Se ben a palabra galega para
denominar a froita da árbore Malus
domestica só presenta actualmente tres posibilidades: mazán, característica do galego occidental (a maior
parte da Coruña e Pontevedra, pero tamén en zonas raianas de Ourense); mazá, propia do galego central e oriental (Lugo e
Ourense, e leste da Coruña e NE de Pòntevedra), e escollida como forma
estándar; e manzá, usada no leste costeiro do
galego-asturiano e mais os Ancares de León. En troques, a denominación da árbore
ten unha importante variación de formas, que permiten situar ao falante que as
emprega en zonas bastante concretas do territorio galegofalante. Mesmo case se
lle podería dicir a un galego: “Dime como chamas a árbore que dá mazás e
direiche de onde es”.
Non se trata de diferentes nomes
para un mesmo concepto, como ocorre noutras ocasións, se non que todas as variantes
proveñen da mesma raíz latina: (mala) mattiana > maçãa > maçã (tamén actual forma portuguesa) > mazá/mazán/manzá;
sendo o termo da froita a orixe do nome da árbore mediante sufixación.
O Gran Dicionario Xerais da
Lingua recolle o estándar “mazá” para
a froita e a variante “mazán”, que
remite á forma estándar, e o castelanismo “manzana”,
como forma incorrecta; e as variantes: macieiro,
maciñeira, macira, mazaeira, mazaeiro, mazaieira, mazaieiro, mazaira, mazairo e mazanceira, que
remiten todas á forma estándar “maceira”.
Así mesmo recolle as variantes: pomareiro,
pumar, pumarega, pumareiro e pumariño, que remiten á forma estándar “pomar”, que ademais da acepción de
“plantación de maceiras” tamén ten a da árbore froiteira, é dicir, “maceira”,
que dá a forma “maceiral”, xunto coa
variante “mazairal”, como sinónimo de
pomar.
Mentres que o dicionario da RAG só
recolle, ademais de “mazán” remitindo
á forma estándar “mazá”, as
variantes: maciñeira, macira e mazaira remitindo á forma estándar “maceira”. Tamén recolle “pomar”
como “terreo plantado de árbores froiteiras, especialmente de maceiras”.
Mais se as formas referidas á
froita unicamente nos permiten recoñecer a un falante do occidente (mazán)
fronte ao do centro e o oriente (mazá), e ao do galego exterior no límite co
astur-leonés (manzá); as referidas á árbore froiteira permiten localizar con
moitísima maior precisión a rexión do falante, así:
Maceira
– forma maioritaria, que é tamén a forma estándar, propia da maior parte de
Pontevedra e da zona central da Coruña.
Maceiro
– forma minoritaria rexistrada no oriente do galego-asturiano e na Mariña
oriental (L).
Macera
– forma minoritaria do norte da comarca do Carballiño (O).
Macieira
– forma minoritaria que se rexistra no interior de Bergantiños (C).
Curiosamente tamén é a forma estándar portuguesa.
Maciñeira
– forma característica do norte da Coruña e NE de Lugo até a Mariña central
luguesa e o norte da Terra Cha.
Macira
– forma usual no centro de Lugo, incluída a capital.
Manciñeira
– forma minoritaria recollida en puntos da Terra Cha e das Mariñas occidental e
central (L).
Manzaeiro
– forma típica dos Ancares (León).
Manzanairo
– forma propia do norte do Berzo, ao sur dos Ancares.
Manzaneira
– forma minoritaria do oeste de Bergantiños (C).
Manzaneiro
– forma propia do sur do Berzo (León).
Mazaeira
– forma propia das Portelas zamorana e de Valdeorras (O), mais tamén se
rexistra en puntos de Bergantiños e a comarca de Muros (C).
Mazaeiro
– forma característica da Mariña oriental, comarca de Meira e do norte da
Fonsagrada (L).
Mazairo
– forma típica do leste de Lugo e do Berzo.
Mazagüeiro
– forma minoritaria de Ibias (AS).
