CARNÍVOROS TERRESTRES
Esta
orde recolle os mamíferos máis “feros” da nosa fauna galega, pero tamén se
inclúen os da ibérica ou europea, fóra dos cetáceos e os pinnípedes xa vistos
anteriormente.
Como
adoito o castelán foi substituíndo nomes, aínda que moitas veces o galego posúa
varias denominacións para unha soa especie, ou é o subministrador de
nomenclatura vernácula para as especies alleas.
Os
cánidos teñen dous representantes en Galiza, ambos pouco apreciados pola tradición
popular por seren directos competidores co home na caza e mesmo ladróns da súa
facenda. O raposo (Vulpes vulpes), ou raposa segundo lugares, ou mesmo
falantes, como nome da especie e non de xénero, tamén recibe o nome de golpe no norte, descendente directo da forma latina:
vulpes > golpe, coma o castelán “vulpeja”
faino dun diminutivo da forma latina (< vulpecula), termo medieval de escaso
uso actual. Curiosamente a palabra latina deixou descendencia na Romania máis
oriental, pero pouca ou ningunha na máis occidental. Italiano: volpe; corso:
volpe ou volpi; véneto: volpe ou bolpe; lombardo: ólp, vólp, gulp ou vulp;
piemontés: volp; romanche: vulp; e romanés: vulpe. No entanto, castelán:
zorro/zorra (indistintamente para a especie), raposo/raposa (sobre todo en
zonas que antano foron de lingua leonesa), vulpeja (arc); aragonés:
rabosa/raboso, golpella (med); asturiano: rapiegu/rapiega, raposu/raposa;
portugués: raposa/raposo; catalán: guineu, guilla, rabosa; occitano: rainal,
guèine, mandra, volp/vòup/vop; francés: renart (antropónimo adoptado por mor da
obra medieval: Roman de Renart), goupil (med); sardo: matzone, marxani.
E o lobo (Canis lupus), cuxa denominación non crea
polémica ningunha. Mentres que o raposo presenta varias denominacións de orixe
diferente nas distintas linguas romances, o lupus
latino é a única orixe de todas as denominacións romances: lobo (galego,
portugués, castelán), llobu (asturiano), lhobo (mirandés), lupo (aragonés),
llop (catalán), lop (occitano, arpitán), loup (francés), leu (valón), luv
(piemontés), luf (lombardo), lô (lígur), lauv (romañol), lôf (friulano), lupo
(italiano, napolitano), lupu (corso, siciliano), lovo (véneto) e lup (romanés).
Ao contrario do que pasa coa raposa, nesta especie o troco de vogal final si
indica mudanza de xénero: o lobo (masculino) e a loba (feminino); e a cría
denomínase lobeto ou lobato, nunca “lobezno”.
Fóra da
nosa península pero en Europa hai outros tres cánidos: o chacal dourado (Canis aureus), recollido só como
“chacal” no dRAG e propio do sueste de Europa e sur de Asia, nas demais linguas
recibe os nomes de: chacal-dourado/comum (port),
chacal común/dorado (cast), xacal comú (cat), chacal doré (fra), sciacallo
dorato (ita) e golden/common jackal
(ing); verbo do seu nome en galego coido máis lóxico copiar o nome latino
(dourado) ca usar un adxectivo (común) que non é aplicábel entre nós. O raposo ártico (Alopex lagopus) de distribución ártica
no hemisferio setentrional, cuxo nome noutros idiomas non deixa dúbida sobre a
nosa denominavión: zorro polar/ártico
(cast), raposa-do-ártico/-polar
(port), volpe artica (ita), guineu ártica (cat), renard arctique/isatis (fra) e arctic/polar fox (ing). E o can mapache (Nyctereutes procyonoides), especie
orixinal de Asia oriental introducida na Rusia europea pola industria peleteira
na década dos 20 do séc. XX e que está en expansión cara ao oeste, chegando xa
a Franza e Italia. Fóra do francés: chien
viverrin, e do catalán: gos viverrí,
o resto dos idiomas próximos apostan por o denominar: can mapache, polo seu
parecido con este, así: perro mapache
(cast), cão-mapache/-guaxinim (port),
cane procione (ita) e raccoon dog (ing).
Os
mustélidos, a familia máis numerosa dos carnívoros na nosa terra con oito
especies, presentan dúas características denominativas senlleiras: primeiro, a
variedade de nomes nalgunhas especies; e segundo, a imprecisión destes nomes
por denominaren por veces varias especies. Por exemplo a Mustela nivalis chamada donicela,
que tamén recibe os nomes de denociña, doniña(doninha
en portugués e donina en estremeño), garridiña e saltaparedes,
todos eles avalados polo dicionario da RAG –dRAG, a partir de agora–, é un
exemplo da primeira característica, pois ademais dos xa citados ten outros
nomes como: dona das paredes, delonciña, dinucela, donirla, gunicela, cazoleira, etc. Esta riqueza de nomes tamén se dá no asturiano: llira/lliria, bonía/boniella, dolonciella/delunciella,
ratallina/ratallira, papalba/papalbina, mostandiella/mustadiella, moniella,
etc. Coido que cos cinco nomes que nos dá o dRAG temos abondo para nomear nun
galego estándar o mustélido máis abundante do país.
