O noso
abecedario recoñece 23 letras para a escrita moderna da lingua galega,
engadindo máis cinco (J, Ç, K, W e Y) para escribir palabras estranxeiras e
mais neoloxismos e arcaísmos da nosa lingua. En realidade, o alfabeto latino
moderno está constituído por 26 letras, que son as que ten o noso teclado do
computador, máis as dúas “letras con diacríticos” engadidas: Ñ (que
denominamos: eñe) e Ç (que denominamos: cedilla), no teclado español.
A miña pregunta é ben simple: É Ñ
unha letra? E se non o é, que é? A resposta á primeira pregunta é: non; e á
segunda: é un N con signo diacrítico, exactamente un til, que representa o fonema
consoante nasal palatal diferente do N sen til, que é nasal alveolar.
Na maioría das demais linguas romances a nasal palatal represéntase
mediante un dígrafo: nh (en portugués, mirandés e occitano), nj (en aromanés), ny
(en catalán, aragonés e xudeoespañol), gn (en francés e linguas de oil, romanche,
italiano e linguas de Italia). Aínda que non todas teñen este fonema, coma o
romanés. Soamente o galego, o asturleonés e mais o castelán usan unha soa letra
con diacrítico para representaren este fonema, mais este signo pasou a todas
aquelas linguas que basean a súa ortografía, de todo ou en parte, no castelán,
así o basco e as linguas autóctones da América hispana como o quechua, o mapuche,
o aimara, o guaraní, etc.
Non estou a cuestionar o uso do Ñ en galego, senón a súa
consideración como letra, xa que convén non esquecer que esta “letra diacrítica”
forma parte do galego dende o inicio da súa escrita, como demostra o seu uso
maioritario no documento galego máis antigo conservado: o Foro de Castro
Caldelas, de 1228, onde aparece en palabras como: viçiño, meyriño, señor, viño, piñor, cuñuçudo, moyño ou diñeyro, aínda
que tamén apareza o fonema representado con outras letras no mesmo texto: pignor(a), extraneo/extrayo ou merino.
Entre as linguas non románicas que tamén posúen este fonema
nasal son maioría as que usan dígrafos, así: nh (vietnamita), nj (croata,
albanés, neerlandés ou frisón), nn (gaélico ou noruegués), ny (húngaro,
indonesio ou malaio); porén tamén algunhas usan un N con signo diacrítico: coma
o checo e o eslovaco que usan un “n con caron” (acento circunflexo invertido),
o polaco un “n con acento agudo” ou o letón un “n con cedilla”.
Mais a opción de usar unha letra
coñecida cun signo diacrítico para representar un fonema diferente é máis usual
do que a xente cre e son poucas as linguas que non teñen algún.
Así a “cedilla”, usada polo
portugués, o catalán, o occitano e mais o francés, na actualidade, e polo
galego e mais o castelán antano, non é máis ca un C cun pequeno “c inverso”
ligado debaixo. O seu nome vén do castelán antigo, onde “zeta” se dicía “ceda”
e o seu diminutivo “cedilla” deu nome a este pequeno C a xeito de vírgula para
indicar que o C diante de A, O e U se pronunciaba igual ca ante E e I. Con
todo, ningún dos idiomas que a utilizan considérana unha letra, polo que nos
dicionarios ocupa a súa posición tralo C, mais dentro desta letra; así en
catalán: “plaça” está detrás de “placa” e antes de “placenta”; e en portugués: “troça”
vai tras “troca” e diante de “trocadilho”.
Nin o portugués, o catalán ou o
francés consideran as súas letras diacríticas como letras diferentes das que
proceden, ocupando o seu lugar detrás e dentro das letras orixinais. Tampouco o
alemán considera letras as súas formas con diacrítico, que coloca dentro e a
continuación das orixinais: Ä, Ö, Ü e ß, aínda que esta última (eszett (ese
zeta), S agudo ou S longo) se escriba claramente cunha letra diferente parecida
á beta grega, mais de son moi diferente, e por veces, coma en Suíza, escrita co
dígrafo SS.
Mais tamén moitas linguas seguen o
mesmo exemplo do castelán e consideran letras diferentes a letras con sinais
diacríticos, así o sueco, que incorpora ao final do seu abecedario as vogais
como “letras”: Å, Ä e Ö; o danés e mais o noruegués tamén incorporan ao final
as “letras vocálicas”: Æ, Ø e Ä; o polaco tamén considera como letras
diferentes as súas formas diacríticas, tanto vocálicas coma consonánticas,
aínda que sempre van colocadas a seguir das súas letras orixinarias: A con
cedilla, C con acento agudo, E con cedilla, L con raia, N con acento agudo, O
con acento agudo, S con acento agudo, Z con acento agudo e Z con punto; e o
turco, cuxo alfabeto latino inclúe seis letras diacríticas, que sempre suceden
ás orixinarias: Cedilla, G con acento breve, I sen punto, Ö, S con cedilla e Ü.
Entón, por que o noso alfabeto
considera letra esta N diacrítica? Pois pola mesma razón que se consideraron
letras os dígrafos CH e LL até 2010, cando a Real Academia Española tivo a ben
caer do burro e deixar de tratar dúas letras coma se fosen unha soa contra toda
lóxica lingüística. A seguir a nosa academiña decidiu seguir o exemplo e deixou
de considerar tamén ambos os dígrafos como letras –é o que ten que outros
pensen por ti–. Como é evidente que na nosa escrita non existe correspondencia
única entre letra e fonema, xa que unha letra pode representar varios fonemas
(C dependendo da vogal que lle siga pode ser o fonema interdental ou /k/; X
pode ser o fricativo postalveolar xordo, o /ks/ ou o /s/), un fonema pode
representarse con varias letras (/b/ con B e V; /k/ con C e QU; o interdental
con C e Z; e o N velar con N en final de palabra e o dígrafo NH entre vogais) e
unha letra pode non representar ningún fonema (H cando non forma parte dun dígrafo),
semella parvo considerar o Ñ letra por representar un único fonema. Alguén
consideraría as letras à e Õ usadas no portugués como letras diferentes de A e
O ou diría simplemente que son un A e un O con til, pois o mesmo ocorre co noso
Ñ, que é un N con til.
De non usarmos esta “letra
diacrítica”, que como dixen antes forma parte da nosa tradición escrita dende
os comezos do idioma, sempre poderiamos voltar ás nosas orixes, é dicir ao romance
galego medieval, e recuperarmos o dígrafo NN, orixe do Ñ, para representar o
fonema consonántico nasal palatal sonoro, evitando a súa confusión coa unión do
arquifonema nasal /N/ implosivo con nasal alveolar sonora mediante a
representación deste encontro como –MN–, tal como ocorre en: alumno, amnesia, amnistía,
columna, himno, insomnio, omnívoro, solemne, ximnasia, etc., polo que “innovar”
se escribiría “imnovar” ou “connosco” como “comnosco”, ampliando a regra
ortográfica que obriga a escribir M diante de B (pomba, cambio, comba…) e P (tempo,
amplo, impo…) a N, polo que os prefixos con-, en- e in- pasarían a com-, em- e
im- diante de N (comnatural, emnegrecer, imnecesario, etc.) como ocorre
actualmente diante de B e P: combinar, compoñer, embaixo, empequenecer, imberbe,
impaciencia, etc.
Soamente dous estranxeirismos comezarían
por NN-: “nnu” e “nnandú”, e unha palabra patrimonial: “nnánnaras”; mais os que
pensen que resultaría moi estraña esta grafía nun inicio de palabra lembren que
hoxe é preceptivo escribir: “mnemónico” ou “mnemotécnico”, que non son precisamente
grafías moi galegas.
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
ResponderEliminarEste comentario ha sido eliminado por el autor.
ResponderEliminarMoi interesante. Parabens
ResponderEliminar