Mazanceira
– forma propia do occidente da Coruña e dos veciños Salnés e comarca de Caldas
en Pontevedra e tamén de Paradanta (P) e o contiguo Ribeiro (O), ademais de puntos
da raia ourensá.
Mazaira
– forma maioritaria da maior parte de Ourense e do sur de Lugo.
Mazaneiro
– forma propia do galego-asturiano occidental.
Mazaqueiro
– forma minoritaria de Navia de Suarna (L).
Os sufixos en –aira, fronte ao
común en -eira, tamén se dan noutra árbore froiteira: abeleira / abelaira,
abraira. En ambos os casos se deben á influencia das raíces: mazá e abelá, onde
ambas as palabras son oxítonas acabadas en –A. Con todo, queda claro que as
formas máis usadas son “maceira” e “mazaira”, seguidas por “mazanceira” e
“maciñeira”.
E ademais están as formas de
orixe diferente que tamén se refiren á árbore como:
Pomar
e Pumar – ambas as formas propias do nordés de
Lugo. Prolongándose esta última na denominación máis xeral en asturiano: pumar.
Mais na maioría dos lugares onde
sobreviven estas palabras e as súas variantes, serven para denominar unha
plantación de árbores froiteiras, especialmente maceiras: pomar, pomarada (galego-asturiano), pomarega,
pumar, pumarada (galego-asturiano), pumareda (en Chantada (L)), pumarega
(Mariñas de Lugo) ou pumareira (centro de
Ourense). Sendo “pomar” e “pumar”, dispersas polo país, as máis usadas.
Non obstante, hai outras
denominacións, algunhas moi utilizadas, para o concepto de “colectivo de
maceiras”, como os derivados do nome singular da árbore: maceiral e mazairal,
pero tamén por veces, nalgúns lugares, mudando a vogal final: mazairo,
manciñeiro etc; e, sobre todo, usando unha frase curta de “substantivo + prep. de
+ substantivo”: souto de mazairos/maciñeiras/mazaeiras,
horta de maceiras/mazairas/manciñeiras etc; finca de mazás/mazairas ou leira
de mazairas.
Finalmente, tres formas latinas
están na orixe das denominacións romances: (mala)
mattiana, malum e pomum.
A primeira deu orixe, ademais das
formas galegas, aos nomes en: portugués (maçã
e macieira), castelán (manzana e manzano; aínda que en Andalucía tamén se usa “pero” para a froita), xudeoespañol (mansana ou poma e mansano), aragonés (manzana (ou dial: mazana
e poma (Benasque)) e manzanera), asturiano (mazana e pumar), mirandés (maçana
e maçaneira) ou aromanés (muzâ e mearu).
A segunda (lat. malum) deu orixe
ás denominacións en: italiano (mela e
melo), napolitano (mela e milo ou mir), lígur (mei e ærbo do mei), sardo (mela
– para ambos os conceptos), romanés (mar
– para ambos os conceptos) ou friulano (miluç
e melâr, melarie ou miluçâr).
E a terceira (lat. pomum) deu
orixe aos nomes en: xudeoespañol (poma,
a través do catalán), catalán (poma e
pomera), occitano (poma ou pom e pomièr), francés (pomme e pommier), véneto (pomo e pomaro), esperanto (pomo e pomarbo),
interlingua (pomo e arbore del pomo), piemontés (pom – para ambos os conceptos) ou
lombardo (pum – para ambos os
conceptos).
Curiosamente en galego tamén
existe a palabra “poma”, segundo recolle o GDXL, mais co significado actual de
“arume, frouma, folla do piñeiro”, cunha variante “pouma”, e de “follato,
carocha, folla da mazaroca do millo”. Non obstante, algúns dicionarios antigos
si recollen “poma” como sinónimo de “mazá” (Luis
Aguirre del Río, 1858; Juan Manuel Pintos Villar, 1865; Leandro Carré Alvarellos,
1933; José Ibáñez Fernández, 1950; e Eladio Rodríguez González, 1958-61).
No hay comentarios:
Publicar un comentario