martes, 5 de mayo de 2015

OS DERIVADOS DE ECCLESIA EN GALEGO E OUTRAS LINGUAS

A palabra latina ecclesia deixou numerosos derivados nas linguas romances, dada a importancia que o termo tivo, e ten, na práctica da relixión cristiá. Este termo é a adaptación latina da palabra grega ekklesía, que significa “asemblea, reunión”, dado que os primeiros cristiáns, que vivían no leste do imperio romano e tiñan o grego como lingua principal, non posuían templos e practicaban a súa relixión mediante reunións.

                Algunhas linguas conservaron todas as sílabas como as galorromances: o francés église, o normando égllise, o valón eglijhe; o arpitán égllése; as iberorromances: o castelán iglesia, o asturleonés e mais o aragonés ilesia, o portugués igreja, o mirandés eigreija e o galego igrexa; e o  catalán església. E mesmo linguas non romances adaptaron este étimo, desde o propio latín, como as celtas: o bretón iliz, o cornuallés eglos, o galés eglwys e o gaélico escocés e irlandés eaglais; o basco eliza; o grego salentino aglisía; ou desde os seus derivados, como o aimara inglisha tomado do español.

                Mais noutras produciuse aférese, como no occitano glèisa (onde tamén existe a variante sen aférese egleisa, menos usada); e sobre todo nas linguas e dialectos italianos: o italiano chiesa, o piemontés e mais o triestino cesa, o romañol cesa/cisa, o lígur gexa/geija, o siciliano crèsia, o véneto céxa/cesa, o lombardo gesa, o napolitano chiésia, o calabrés chjisa, o corso ghjésgia, o ladino dlijia, o friulano glesie, o sardo creja/crèsia, etc. Mais tamén en linguas non romances como o acerbaixano kilse e o turco kilise, de onde procede o xudeoespañol kilisia/klisa (que tamén coñece as formas de orixe ibérica igleja/iglizia); ou o albanés kisha/kishë.

                Porén, o máis rechamante deste étimo para nós é a gran cantidade de variantes que deixou en galego, a maioría conservadas toponimicamente: eirexa/eirexe (top. Eirexalba = Igrexa branca), eirixa/eirixe, irixe, grixa (top. Grixalba = Igrexa branca), iglesia. E variantes do diminutivo latino ecclesiola: eirexúa, grixoa/grixó, irixoa. No galego medieval documéntanse unha gran cantidade de formas: e(c)clesia, egles(i)a/eglisa, egresya/egresia, egleia/egreia/ egreja, eygreja/eigreja, eigleia/eigreia, e(i)greija, eigrega/eygregya, iglesia/yglisia/igresia, igleia/igleja/iglija, igreia/igreja . Curiosamente a forma iglesia, coincidente coa castelá, non é un castelanismo, pois rexistráse en textos galegos xa desde o s.XIII, sendo ademais a forma máis documentada con diferenza fronte a igreja e as súas variantes; con todo, sempre aparece en textos notariais e nunca en textos literarios, onde a forma estándar do portugués e orixe da forma normativa actual, é a máis usada xunto coas súas variantes egreja e, sobre todo, eigreja. Secasí, Igrexa é a única forma que recolle o normativo dRAG, mentres que o dXerais (Gran Dicionario Xerais da Lingua) tamén inclúe as formas eirexa/eirexe e grixa como termos sinónimos non estándares de igrexa, e iglesia/igresia e mais iglexa/igrexa como formas incorrectas; curiosamente non recolle a voz popularísima ilesia incluída en varios dicionarios anteriores e no Glosario de Voces Galegas de Hoxe (1985), forma coincidente coas normativas asturiana e aragonesa e case seguro vulgarismo de iglesia.

                Non obstante, hai un pequeno grupo de linguas romances que derivaron a súa denominación para “igrexa” da palabra latina basilica: as linguas balcanorromances romanesa biserica e aromana bisearica, o extinto dálmata basalka e o romanche baselg(i)a.

                As linguas xermánicas e algunhas outras tamén derivan as súas denominacións para “igrexa” do grego, mais doutra raíz diferente: kyriakós oíkos (casa do Señor), expresión usada na época bizantina; sendo a primeira palabra a orixe do alemán kirche, luxemburgués kierch, alemán suízo chile, danés e noruegués kirke, sueco kyrka, islandés e faeroés kirkja, neonoruegués kyrkje, escocés e inglés setentrional kirk, neerlandés e africáner kerk e do inglés church, cunha mudanza de son rechamante. E a través destas linguas pasou a idiomas ben diferentes como o finés kirkko, o estoniano kirik ou o lapón girku, o manés keeill, quizais tomado do noruegués ou do escocés, o malaio gercja ou o esperanto kirko.

No hay comentarios:

Publicar un comentario