ARTIODÁCTILOS
Os
ungulados son os animais que andan sobre as súas unllas, ou descenden deles.
Isto fai que sexa o grupo de mamíferos máis diverso coñecido e o que inclúe as
especies máis grandes. Hoxe mesmo se inclúen os cetáceos, como descendentes de
ungulados, nesta superorde. Dentro desta hai dúas grandes ordes: os
perisodáctilos, cun número impar de dedas, e os artiodáctilos, cun número par.
Dado que dos primeiros (équidos, tapires e rinocerontes) non existen animais salvaxes
en Europa, soamente tratamos dos segundos.
Suídos:
O único suído europeu é o porco
bravo (Sus scrofa) ou xabaril, como
recolle a Guía dos Mamíferos de Galicia, 2007 –GMG, a partir de agora–. Ambas
as denominacións son tamén admitidas polo dRAG, que recolle a variante xabarín como forma menos recomendábel da
segunda pero non cocho bravo ou cocho do monte, e porco montés ou porco fero
como sinónimos da primeira (dXerais). Tamén hai algunhas variantes máis da
segunda: xabalí, xabalín, xabarí, xabariño e xabarís (dXerais); forma coa mesma orixe árabe (djabali = do monte) da portuguesa: javali , castelá: jabalí, asturiana: xabalín
ou aragonesa: chabalín. O catalán
chámalle: senglar ou porc senglar (< lat. porcus
singularis = porco solitario), coma a maioría das linguas romances: sanglier (francés), cinghiale (italiano), cignali
(corso), singlar (occitano), sirbone (sardo), cigniali (siciliano), singial
(piemontés), singlé (valón), sengllér (arpitán), etc. Con todo, tamén
o portugués coñece as denominacións: porco-bravo,
porco-monteiro ou porco-montês, que coinciden coas máis
usadas en galego. A forma “xabaril” debe o seu recente éxito á súa semellanza
coa forma estándar castelá, pois en galego é unha palabra –coas súas variantes–
típica do galego oriental.
Cérvidos:
(Cervus elaphus). “Cervo” é o nome recollido pola GMG e o
dRAG, que tamén recolle o seu sinónimo veado; o
primeiro vén directamente da súa denominación latina, mentres que o segundo procede
da palabra latina venatus (caza), que
nun inicio se aplicaba a calquera animal de caza maior, especialmente o oso, o
porco bravo e o cervo. Mais como no mundo hai moitas especies de cérvidos semellantes
ao noso cervo común ou cervo
vermello convén denominalo co seu adxectivo identificador cando non estea abondo claro a que especie nos referimos, tal
como fan as demais linguas: ciervo común/rojo
e venado (castelán), cérvol comú (catalán), cerf élaphe (francés), cervo nobile/reale/rosso (italiano), red deer (inglés), veado-vermelho (portugués). A pesar de que tamén existe cervo en portugués como sinónimo de veado, a nosa lingua xemelga prefire
este último nome como forma máis usual para denominar as distintas especies de
cérvidos: veado-catingueiro, veado-mateiro, veado-campeiro, veado-mula,
etc.; aínda que tamén utiliza ás veces o seu sinónimo: cervo-do-pantanal, cervo-do-padre-david
ou cervo-almiscarado. Pola contra, o
galego prefire a forma descendente da denominación latina, como demostran os
seus derivados: cervato (cría até os
seis meses), cerva (femia do cervo,
claramente diferenciábel polo dimorfismo sexual dos cornos), cerval, cerviña/-o e cervúa/-n
(adxectivos relativos ao cervo);mentres que veado
non xerou derivado ningún.
O seu
parente norteamericano –e tamén habitante do leste de Asia setentrional–,
antano considerado da mesma especie pero hoxe clasificado como especie
diferente: Cervus canadensis, recibe
o nome de uapití, adaptación galega da súa
denominación máis difundida: uapiti
(portugués), wapití/uapití e ciervo canadiense (castelán), uapití (catalán), wapiti (francés, italiano, alemán, neerlandés, danés, etc.).
