O título
recolle as tres posibilidades que xerou a preposición latina “inter” no galego
medieval, facendo un xogo de palabras case homófono entre os tres adverbios coa
mesma orixe e igual significado que no galego actual sería imposíbel.
Se consultamos no Tesouro Medieval
Informatizado da Lingua Galega o uso que había das tres variantes no período
medieval vemos que a forma máis usada xa daquela, ou máis documentada, era
“entre”, que ten 1127 rexistros e predomina na prosa fronte á lírica, seguida
moi de preto por “ontre”, con 1044 rexistros e destacando tamén no seu uso
prosístico fronte ao verso, e a moitísima distancia aparece “antre”, que só se
rexistra 32 veces e aparece especialmente na lírica.
E se consultamos o Dicionario de
Dicionarios do Galego Medieval comprobamos como se usaban invariabelmente as
tres formas, onde “ontre” tamén ás veces se escribe “untre”, e hai unha
explicación de F.R. Tato Plaza no seu “Libro de notas de Álvaro Pérez, notario
da terra de Rianxo e Potsmarcos” (Consello da cultura Galega, 1999) realmente
esclarecedora: “A evolución para “entre” é a normal, pero para “ontre” é
estraña. […]. A forma “ontre” atéstase especialmente en textos galegos dos séc.
XIII-XV, e tamén nas Cantigas de Sta. María. Máis usual en portugués arcaico, e
ás veces en galego, foi “antre” coñecida desde o XII e usada ata o XVI; tamén
aparece hoxe dialectalmente en galego e en portugués.”
Mais das tres formas soamente
chegaron a primeira e a terceira até a nosa época, a segunda, malia a súa
aparente fortaleza de uso, desapareceu de vez até o punto de que ningún
dicionario moderno a recolle, nin portugués nin galego. E Manuel Ferreiro na
súa Gramática Histórica Galega recolle “ontre” como medievalismo e “antre” como
arcaísmo e populismo fronte á forma canónica “entre”.
No galego moderno a forma “antre”
foi a preferida polos nosos escritores na súa primeira fase, a máis popular,
tal como recolle o libro “A lingua literaria galega no século XIX” (Univ. da
Coruña, 2005): “Literariamente a forma preferida polos nosos escritores do
século XIX e da primeira parte do XX foi “antre”, talvez polo seu plus
diferencialista, para alén de reproducir un fenómeno da fala popular cal é a
vacilación do timbre das vogais átonas.”
En verdade, semella moi difícil ler
a nosa máis afamada poeta, Rosalía de Castro, sen atoparmos con esta forma: camiñiños antre o millo, antre o ramaxe de
olmos e pinos, que relose antre as areas, do mar antre as ondas feras, por
antre o verde ramaxe (CG); só Dios
sabe antre que abismos, tamén aborrecido es antr’os meus recordos, por antr’os
musgos, regos por antr’as curtiñas, e na lumieira i antr’aberta porta (FN).
Non semella moi axeitado cualificar a lingua de Rosalía como diferencialista, e
si mellor como reflexo dunha lingua moi popular, definida así por Carballo
Calero: “lingua viva, pero non pura, moi influída polo castelán. O seu léxico é
vacilante, así como a súa morfoloxía e a súa fonética.”
Amais esta forma aparece nalgúns
títulos literarios como: Pelra… antre
seixos (Roxelio Lois Estévez, 1888), Antre
dous séculos (Álvarez Limeses, 1934), Antre
a terra e o ceo (Rafael Dieste, 1981), etc.
Porén os dicionarios modernos
recollen de maneira diferente esta variación da preposición no galego-portugués.
Así nin o dicionario da RAG, nin o Gran Dicionario Século XXI da Lingua Galega
–que de grande só ten o tamaño– en galego e tampouco a Infopédia (dicionário de
Porto Editora) en portugués recollen máis variante ca a forma estándar. Para
atopar a variante “antre” hai que consultar o Dicionário Eletrónico Estraviz,
onde aparece “antre” remitindo a “entre”, o portugués Priberam, que recolle
“antre” como arcaísmo de “entre”, o Dicionario de Dicionarios, onde aparece
“antre” dende vocabularios do séc. XVIII até dicionarios do séc. XX, e sobre
todo, o Gran Dicionario Xerais da Lingua Galega, que recolle “antre” remitindo
a “entre”, mais tamén toda unha serie de vocábulos derivados da súa existencia:
antrabrir/antraberto, antrambos, antremesturar, antremediar, antreperna, antrever…,
que sempre remiten ás formas canónicas.
A variante “ontre”, como dixen
antes, desapareceu de vez, tanto da lingua oral coma da escrita, e por iso non
se recolle por dicionario ningún. A explicación desta evolución anómala non
está clara, pois se ben no galego popular son moitos os exemplos de mudanza de
E a O cando hai contacto con consoante labial, sempre se dan en posición átona:
formento, forrollo, forruxe, lovar, modoño, moimendro, romatar, romediar,
romendar, rovés, somana, somellar, somentar, soparar, tomón, etc.
Se ben a forma “entre” é a máis
habitual nas linguas romances ibéricas, na lingua asturleonesa o mirandés
prefire “antre” fronte ao asturiano “ente” e o leonés “entre”. E non esquezamos
que o francés “entre” pronúnciase como: “ãtr”.
Coido que sería lexítimo e axeitado
que os dicionarios galegos recollesen as dúas variantes da preposición “entre”:
“ontre” como arcaísmo e “antre” como arcaísmo e variante popular, aínda que xa
non sei se seguirá viva nalgún lugar, dado que ambas forman parte da nosa
historia lingüística e literaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario