domingo, 3 de enero de 2016

NOMES GALEGOS DOS MAMÍFEROS 1

CETÁCEOS E FÓCIDOS

                Das denominacións populares de animais os habitantes do mar, e entre eles os cetáceos, ocupan unha parte importante, mercé á antiga tradición mariñeira do noso pobo, por isto parece pouco razoábel que se recorra a denominacións castelás, moitas veces de orixe foránea no mesmo castelán, para denominar estes animais no estándar galego.
                No presente texto veremos algúns exemplos disto coa denominación que se dá ou se presenta como principal no dicionario da RAG (abreviado como “dRAG” no texto) a non poucos xéneros da familia dos cetáceos, animais desde moito tempo coñecidos e capturados polos nosos mariñeiros.

Así as especies das familias Balaenidae e Balaenopteridae reciben a correcta denominación xeral de balea, recuperación da palabra propia substituída na fala polo castelanismo “ballena” (Mª del Carmen Ríos Panisse: Nomenclatura de la Flora y Fauna Marítimas de Galicia, vol. II. Verba, 1983. Univ. Santiago), mais os balaenoptéridos reciben o nome específico de rorcual, absurdo galicismo (rorqual  < noruegués: röyrkval “balea con sucos”) chegado a través do castelán que non ten ningún apoio na fala, nin sequera no mesmo castelán. O termo galego vén do latín balaena, co que se designaba a calquera gran cetáceo, e maiormente os balaenoptéridos por seren os habituais do mar Mediterráneo. Por tanto usemos o termo xenérico de “balea” para todos os grandes cetáceos fóra de dous moi salientábeis: o xibardo (Megaptera novaeangliae) denominado así pola súa “xiba” na parte anterior da aleta dorsal, coincidindo con outros nomes populares noutras linguas: baleia-corcunda, ballena jorobada, balena amb gep, baleine à bosse, humpback whale, etc.; a denominación estándar é a forma máis usada entre un gran número de variantes: chibardo, chibarro/xibarro, chibarte/xibarte, xibarta/xibarto, xibarzo, xubardo, etc. E o cachalote (Physeter macrocephalus) que recibe o seu nome do aumentativo despectivo da palabra popular “cachola” con disimilación vocálica, malia o que digan certos etimoloxistas sobre unha posíbel orixe no francés antigo (cachau = dente grande) ou calquera outra hipótese que evite a nidia orixe galego-portuguesa. Existe unha variante moito menos usada: cachelote.

A única especie da familia Phocoenidae que se dá na nosas costas recibe o nome xeral de toniña (Phocoena phocoena), cuxa variante touliña tamén recolle o dRAG e ademais o castelanismo de orixe francesa marsopa, sinónimo innecesario e sen ningunha tradición na fala popular. O nome estándar, ademais de coincidir co portugués (toninha), e a forma máis usada con diferenza face ás demais variantes: tauliña, toliña, tonliña, toulía, touliña (a segunda forma máis usada), touriña e tuniña.

As especies dos Delphinidae reciben o nome xenérico de golfiño (< lat. delphinum), coincidindo coa denominación estándar portuguesa (golfinho), cunha variante golfín de menor uso, coa excepción dos nomes específicos que reciben algunhas especies concretas. O dRAG recolle como forma preferente delfín e como secundaria “golfiño” nun alarde de estulticia castelanizante con pouca base na fala, pois é un castelanismo minoritario, e ningunha na literatura científica galega. A especie Tursiops truncatus, a habitual nos acuarios, recibe os nomes populares de boto (na costa norte) e bufa (na costa sur) –segundo Ríos Panisse–, como formas máis usadas (fronte ás variantes: bota, botiña, botiño, bufana, bufla ou bufo) e recollidas como estándares polo dRAG, xunto a arroaz, malia que esta denominación non sexa específica desta especie e si o nome xeral para todos os delfínidos que carecen de fociño ou o teñen pouco prominente. Seica o triunfo de arroaz para nomear o Tursiops truncatus no galego escrito déballe moito ás denominacións portuguesas desta especie: golfinho-roaz ou roaz-corvineiro. A Orcinus orca, por veces incorrectamente chamada “balea asasina” por tradución do inglés “killer whale”, pois non é balea nin asasina, chámase en galego candorca, que provén de aglutinación das palabras “can de orca”. As dúas especies do xénero Globicephala reciben o nome xenérico de caldeirón, castelanismo asumido polo dRAG que basea a súa denominación na forma de caldeiro da súa cabeza, cunha delas habitual nas augas galegas: o caldeirón común (Globicephala melas), e a outra excepcional:  o caldeirón tropical (Globicephala macrorhynchus); en portugués denomínase: baleia-piloto, tomado do inglés pilot whale ou do francés baleine-pilote, aínda que tamén coñece a forma caldeirão. A Pseudorca crassidens  é rara na Galiza e coñécese nalgún lugar como negrón pola súa cor case uniforme, palabra que nin sequera recolle o dRAG, aínda que o termo máis usado con diferenza, conforme o traballo de Ríos Panisse, é arroaz ou calquera das súas variantes: arroán, arroarte/arruarte, arroazo, arruá(n) ou arruaz. E o Delphinapterus leucas, coñecido internacionalmente pola súa denominación rusa: beluga (balea branca) ten dous nomes galegos dados polos mariñeiros que percorren as augas árticas: blancón > brancón (en correcto galego) e santo; mais non parece que vaian substituír a forma internacional.

A familia dos Ziphidae ou Cifíidos (“Zifíidos” segundo o dRAG), a segunda máis extensa en especies e a máis descoñecida dos cetáceos , non ten un nome xenérico para denominar popularmente as súas especies polo que se recorreu á adaptación do nome científico máis xeral: ziphius > cifio (mellor ca “zifio”, que contraria as nosas normas ortográficas); en castelán: zifio, en portugués:  zífio, pero sobre todo, baleia-bicuda, baleia-de-bico ou baleia-nariz-de-garrafa; en catalán: zífid; en francés: baleines à bec; en italiano: adaptación do nome científico (berardio, iperodonte, mesoplodonte e zifio); occitano: balena de bèc; en inglés: beaked whale. Mais como se ve varias linguas usan o incorrecto termo “balea” para denominaren estas especies debido ao seu tamaño superior ao da maioría dos delfínidos.

Os pinnípedes inclúen tres familias: os otáridos (leóns mariños e osos mariños), habitantes do hemisferio sur e do océano Pacífico; os odobénidos, cunha soa especie: a morsa (Odobenus rosmarus), cuxa presenza sería excepcional nas nosas costas, mais que reciben popularmente os nomes inapropiados de xerea (< serea) e vaca mariña; e os fócidos ou focas, onde cinco especies teñen presenza ocasional en dúas e excepcional en tres nas costas galegas. Así o lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) é case habitual que apareza no inverno, mentres que a foca común (Phoca vitulina) é máis ocasional ca “común”; as outras tres especies de presenza excepcional son: a Pusa hispida, a Cystophora cristata e a Erignathus barbatus. A denominación popular de lobo mariño ou lobo de mar é xeral para calquera fócido, e non específico de Halichoerus grypus, e tamén é xeral o de vaca mariña, usado tamén para a morsa.

As dúas guías galegas publicadas que recollen unha listaxe estandarizada de mamíferos mariños: unha específica (X.M. Penas-Patiño e A. Piñeiro Seage - Cetáceos, Focas e Tartarugas Mariñas das Costas Ibéricas, Consellería de Pesca, 1989) e outra xeral (J.I. Díaz da Silva e Yosy Cartelle - Guía dos Mamíferos de Galicia, Baía ed., 2007) dan por veces uns nomes estándares algo incorrectos, sobre todo a primeira. A seguir inclúo unha listaxe cos nomes propostos en ambas as guías (en primeiro lugar o de Penas-Patiño/Piñeiro e en segundo o de Díaz da Silva/Cartelle, cando non coinciden), sinalando en vermello o que coido máis axeitado, ou mesmo propondo outro alternativo por considerar que o que figura é incorrecto:

CETÁCEOS:

Balaenoptera musculus – rorcual azul, balea azul. Convén non esquecer que o nome científico de xénero destas especies significa: “balea de aletas”.
Balaenoptera physalus – rorcual común, balea común.
Balaenoptera borealis – rorcual de pintas, balea de pintas.
Balaenoptera acuturostrata – rorcual alibranco, balea alibranca.
Megaptera novaeangliae – rorcual xibarte, balea xibardo. A denominación simple de xibardo, tal como ocorre na fala, abonda para denominar esta balea tan peculiar.
Eubalaena glacialis – balea vasca, balea franca setentrional. Se en portugués se  chama baleia-franca-do-atlántico-norte,  en castelán ballena franca glacial, en catalán balena franca comuna, en francés baleine franche de l’Atlantique Nord e en italiano balena franca nordatlantica, parece evidente que en galego sexa: balea franca do Atlántico. Se ben é certo que a balea franca austral (Eubalaena australis) tamén habita o Atlántico meridional, ademais do Pacífico meridional, o Índico meridional e o Antártico, Eubalaena glacialis é a única “balea franca” exclusiva deste océano.
Physeter macrocephalus – cachalote común, cachalote. Habendo tres especies denominadas “cachalote” parece lóxico identificar á máis habitual como “común”.
Kogia breviceps – cachalote pequeno. As demais linguas denominan esta especie como “pigmea”, non encontro razón ningunha para non facer o mesmo en galego porque non é o mesmo “pigmeu” ca “pequeno”; calquera cachalote común aínda xove pode ser pequeno sen ser obviamente pigmeu. Por tanto: cachalote pigmeu.
Ziphius cavirostris – zifio de Cuvier, cifio de Cuvier. Mellor co cultismo adaptado á ortografía galega. A maioría dos cifíidos levan o nome do cientista que os describiu por primeira vez.
Hyperoodon ampullatus – zifio caldeirón, cifio caldeirón. Porque a súa cabeza lembra á do caldeirón de maneira clara.
Mesoplon mirus – zifio de True, cifio de True.
Mesoplon densirostris – zifio de Blainville, cifio de Blainville.
Mesoplon bidens – zifio de Sowerby, cifio de Sowerby.
Mesoplon europaeus – (non recollido), cifio de Gervais.
Orcinus orca – candorca. Auténtica denominación galega fronte a “orca”, que ás veces se coa como castelanismo ou lusismo.
Globicephala melaena – caldeirón común. Copiar o termo inglés: “balea piloto” sería pouco científico, dado que é un delfínido e non unha balea.
Globicephala macrorhynchus – caldeirón tropical.
Pseudorca crassidens – negrón. Visto que o nome máis xeral é “arroaz”, como en todos os delfínidos sen fociño, sería máis correcto: arroaz negrón.
Tursiops truncatus – arroaz real. Como dixen anteriormente os nomes máis usados para esta especie son boto e bufa, descoñezo por que non usar calquera destes como estándar, ou inclusive os dous como sucede con outras especies (ex.: raposo e golpe, cervo e veado, porco bravo e xabaril, teixugo e porco teixo, etc.), no canto de inventar un para unha especie que non o precisa.
Lagenorhynchus acutus – arroaz pinto.
Lagenorhynchus albirrostris – arroaz careto, (non recollido). Mellor ca “careto” sería “de bico branco”, máis acorde co seu aspecto, tal como recollen o resto das linguas: roaz-de-bico-branco, delfín de morro blanco, dofí de morro blanc, dauphin à bec blanc ou white-beaked dolphin. Por tanto: arroaz de bico branco.
Grampus griseus – arroaz boto. Visto que “boto” é o nome popular do Tursiops truncatus, esta denominación só pode crear confusión. E como a especie non ten un nome concreto popular seguir o exemplo do portugués: grampo, do francés: grampus e do italiano: grampo griggio, non parece má solución: arroaz grampo.
Delphinus delphis – golfiño común. Porque en verdade é o máis común das nosas costas.
Stenella coeruleoalba – golfiño riscado.
Phocoena phocoena – toniña. Por favor esquezan o inútil castelanismo “marsopa”!

PINNÍPEDES:

Por mor da cabeza dos fócidos o nome popular de “lobo mariño” e similares se aplica sempre a algunha especie de foca máis ou menos común: galego - lobo mariño (Phoca vitulina e Halichoerus grypus), asturiano – llobu marín (Halichoerus grypus), portugués – lobo-marinho (Monachus monachus), basco – itxas zakur “can de mar” (Phoca vitulina), alemán – seehund “can de mar” (Phoca vitulina), etc. Por tanto “lobo mariño” é o sinónimo popular do cultismo “foca” e como tal se debe utilizar.
Phoca vitulina – lobo mariño, foca común.
Halichoerus grypus – foca cincenta, lobo mariño cincento.
Pusa hispida – foca anelada.
Cystophora cristata – foca de capelo. Un “capelo” é unha peza de vestir que cobre a cabeza, polo que parece unha denominación pouco afortunada para esta especie. Mellor sería adaptar o seu nome científico: foca cristada.
Erignathus barbatus – foca barbuda.

Monachus monachus – foca mediterránea. Tendo en conta que tamén se estende polas costas atlánticas do Magrebe, que a súa principal colonia está na Rep. Árabe Saharaui e que existe unha pequena colonia nas Illas de Madeira (onde recibe o nome de lobo marinho), non parece moi acertado o de “mediterránea”. Fóra do portugués e do catalán, onde se denomina como vedell marí (becerro mariño), as demais linguas traducen o seu nome científico: foca fraile/foca monje, phoque moine, foca monaca, monk seal, mönchsrobbe; así que non vexo motivo para non facer o mesmo en galego: foca monxe (lat. monachus > occ. monge > gal. monxe).

No hay comentarios:

Publicar un comentario