Curiosamente o inglés americano prefire a palabra elk a wapiti (do shawnee:
waapiti = ancas brancas), mentres que
o inglés europeu prefire a segunda por usar a primeira para denominar o alce, que o inglés americano denomina: moose.
Gamo (Dama dama). Esta
denominación, recollida polo dRAG e a GMG, é tamén a propia do portugués e o
castelán, orixinada no latín vulgar gammus;
mentres que o resto de linguas romances (fóra do romanés: cerb lopatar = cervo con pas) usan nomes descendentes do latín
culto dama: daina (catalán), daino
(italiano –que tamén coñece a forma arcaica: damma/damo–), dam
(occitano), daim (francés), din (valón). A femia chámase: gama, distinguíbel polo notábel
dimorfismo sexual da cornamenta.
Corzo (Capreolus capreolus). Tanto
a GMG coma o dRAG recollen a forma masculina como xeral para a especie e para o
exemplar masculino e a forma corza para
o exemplar feminino, que nunca ten cornos; aínda que no galego popular, coma o
portugués,se use ambos os xéneros para denominar a especie. Soamente a
maioría das linguas ibéricas romances denominan este cérvido a partir da
palabra latina: curtius (segundo os
etimoloxistas): corça/corço
(portugués – ambas as palabras se empregan indistintamente para a especie) pero
tamén inadecuadamente cabrito-montês,
corzo (castelán), corzu/curciu (asturiano), corzo/cuerzo (aragonés). Mentres que o
resto das linguas romances derivan os seus nomes da palabra latina da especie: capreolus: cabirol (catalán), cabiròl/cabiròu/chabròl/chabròu
(occitano), chevreuil (francés), chevreu (picardo), tchivroû (valón), capriolo
(italiano), capreolo (napolitano), caoriól/cavriol (véneto), caprioara (romanés). No galego da
montaña ourensá existe –ou existía– tamén unha rara palabra para denominar as
crías: caparro/caparo, de orixe
descoñecida.
Ademais das tres especies que poboan o noso territorio hai
outros cérvidos que convén mencionar, ben por seren propios doutras rexións de
Europa, ben porque foron introducidos nalgúns países europeus. Entre os
primeiros destaca o alce eurasiático ou ante (Alces alces), o meirande cérvido e con parente
próximo en Norteamérica: o alce americano (Alces
americanus) –aínda que non hai unanimidade sobre se é especie ou subespecie–, morador
do norte de Europa e en expansión até Alemaña ou Chequia, e tamén introducido
no norte de Escocia. O seu nome latino procede da adaptación do grego álke, un prétamo do antigo xermano: elch (alemán), elk (inglés, mais: moose
en Norteamérica), elg (danés e
noruegués), älg (sueco). E outro
xermanismo deu orixe á forma francesa: élan
(< ellan < ellend), adoptada polo romanés: elan. Mentres que a forma latina foi adoptada polo castelán,
portugués, italiano e galego: alce.
Con todo, o castelán: anta (que é
feminina), o catalán: ant, e o
galego: ante, proceden dun arabismo
hispano: lámt; aínda que “anta” se usa en México para denominar o
“tapir” e en portugués para denominar as mesmas especies (tapirus spp.). A
especie –ou subespecie– americana recibe en francocanadiano o nome de orignal, que curiosamente non tomaron de
ningunha lingua amerindia, senón do basco: oreinak
(cervos) > orignac > orignal; dado que os bascos foron os primeiros
europeus que se estabeleceron nas costas de Terranova coas súas factorías
baleeiras.
E o reno (Rangifer tarandus),
cuxo nome procede do francés: renne, e
este do noruegués: rein < hreinn
(nórdico). Un cérvido propio do extremo setentrional de Escandinavia e
introducido en partes do sur de Noruega, Escocia e Islandia. As subespecies de
Norteamérica –e non especie como di o dRAG– reciben o nome de caribú < caribou < qalipu (palabra micmac que vén dicir: padexador na neve, adaptada
polos francocanadianos). Estas dúas denominacións son usadas por todos os
idiomas occidentais: reno e caribú (castelán), ren e karibu (catalán), renne e caribou (francés), rangièr
ou rèn e caribò (occitano), rena e
caribu (portugués), renna e caribù (italiano), ren e karibu (romanés), reindeer e caribou
(inglés), ren e karibu (alemán), rendier
e kariboe (neerlandés), rein e karibu (noruegués), etc. Curiosamente portugués e italiano
adaptaron a palabra como feminina malia que en francés é masculina.
E entre as especies introducidas está o pequeno Hydropotes inermis, orixinario de China
central e oriental e mais Corea e espallado polo centro e leste de Inglaterra e
no centro de Franza, que recibe as denominacións de: ciervo/venado acuático chino (castelán), cérvol aquàtic (catalán), hidrópote
ou veado-d’água-chinês (portugués), hydropote ou cerf d’eau ou chevreuil des
marais (francés), capriolo d’acqua
(italiano), idropòt ou cèrvi d’aiga ou cabiròl de las sanhas (occitano), water deer (inglés) e wasserreh
(= corzo de auga, alemán). Semella evidente que a súa relación co meio acuático
é relevante e o seu pequeno porte fai que algúns idiomas (francés, occitano,
italiano e alemán)o denominen “corzo”, polo que coido que non sería desacertado
denominalo en galego: cervelo acuático, creando
o neoloxismo “cervelo” (< cervo + sufixo diminutivo: -elo. Ex.: fontela,
cadelo, soutelo, etc.) de nidia comprensión: cervo de tamaño pequeno.
E outro cérvido pequeno: o muntiaco de
Reeves (Muntiacus reevesi), procedente do SE da China e Taiwán e
introducido, xa no s.XIX, en Inglaterra, onde se espalla polo sur e centro até
o leste de Gales, e posteriormente en Bélxica, os Países Baixos e Irlanda; que debe
o seu nome de especie ao británico que o describiu, e este figura na maioría
das denominacións: muntíaco de Reeves
(castelán), muntjac de Reeves
(catalán), muntjac de Reeve/de Formose
(francés), muntjak della Cina/de Reeves
(italiano) ou chinesischer muntjak
(alemán). “Muntjac” é a adaptación inglesa dunha palabra xavanesa para
denominaren varias especies deste xénero, que tamén reciben o nome inglés de barking deer e francés de cerf aboyeur (= cervo ladrador),
estendido polo sur de Asia e Indonesia; dado que é termo de difícil e exótica pronuncia
na nosa lingua, facer a adaptación desde o seu nome latino, coma o castelán
–aínda que mudando a tonicidade–, parece o máis axeitado.
E tres cérvidos de maior tamaño: o cervo
virxiniano (Odocoileus virginianus), propio de América dende o Canadá
até o norte de Suramérica e introducido nalgúns países europeus como Finlandia,
Chequia e Serbia. O seu nome noutras linguas varia entre dúas denominacións: venado/ciervo de cola blanca ou ciervo/venado de Virginia (castelán), cariacu ou veado-da-Virgínia ou veado-de
cauda-branca (portugués), white-tailed
deer (inglés), cérvol de Virgínia
(catalán), cerf de Virginie
(francés), cervo dalla coda bianca ou
cervo della Virginia (italiano) e weißwedelhirsch (= cervo de rabo branco,
alemán). Coido que a mellor opción é traducir o seu nome de especie científico,
como ocorre coa outra especie deste xénero: o cervo
mula (Odocoileus hemionus), en todas as linguas: ciervo mulo ou venado bura,
veado-mula, cérvol mul, mule deer, cerf mulet/hémione, cervo mulo e maultierhirsch.
