lunes, 6 de abril de 2015

BOTAR DE MENOS ou ACHAR DE MENOS

Segundo nos din varias obras lexicográficas a expresión castelá “echar de menos” provén da expresión galego-portuguesa “achar menos” –aínda que algúns só falan de portugués medieval esquecendo que a Romanística indica o termo “galego-portugués” para denominar  a lingua común medieval dos reinos de Galiza e Portugal, mais o tradicional desprezo da lingüística española polo galego merecería un libro de seu–. A mudanza que se produciu na frase castelá foi debida á semellanza fonética entre os verbos “echar” e “achar” e non á similitude de significados. Co paso do tempo esta expresión galego-portuguesa desapareceu da lingua oral e soamente sobreviviu no idioma castelán, incorporando a preposición “de” entre o verbo e o adverbio, de onde pasaría de novo á lingua galega moderna, que a adapta trocando o verbo castelán polo seu equivalente galego: “botar de menos”.
                O dicionario RAG non recolle esta expresión e si a súa equivalente: “ botar en falta/falla”. Tampouco o de Xerais a recolle, pero si o de Galaxia; e o portugués traduce esta expresión por:” sentir saudade/falta de”. Ex.: boto de menos a Xoana = sinto saudade/falta de Joana.
                Se o verbo “botar”, con diferentes acepcións, ten un significado básico de “guindar, lanzar”, como comprobamos coa seguinte fraseoloxía:
Botar chispas.
Botar terra a un asunto.
Botar man de algo.
Botar a culpa.
Botar leña ao lume.
Botar unha man.
Botar na cara.
Botar lume (pórse colérico).
Botar por ela.
Entón, vemos a incoherencia da frase: botar de menos = guindar de menos?

                Non sería máis lóxico recuperar a expresión orixinal, que aínda que hai moito que desapareceu segue a ter un significado nítido que non precisa explicación ningunha: “achar de menos”. Coido que se o dicionario RAG recollese a expresión castelán: “botar de menos”, e indicase a recomendación de empregar no seu lugar a forma: “achar de menos”, faría máis pola recuperación dunha lingua enxebre ca coa simple omisión do castelanismo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario