Estas
especies de anuros tan coñecidas pola súa intensa cor verde, maioritariamente,
e a súa capacidade para rubir teñen na nosa lingua unha certa incerteza na súa
denominación popular, sendo “estroza/estrosa” e “rela” os termos máis usados.
No libro: “Anfibios e réptiles de
Galicia” (Xerais, 1993) recibe a denominación principal de “estroza” e as subordinadas de: raniña (sic), ra de San Antón e rela.
A Guía dos Anfibios e Réptiles de
Galicia (Baía ed., 2006) dálle os nomes de: ra
de Santo Antón, ra estroza e rela común.
Na nomenclatura da SGHN (Lista
Patrón dos Vertebrados de galicia, 1980) Hyla arborea recibe o nome de “rá estroza”, mentres que Hyla
meridionalis (especie non presente na nosa terra) é “rá meridional”, porén Hyla arborea pasa a ser soamente “estroza” no posterior Atlas de
Vertebrados de Galicia, 1995.
E lista proposta por Conde Teira (Cadernos
de Lingua 13, 1996) Hyla arborea recibe o nome de: rela común. Indicando que “estroza”
é termo minoritario e que “rela”, moito máis estendido, presenta variantes
como: relo e renlo.
A Chave na súa lista de “Os nomes
galegos dos anfibios” recomenda “rela
europea” para Hyla arborea e
recolle como sinónimos: “estroza”, “carranco”, “agano” (ambos son leitura
errada pois significan unha doenza producida pola inxestión da cantáride polo
gando vacún) e “ra das quenturas” (denominación da zona de Verín), mentres que Hyla meridionalis é: “rela meridional”.
E a wikipedia galega decídese por
“rela europea” para Hyla arborea, “estroza”
e nomes alternativos como: “rela”, “ra de Santo Antón” e “ra das figueiras”
para Hyla molleri, endemismo en
discusión que substituiría a Hyla arborea no norte peninsular, e “rela
meridional” para Hyla meridionalis,
especie do sur e da costa mediterránea ibérica, costa setentrional do Magrebe e
o sur da Franza.
Estroza
e a súa variante seseante “estrosa” está recollida por varios dicionarios da 2ª
metade do s. XX e tamén polo Gran Dicionario Xerais da Lingua no noso século na
súa variante: estrosa; mais non
figura no dicionario da RAG nin é palabra portuguesa.
Mentres que rela aparece nos primeiros dicionarios, s. XIX e 1ª metade do s.
XX, como sinónimo de “couza, traza” e do “po que este insecto deixa no seu
labor destrutor”. Logo en 1951 (dicionario de L. Carré Alvarellos) aparece
tamén como sinónimo do insecto cantáride, mais será Aníbal Otero Álvarez quen
primeiro recolla a súa acepción como Hyla
sp., xunto con variantes como: raiela
e renla, e sinónimos da especie como:
arrá papeira (porque o macho no seu
canto incha o papo até ter un tamaño maior ca a súa cabeza). Lembremos que a
palabra: ra, estándar e maioritaria,
presenta as seguintes variantes: arrá, arral, arrán e ran (todas recollidas no
GDXL). Tanto o GDXL coma o dRAG recollen a acepción de “rela” como nome de Hyla
arborea; o primeiro dicionario na quinta acepción da palabra e tamén recolle
“relo” como sinónimo na segunda acepción do vocábulo, mentres que o segundo
dicionario na terceira acepción e “relo” aparece como sinónimo de: “cullareto,
cágado”, pero non de Hyla arborea.
A palabra rela como sinónimo de couza
procede do verbo relar (esmiuzar,
facer po), mentres que como sinónimo de estroza
procede do latín: ranella; por tanto
son dúas palabras homónimas que deberían figurar separadas no dicionario e non
como aparece actualmente no dRAG. Ademais este dicionario recolle: “ra de San Antón”, como sinónimo de rela,
mais este nome semella un calco, bastante innecesario, do seu nome castelán.
En principio, tanto “rela” coma “estroza/estrosa” son denominacións correctas para Hyla sp., e como
sinónimos se deben utilizar; mais parece que o primeiro termo ten ao seu prol a
súa maior extensión no territorio e a súa coincidencia coa forma máis corrente
e popular en portugués, amais de ser unha palabra procedente dun diminutivo
latino de “ra”, coincidindo así esta escolla coa da maioría das linguas
romances, que tamén usan diminutivos para este pequeno anfibio anuro.
Coido que o máis correcto sería
denominar a especie do país, Hyla molleri,
antano considerada subespecie de “Hyla arborea”, como: rela
ibérica, pois é un endemismo do noroeste e o oeste peninsular; a Hyla arborea como: rela europea, seguindo a escolla da wikipedia; e a Hyla meridionalis como: rela meridional, seguindo o modelo das demais linguas
próximas: ranita meridional
(castelán), rela-meridional
(portugués), reineta meridional
(catalán) ou rainette méridionale
(francés). Ademais hai en Europa máis outras Hyla como: rela italiana (Hyla
intermedia), endemismo da Península Italiana e mais Sicilia, chamada “raganella italiana” en italiano e “rainette italienne” en francés.
Hyla arborea recibe as seguintes
denominacións noutras linguas –convén non esquecer que até hai pouco Hyla
molleri era considerada subespecie desta–: rã-arborícola-europeia, rela e
tanoeiro (portugués); ranita/rana de San Antonio/Antón (castelán), reineta
arbòria e granoteta de Sant Antoni (catalán), rainette verte (francés) e
raganella (italiano).
No hay comentarios:
Publicar un comentario