O cervo sica (Cervus nippon),
procedente de Asia oriental e introducido en numerosos países europeus: Franza,
Reino Unido, Irlanda, Suecia, Finlandia, Noruega, Bélxica, Países Baixos,
Suíza, Austria, Polonia, Romanía, etc. O seu nome é tautolóxico, dado que
“sika” (< shika) significa “cervo” en xaponés, algo parecido ao que ocorre
co nome científico do seu parente próximo o “cervo vermello” porque “elaphus
< álaphos” significa “cervo” en grego. Coido lóxico facer a adaptación
ortográfica (como se fai con outras palabras nipoas: gueixa, quimono; aínda que
non sempre: karate, judo), malia que non haxa unanimidade nesta cuestión entre
as linguas romances: ciervo sica/sika
(castelán), sika (catalán), cèrvi sica (occitano), cerf sika (francés) e sika ou cervo del Giappone (italiano).
E por último: o cervo axis ou
chital (Axis axis). Cérvido orixinal da India e
introducido nunha illa de Istria (Croacia). A palabra “chital” procede do
bengalí: chital horin (cervo
manchado), e é a máis usada xunto coa que usa o seu nome de especie: chital ou ciervo manchado (castelán), chital
(portugués), axis (catalán), cerf axis ou chital (francés), cervo
pomellato (italiano), chital ou spotted/axis deer (inglés) e axishirsch ou chital (alemán). Descarto a denominación de “cervo pinto/manchado”
porque é unha característica que tamén teñen outras especies como o gamo ou o
cervo sica.
Bóvidos:
(Ovis orientalis musimon). Carneiro bravo é a forma proposta pola SGHN e recollida tamén pola GMG,
pero non polo dRAG que si recolle a forma: muflón.
Que é a denominación internacional usada polo castelán, o portugués: muflão, o alemán: mufflon, o inglés: mouflon,
o italiano: muflone, o catalán: mufló, neerlandés: moeflon, húngaro: muflon,
etc., que proceden do francés: mouflon,
que o tomou do corso: muvrone.
Córsega é xunto con Sardeña, onde recibe o nome de murone/mugrone, a orixe desta especie desaparecida do continente
había moito tempo, e logo introducida en moitos países, incluído o noso. Nin
“carneiro bravo” nin “muflón” son nomes patrimoniais, xa que logo, coido que o
máis correcto é usar o mesmo nome ca o resto dos idiomas como forma estándar.
Inclúo aquí tamén unha especie ovina introducida na década
dos 70 do século pasado e hoxe habitante de varias serras do SE de España
procedente das montañas magrebinas: o carneiro de Berbería
(Ammotragus lervia), chamado arruí en
castelán, palabra bérber, be de Barbaria
en valenciano, carneiro-da-Barbária
en portugués e barbary sheep en
inglés.
(Capra pyrenaica). Hirco
é o nome proposto pola SGHN en 1980 e asumido pola GMG, tirado dun anterior
nome científico da especie: Capra hircus;
palabra que recollen dous dicionarios antigos pero non o dRAG nin o dXerais,
que dan como denominación: cabra montesa ou cabra do monte. O castelán usa como
sinónimo do xeral: “cabra montés”, o
cultismo “íbice ibérico” e tamén ocorre
no portugués: “íbex-ibérico”, xunto a
“cabra-montês”, ambos tirados da
denominación científica de especie da cabra montesa alpina:
capra ibex; de usar o cultismo íbice en
galego, debería ser unicamente como sinónimo desta especie. E coido correcto que
se aplique o adxectivo “montesa” e non “brava” á nosa cabra salvaxe, como
facemos noutras especies con exemplares domésticos (coello bravo, gato bravo,
porco bravo, etc.), porque a cabra doméstica non procede desta especie ibérica,
senón dunha parente súa da Asia occidental, e introducida nos Balcáns: a cabra (de) bezoar (Capra aegagrus). Fóra da península
existe preferencia por denominar as cabras salvaxes con nomes específicos: bouquetin (francés), boquetin (occitano, fronte a “cabra salvatge” en catalán), stambecco (italiano) e ibex (inglés).
