A metátese é o troco de lugar dalgún son nunha palabra,
atraído ou repelido un por outro. É un fenómeno moi habitual na lingua e non
existe lingua romance que non o coñeza, mais cando o estándar decide incorporar
estas mudanzas?
Manuel
Ferreiro na súa “Gramática histórica galega” demóstranos que o fenómeno forma
parte da nosa lingua patrimonial desde o inicio: integrare > entregar, inter
> entre, semper > sempre, pro > por, super > sobre, quattuor
> catro, pigritia > preguiza,
pipere > prebe, en + ruga > engurra, arrizar (med)
> acirrar, integru > entrego/antergo,
appectorare > apertar, parabola > palabra, etc.
Os
resultados son, loxicamente, diferentes segundo os idiomas, así en catalán: persicus > pressicus > préssec (pexego),
frumentum > froment > forment (trigo,
aínda que se prefere o seu sinónimo: blat),
boreas > bòria > boira (néboa,
vocábulo tamén aragonés que significa “nube” e úsase boira baixa para “néboa”), aquila
> àguila/àliga (curiosamente o galego presenta tamén ten dobrete na
mesma palabra:” aguia/aiga,aigue”, aínda que a primeira sexa a forma
estandarizada), equa > egua/euga (sendo
a primeira a forma máis usada), etc.
En
castelán: periculum > pericolo >
periglo > peligro, crusta >
crosta > costra, mus caeculus >
murciégalo > murciélago, miraculum
> miracolo > miraglo > milagro (tamén en galego: milagre, mais no
galego medieval era “miragre”), al-Jaza’ir
> Algérie > Algelia > Argelia (compartido co portugués: Argélia, pero non co galego: Alxeria), palude > padule >paúl (palabra tamén existente en portugués: paul, pero non en galego), crocodilus > cocodrilo (tamén en
italiano: coccodrillo, sardo: cocodrillu, catalán e occitano: cocodril), animalia > alimaña (en galego existe “alimaria” para o mesmo
concepto), praesepe > pesebre, crepare > quebrar (como en portugués,
mentres que o estándar galego prefire a forma sen metátese: crebar), etc.
En
portugués: merulu > melro (en
galego tamén existe, pero úsase máis “merlo”, que é a forma estándar), *prettu > perto (variante tamén
existente en galego), tenebra > treva
(tamén existente en galego: treba), *praecunctare
> perguntar (tamén existente en galego), turbone > trovão (trono; en galego existe “trebón” co
significado de “tempestade”), etc.
Mais
cando o estándar decide incorporar estas mudanzas? Por que si nunhas palabras e
non noutras, hai un criterio selectivo imparcial? Velaquí algunhas palabras moi
usadas que non pasan a criba: melro (estándar en portugués), freba (febra),
drento, cadavre, probe, pirmeiro, percurar (procurar), treba (estándar en
portugués: treva), cicais (quizais),
chata (tacha), etc. De certo que descoñezo cal é o criterio que desbota
palabras máis usadas no galego popular (cadavre, probe, chata, freba, pelengrín,
…) polas variantes que coinciden co castelán, cando noutras é este mesmo uso
popular o que as escolle (engurra, prebe, apertar, …): misterios da RAG.
No hay comentarios:
Publicar un comentario