Pola
contra, o seu parente máis semellante: o armiño
(Mustela erminea), non presenta tal riqueza de nomes, apenas as variantes arminio e erminio da forma máis común e estándar de orixe latina e doniña branca (porque no inverno muda
de todo a esta cor agás na punta do rabo) recóllense no noso territorio. Mais
tamén acontece noutras linguas romances, onde o étimo latino é case universal:
armiño (castelán), arminho (portugués), arminio/erminio (aragonés), ermini
(catalán), hermine (francés), erminete (valón), ermellino (italiano), hermina
(romanés).
Hai dúas
especies de visóns na nosa península: o visón europeu
(Mustela lutreola), cuxa poboación máis próxima está no País Basco; e o visón americano (Neovison vison), especie alóctone que
mora na nosa terra grazás á industria peleteira desde a década dos sesenta do
pasado século. Os seus nomes estándares non presentan problema, pois coinciden
cos das demais linguas romances: visón, vison/visão, visó, vison, visone, fóra
do romanés (nurca) e o aragonés (nuria < lat. lutra?).
Con Mustela putorius, chamado furón, cando está domesticado, e furón bravo ou tourón (común) cando é salvaxe, aparece a segunda
característica denominativa con nomes asignados a varias especies, como
“furatoxos” que maioritariamente se aplica a Martes foina pero tamén aparece ás veces como sinónimo de furón. Esta
distinción denominativa entre exemplar doméstico e salvaxe é propia da
Península Ibérica: castelán: hurón/turón;
portugués: furão/toirão, tourão;
asturiano: furón/turón; e catalán: fura/turó, fura de bosc, fura boscana. O
aragonés é o único idioma que non a recolle: furón, fura.
No
leste de Europa hai dúas especies máis de touróns: o tourón
xaspeado (Vormela peregusna), propio dos Balcáns orientais e as estepas
euroasiáticas; e o tourón estepario (Mustela eversmanni), habitante das
estepas ucraína e rusa e mais a cunca danubiana. Os nomes en galego son copia
dos nomes usados noutros idiomas próximos: turón
búlgaro/jaspeado e turón de estepa
(castelán); turó marbrat e turó de l’estepa (catalán); putois marbré e putois des steppes (francés); marbled
polecat e steppe polecat (inglés);
puzzola marmorizzata e puzzola delle steppe (italiano).
Mais é
co xénero Martes onde se dá unha
auténtica confusión denominativa con palabras como: martuxa (sinónimo de garduña no dRAG), martucho/martuxo
aplicados a ambas as especies presentes en Galiza: a marta
(Martes martes) e a fuíña ou garduña (Martes foina). Esta última ademais recibe
varias denominacións máis: furatoxos,
algaria, papalba, gatela, martaraña ou rabisaco (as tres últimas sinónimas de fuíña no dRAG). O problema
xorde cando comprobamos que algunhas tamén se aplican a outra especie: a Genetta genetta, que tamén recibe os
nomes de: algaria, martaraña, martuxo ou rabisaco. Polo que parece que usar
como formas estándares aquelas denominacións que só se aplican a especies en
concreto é o máis práctico –é dicir, as que se marcan en vermello–. No norte de
Europa moraba –hoxe tan só en Rusia– outra especie deste xénero, famosa pola
súa pel: a Martes zibellina que
denominamos: marta cibelina, adaptando o seu
nome científico.
O Meles meles ou teixugo
recibe tamén varios nomes: porco teixo,
porquello, teixo ou tourón. Pouco
axeitados por diferentes motivos: os dous primeiros porque remiten a “porco”,
animal que ten pouco que ver co noso mustélido, o terceiro porque o comparte
cunha árbore conífera (Taxus baccata) e cun adxectivo (cor parda escura), e o cuarto
porque tamén se usa, e en moita maior medida, para designar o furón bravo. Porén hai outro, tamén
recollido polo dRAG e tamén correcto: melandro,
propio do galego máis oriental e o máis común do asturiano: melandru.
Por
último mustélido galego: a londra ou lontra (Lutra lutra). O dRAG dá preferencia á primeira
forma e a Guía dos Mamíferos de Galicia ou a Wikipedia á segunda, que é tamén a
estándar do portugués. E aínda que hai moitas
variantes do mesmo étimo latino: lóndrega/lóndriga,
londria/lundria, loutra,
londre/lundre, lóntrega, ludra, etc.; as dúas do inicio son as máis usadas.