(Rupicapra pyrenaica). O castelanismo: rebeco, usado pola
SGHN na súa primeira lista patrón mudou ao correcto rebezo
na GMG e é así tamén recollido polo dRAG. En castelán recibe dous nomes segundo
o lugar: rebeco na Cordilleira
Cantábrica e sarrio, o seu nome en
aragonés, nos Pireneos e usa gamuza (Rupicapra
rupicapra) para especie dos Alpes e do resto da súa distribución. En asturiano
recibe os nomes de: rebecu, orixe da
forma castelá, robecu e robezu (forma que se achega á galega); e en aragonés, ademais
de sarrio, recibe os nomes de chizard(o)/sisardo e ixarzo. En catalán: isard, e en occitano: sarri
e isard para e especie pirenaica e camoç/chamoç para a alpina; coma o
francés que o denomina isard nos
Pireneos e chamois nos Alpes. Mentres
que o portugués non diferencia nominalmente ambas as especies, denominando camurça á especie alpina e camurça-dos-piréneus á especie ibérica,
coma o inglés: chamois e pyrenean chamois, o italiano: camoscio alpino
e camoscio dei Pirenei ,ou o alemán: gämse e pyrenäen-gämse. Coido que usar a denominación adaptada do
portugués: camurza para Rupicapra rupicapra e así distinguir as dúas especies non sería
unha má opción, seguindo o exemplo de castelán e francés.
Bisonte europeu (Bison
bonasus). Bóvido que viviu na España prehistórica, como é ben sabido por mor
das pinturas rupestres cantábricas, e que vai sendo reintroducido de novo, así
hai mandas semisalvaxes no norte de Palencia e na veciña Asturias. Tamén
chamado bisão en portugués, onde non
comporta confusión co nome do mustélido visão
pola diferente pronuncia de B e V; mais sería confuso adaptar esta denominación
en galego porque pronunciariamos igual ambas as especies: bisón e visón. Con
todo, esta denominación é a maioritaria entre as demais linguas: bisó (catalán), bison (francés, inglés, danés, alemán, sueco), bisont (aragonés –onde o visón se denomina: nuria–), bizon (checo, polaco, neerlandés,
romanés); fóra do castelán e italiano: bisonte.
Saiga (Saiga tatarica). O
único antílope europeu, antano vivindo nas estepas eurasiáticas desde o leste
dos Cárpatos e hoxe só no sur da Rusia, dentro de Europa, é desas pouquísimas
especies cuxo nome, de orixe ruso, é case o mesmo en todas as linguas europeas
(fóra do polaco: suhak stepowy), variando apenas a súa escrita (saiga, sajga
(checo e eslovaco), szajga(húngaro), sayga (turco)) ou o seu xénero: masculino
en castelán (predominantemente), galego (dRAG e dXerais) ou francés; e feminino
en portugués (predominantemente), catalán ou italiano. Coido que sería máis coherente
que esta palabra fose feminina, dado que en galego o morfema final “–a” (coma
nas linguas máis próximas) indica maioritariamente “palabra feminina”. O motivo
deste desamaño é sinxelo: o galego copia o castelán e este copia o francés,
onde as palabras acabadas en vogal diferente de –E adoitan ser masculinas, como
neste eslavismo que non sofreu adaptación: saiga > le saiga > el saiga
> o saiga.
E finalmente dúas especies de gran tamaño introducidas en
Europa: o boi almiscreiro (Ovibos moschatus), orixinario
do extremo setentrional de Norteamérica e Groenlandia e introducido no sur de
Noruega, de onde pasou á veciña Suecia, e o extremo norte de Rusia. O seu nome é
o mesmo en todas as linguas: buey/toro
almizclero/almizclado (castelán), bou
mesquer (catalán), boi-almiscarado
(portugués), boeuf musqué (francés), bue muschiato (italiano), bou moscat (romanés) e muskox (inglés).
E o búfalo acuático (Bubalus
bubalis), procedente do sur de Asia introduciuse en Europa xa na Idade Media,
sobre todo en Italia (produtora do queixo mozzarella) e nos Balcáns. Todos os
idiomas fan referencia á preferencia desta especie pola auga: búfalo de agua ou búbalo (castelán), búfal
aquàtic (catalán), búfalo-asiático/d’água-doméstico
(portugués), buffle d’eau (francés), bufalo indiano/ d’acqua (italiano), water buffalo (inglés).
No hay comentarios:
Publicar un comentario