Estes
dous verbos onde unha vogal marca a diferenza, teñen a mesma orixe: o verbo
latino “abundare” que expresaba “ser abundante ou ter en abundancia”,
conservado no verbo “abundar”. Mais del xurdiu a variante “abondar” para
expresar “ser suficiente”, que obviamente ten un matiz diferente. Non é igual
“abunda a comida” ca “abonda a comida”, dado que na primeira frase a comida
pode ser máis da necesaria pero na segunda soamente chega para cubrir a
necesidade.
Relacionados co verbo “abundar”
están o substantivo “abundancia” e o adxectivo “abundante”, mentres que co
verbo “abondar” están o indefinido “abondo”, o adverbio “abondo/dabondo” e o
adxectivo “abondoso”, que malia proceder do verbo “abondar” é sinónimo de
“abundante”. Por tanto hai unha nidia diferenza entre “abondo”, sinónimo do indefinido
“bastante” ou do adxectivo “suficiente”, e “abondoso”, así poderiamos dicir:
“Temos abondosos proxectos por facer e cartos abondos para realizalos”.
Hai que sinalar que mentres o
indefinido “abondo” acompaña detrás ao substantivo, o seu sinónimo “bastante”
vai diante, así: “Hai bastantes patacas para o guiso”, significa o mesmo ca: “Hai balocas abondas pró guisado”.
Xa que logo, os verbos “bastar” e “abondar” son perfeitos sinónimos co único significado
de: “ser suficiente”.
O dicionario RAG non recolle
substantivo ningún para expresar o concepto de “suficiencia” ou calidade do que
abonda. E os anteriores que recollen o substantivo “abondamento” fano co
significado de “abundancia”, tal como sucede en castelán (abundamiento) ou en
portugués (avondamento).
E isto último lévanos a ter en conta
que en portugués as variantes: “abundar”, “abondar” e “avondar” son sinónimas,
e tamén os substantivos: “abundância” e “avondança”, “avondamento”; os adxectivos:
“abundante”, “abundoso” e “avondoso”; e os adverbios: “abundantemente” e
“avondo/abondo”, “avonde/abonde”. Polo que en portugués non hai matiz ningún
que diferencie ambos os verbos e palabras relacionadas, sendo perfeitamente
intercambiábeis. Peculiaridade que non hai que esquecer ao ler ou escribir en
galego ou en portugués.
No hay comentarios:
Publicar un comentario