No
extremo setentrional de Europa mora o segundo maior mustélido coñecido –o
primeiro é a londra xigante ou ariranha (Pteronura brasiliensis)–: o gulo (Gulo gulo), chamado glouton en francés, glotón
en castelán, glutão en portugués, golut en catalán e ghiottone en italiano, onde tamén recibe o nome de volverina, coma o francés americano: wolvérène, ambos derivados do inglés: wolverine. Con todo, o francés americano
adoita usar a denominación de: carcajou,
palabra de orixe algonquina, que tamén se usa ás veces en castelán: carcayú, e portugués: carcaju, sobre todo para falar de
exemplares americanos. Coido que o máis correcto é adoptar o latinismo e nome científico:
“gulo”, que significa “comellón”, no canto de adaptar calquera outra
denominación artificial –“glotón/glutón” son formas inexistentes en galego–,
tal como ocorre noutras moitas especies exóticas: gazella > gacela, giraffa
> xirafa, hippopotamus > hipopótomo, gorilla > gorila, pelecanus >
pelicano, etc.
O único
vivérrido do país (Genetta genetta) recibe como nomes xerais: xeneta e algaria. O
primeiro ten a variante xineta e o
segundo presenta a controversia de que, malia ser unha denominación inequivoca
desta especie, o dRAG –e tamén o dicionario Xerais– asígnanllo a outro
vivérrido foráneo: a civeta, por ser este animal, do que se extraía a
substancia chamada “algaria”, o que nun inicio se denominaba: gato de algalia. Mais logo o nome pasou
para nomear principalmente o seu parente veciño noso, modificándose un pouco: gato de algaria > algaria e gato
algario. Polo que parece neglixencia que os dicionarios non recollan o
significado maioritario da palabra na actualidade. A Genetta genetta recibe tamén moitas outras denominacións, algunhas
compartidas co xénero Martes dos
mustélidos: martaraña, martineta, martuxo, rabisaco, rabixo ou rabilongo (único destes sinónimos
recollido polo dRAG). Curiosamente o asturiano emprega outra forma desta
palabra: algaire, como sinónimo de
gato bravo.
Tampouco
está de máis incluír o outro vivérrido europeu, aínda que non frecuente en Galiza
polo momento –dado que seica está en expansión dende o SW ibérico–: o Herpestes ichneumon ou mangusta común, coñecido popularmente como meloncillo en castelán e sacarrabos, rato-de faraó (< fr. rat
des pharaons), manguço e escalavardo en portugués. Por certo,
para o dRAG este animal –que citan simplemente como “mangosta”, cando hai máis de 30 especies destas– vive na África
tropical e en Asia, esquecendo que o podemos ver ao sur do Texo e copiando o
substantivo castelán, sen facer a preceptiva adaptación do francés “mangouste”;
orixe das demais denominacións romances: mangusta
(italiano e romanés), mangusto
(portugués) e mangosta (castelán e
catalán).
O único
felino galego actual é o gato bravo (Felis
silvestris), tamén chamado gato montés,
quizais por imitación do castelán, xustamente chamado así por ser a mesma
especie ca o gato doméstico. No entanto, non hai tanto tempo tamén moraba entre
nós o lince, mais non o lince ibérico (Lynx
pardina) da España meridional, senón o lince eurasiático
(Lynx lynx), disque en recentes estudos sobre restos atopados ao longo da
España setentrional, desde os Pireneos até Galiza, aínda que tampouco sería
unha idea desatinada que ambas as especies confluísen outrora nesta ampla zona
como ocorre co lince vermello (Lynx rufus) e o lince canadense (Lynx canadensis) ao longo de amplas
zonas dos estados raianos entre os EUA e o Canadá. Os linces, antes de que se
impuxese esta denominación culta na maioría das linguas occidentais: lynx (inglés, francés, neerlandés), linx (catalán, occitano), lince (castelán, portugués, italiano), luchse (alemán); recibían antano o nome
popular de lobo cerval ou gato cerval (como se conserva en
aragonés) en toda a península, aínda que en Galiza tamén recibía os nomes de: loberno e lobo rabaz. Así e todo, non sería moi científico recuperar estes
vellos nomes para o noso felino.
E agora
o maior carnívoro europeu: o oso pardo (Ursus
arctos), especie histórica e hoxe esporádica, cuxa denominación é tan nosa coma
castelá, polo que non se debería recorrer ao lusismo urso como forma propia
galega. A existencia do topónimo: oseira < ursariam semella proba contundente.
O seu parente Ursus maritimus, propio
das terras árticas recibe o nome de oso polar ou
oso branco.
Por
último, hai que incluír unha especie alóctone que comeza a morar en diversos
lugares de Europa, incluída España: o mapache común (Procyon lotor), escapados de granxas peleteiras
van colonizando os campos europeus con gran suceso. O nome castelán, que usamos
en galego, procede do náhuatle: mapach
(con mans/que usa mans) e tamén se usa en Portugal xunto co o de rato-lavadeiro, adapatción do francés: raton laveur, onde “raton” procede do
inglés: raccoon, palabra algonquina
para a especie; con todo, no Brasil prefiren guaxinim, palabra indíxena, ou mão-pelada
para denominar a especie propia de Suramérica: o mapache
caranguexeiro (Procyon cancrivorus). O –inadecuado– nome catalán: ós rentador, tamén se usa en castelán: oso/osito lavador.
No hay comentarios:
Publicar un comentario