s)/-a(s) ou
der(r)adeyro(s)/-a(s)” e 34 de “ultimo(s)/-a(s)”. É doado deducir que a
redución de uso deste adxectivo fronte ao seu sinónimo triunfante no galego
contemporáneo ocorreu durante a Idade Moderna baixo a incuestionábel influencia
do castelán como lingua de prestixio.
Así e todo, consultando o TILG
(Tesouro Informatizado da Lingua Galega), menos rigoroso ca o TMILG pero abondo
orientativo no uso moderno, comprobamos que “postrimeiro/postremeiro” foi utilizado,
aínda que moi pouco, polos nosos escritores contemporáneos dende finais do s.
XIX ata a actualidade, coa curiosa observación de que a forma “postrimeiro” é a
única utilizada nos s. XIX e XX, mentres que no noso século só se usa
“postremeiro”, a variante recoñecida pola Real Academia Galega. Pola contra,
“derradeiro” ten moito maior emprego, aparecendo mesmo nun texto de 1697 e no
“Coloquio de 24 gallegos rústicos” (1746) de Frei Martín Sarmiento e uso
continuo ata hoxe. O cultismo “postremo” é moito menos usado con diferenza na
nosa literatura contemporánea ca os dous anteriores, e a súa utilización dáse
primordialmente de 1980 ata a actualidade; e así memso, o adxectivo popular
“cabeiro” soamente encontra uso, moi minoritario, dende 1970 en adiante. Loxicamente
o uso dos anteriores sinónimos é minoritario fronte a “último”, que presenta a
variante popular “últemo”, de forma minoritaria, en textos anteriores a 1980
principalmente.
Dado que o dicionario normativo da
RAG recolle os cinco adxectivos, non sería má idea facer maior emprego dos
catro menos usados na actualidade, dándolle unha maior precisión e riqueza á
nosa fala e escritura, sabendo diferenciar o seu emprego conforme significado e
contexto: “postremeiro” e “postremo” en contextos cultos, “derradeiro” para o
último definitivo e “cabeiro” para o último colocado nun extremo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario