Comeza a ser
frecuente atopar en textos a palabra “delfín”
para se referir de forma xenérica aos cetáceos de pequeno tamaño da familia dos
delfínidos e doutras familias con aspecto parecido que non se observan nas
nosas costas.
A razón deste feito está en que este
vocábulo figura no dicionario RAG, xunto co seu sinónimo: golfiño; mais a entrada deste remite ao primeiro como
forma preferente. Emporiso, “delfín” é un claro castelanismo que esta a
desprazar a forma patrimonial. Constitúe o que se chama un “préstamo de luxo”,
dado que entra no galego para denominar un concepto que xa ten unha
denominación autóctone; é dicir, chega para substituír a palabra galega. Por
veces, teño as miñas dúbidas sobre o labor a prol do galego que fai a RAG.
O Gran Dicionario Xerais da Lingua
recolle ambas as formas como sinónimas, e “golfín” remitindo a “golfiño”.
No seu traballo sobre a
“Nomenclatura de la Flora y Fauna marítimas de Galicia” (vol.II, Verba, Anexo
19. 1983, USC), a profesora Ríos Panisse recolle como denominación de
“Delphinus delphis” as palabras: “golfiño” (en 4 localidades), “golfín” (en 4
localidades) e “delfín” (en 3 localidades). Visto que as dúas primeiras formas
son variantes da mesma palabra, é evidente que a forma patrimonial aínda era
máis usada a finais do s. XX ca a foránea; mais se hoxe se fixer outra enquisa
lingüística sobre a fauna marítima seica o resultado sería, ende mal, moi
outro. Nótese que naquel mesmo traballo xa se recollía o castelanismo “ballena”
como única forma viva de denominar os grandes cetáceos.
“Golfiño” é a evolución
galego-portuguesa do latín “delphinus”> dolphinus > golfiño/golfín, con
interferencia da palabra “golfo”, dado a competencia que estas especies teñen
cos mariñeiros e os estragos que fan nas redes. O portugués usa “golfinho” como
forma estándar, aínda que tamén admite “delfim”, que indica como pouco usado.
É palabra que aparece rexistrada no vocabulario de Juan
Manuel pintos Villar (1865), e logo nos principais dicionarios do s. XX: o de L.
Carré Alvarellos (1951), o de E. Rodríguez González (1958-61) e o de X.L.
Franco Grande (1972), neste último como sinónimo de “arroaz”.
E “golfín” aparece tamén en Martín
Sarmiento, e posteriormente nos dicionarios de E. Rodríguez González e X.L.
Franco Grande, remitindo a “arroaz”.
Namentres que “delfín” non é considerada voz galega por
Martín Sarmiento (1746-55), que di: “El delfín se llama golfín en el Océano septentrional de España, y en el meridional toniña”. E soamente é recollido polo
dicionario de E. Rodríguez González.
Se “golfiño” é a denominación galega
para os delfínidos pequenos de fociño longo, os de fociño breve ou sen fociño
reciben o nome xeral de “arroaz”, aínda que a
especie máis popular, Tursiops truncatus,
reciba os nomes de “boto” (na costa norte) e “bufa” (na costa sur) principalmente.
O dicionario RAG dá preferencia á
palabra “arroaz” para esta denominar esta especie, mais recolle “boto” e “bufa”
como sinónimos da mesma, e por extensión como sinónimo de “delfín”. Confusión
que xa se recolle en textos e dicionarios anteriores, así en Martín Sarmiento:
“En las costas de Galicia llámase el delfín arroaz”;
e en E. Rodríguez González: “Arroaz – Cetáceo frecuente en los mares de
Galicia, conocido también con los nombres de Golfiño e Golfín, […]” e
así mesmo recolle as variantes: arroás e arruaz.
As formas galegas para a especie
tamén foron recollidas pola lexicografía histórica, así Martín Sarmiento define
o boto como “menor y distinto que el delfín”
e que “boto, o voto, es especie de delfín. A este aplican algunos el latín
tursio, onis”; e Aníbal Otero Álvarez (1959) recolle o vocábulo como usado na
Pobra do Caramiñal. Mentres que bufa é definida por Martín Sarmiento como
“menor y distinto que boto” e aparece nos dicionarios de X.L. Franco Grande e
L. Carré Alvarellos.
Se ben é certo que o cultismo, máis
ou menos adaptado, é a denominación dominante nos demais idiomas occidentais: dolphin (inglés), dauphin (francés), delfino
(italiano), dofí (catalán), delfin (alemán), dolfijn (neerlandés) etc.; non hai razón ningunha para que este
castelanismo, dado que na nosa lingua entra como tal e non como cultismo, substitúa
a nosa forma patrimonial.
Ende ben, os principais libros que
tratan sobre os nosos cetáceos obtaron pola denominación autóctone:
A Guía dos Mamíferos de Galicia (Baía Edicións, 2007) usa “golfiño”
como forma xeral e para dúas especies concretas: golfiño común (Delphinus
delphis) e golfiño riscado (Stenella coeruleoalba); mentres que usa “arroaz”
para tres especies: arroaz real (Tursiops truncatus), arroaz boto (Grampus
griseus) e arroaz pinto (Lagenorhynchus acutus).
Esta guía segue as denominacións
propostas pola anterior e clásica monografía: Cetáceos, focas e tartarugas mariñas das costas ibéricas (SGHN e
Xunta de Galicia, 1989).
E a máis recente obra de
nomenclatura galega de cetáceos: Os nomes galegos dos cetáceos (A Chave, 2016), dá
clara preferencia a “golfiño”, usado como denominación xeral dos delfínidos,
sobre “delfín”, só recollido como forma secundaria no xénero Delphinus, e
“arroaz”, usado só para as especies do xénero Tursiops. Curiosamente “boto” é
utilizado para especies suramericanas dos xéneros Sotalia e Inia e como forma
secundaria do “grampo” (Grampus griseus): “arroaz boto”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario