Se un procura determinadas palabras no dicionario en liña da RAG acaba decatándose de multiplas
incongruencias e das excesivas desviacións castelanistas.
Así
“depenar”, xunto coa variante “despenar”, é sinónimo de “desplumar”; mais en
troca “pena” non é sinónimo de “pluma”, como si admite o portugués ou o GDXL
(Gran Dicionario Xerais da Lingua), pero non o GDsXXI (Gran Dicionario século
XXI da Lingua Galega).
Convén
lembrar os principios que rexen as NOMIG (Normas Ortográficas e Morfolóxicas do
Idioma galego) para entender por que detecto manifesta incoherencia na maioría
das escollas léxicas do Dicionario RAG, cando existen ao menos dúas
posibilidades, sexan sinónimos ou variantes dunha mesma palabra. Os principios
son os seguintes:
Que
haxa proximidade entre lingua escrita e oral, mais depurando
as interferencias do español.
Que
sexa un estándar supradialectal e representativo
da diversidade.
Que
enraice coa tradición escrita antiga, dando preferencia
ás formas tradicionais.
E
que harmonice especialmente coas linguas romances en xeral e coa portuguesa en particular, por ser esta o recurso fundamental para o léxico culto.
Porén,
como veremos a seguir, o dicionario fai en demasiadas ocasións caso omiso
destes principios e dá preferencia a castelanismos e dialectalismos (formas
minoritarias) como formas preferentes fronte ás palabras máis próximas ou
coincidentes coas formas portuguesas.
Velaquí
algúns exemplos desta ”curiosa” preferencia do dicionario nos sinónimos polo
termo máis parecido ou coincidente co castelán en contra do igual ou máis
semellante co portugués, así:
Gañar
remite a Ganar.
Amábel
remite a Amable, como todos os adxectivos acabados en –ábel ou –íbel remiten á
forma rematada en –able ou –ible.
Golfiño
remite a Delfín, palabra esta claramente minoritaria fronte a Golfiño ou Golfín
segundo a “Nomenclatura de la Flora y Fauna Marítimas de Galicia” de Ríos
Panisse.
Gostar
remite a Gustar.
Mao/má
remite a Malo/mala.
Ar remite a Aire.
Lontra remite a Londra.
Vergoña remite a Vergonza.
Pór remite a Poñer.
Nocello aparece como sinónimo
de Artello e Tornecelo (port.: tornozelo), mais Nortello e Noelo remiten só á
primeira palabra.
Ouvir e Ouvido remiten a Oír e
Oído.
Fechar remite a Pechar.
Cinema remite a Cine.
Cinza remite a Cinsa, que ten
un case esquecido sinónimo en Borralla.
Vírgula remite a Coma.
Tinxir remite a Tinguir, como
Cinxir a Cinguir e só recolle Abranguer, esquecendo a Abranxer (port.: tingir,
cingir e abranger).
Aspas remite a Comiñas.
Roibo remite a Rubio, a carón
dos seus sinónimos Vermello e Encarnado; porén o portugués Ruivo equivale ao
galego Roxo, cor entre vermello e amarelo, e o sinónimo de Vermello é Rubro,
mentres que Roxo en portugués equivale ao galego Morado.
Eixo remite a Eixe.
Louvar remite a Loar.
Até remite a Ata.
Loiro remite a Louro, aínda
que ao contrario que en galego a primeira é a preferida polo portugués.
Pintasilgo (port.:
pintassilgo) remite a Picacardos, sinónimo de Xílgaro, mentres que Barroso
remite a este último.
Segunda Feira remite a Luns,
como o resto dos días con feira remiten ás formas próximas ao castelán.
Ficar remite a Quedar.
Inclusive remite a Incluso,
sinónimo de Mesmo.
Corar remite a Colorear,
admitindo como sinónimo Colorar.
Bulso remite a Bolso, sinónimo
de Peto.
Umeiro remite a Olmo.
Choupo, considerado erro,
remite a Chopo, aínda que a primeira é a palabra usada polo portugués xunto co
seu sinónimo Álamo.
Coella e Coia remiten a Col,
que en portugués é Couve, palabra recollida como dialectal,xunto coa variante
Couva, no GDXL.
Peaxe preferido a Portaxe, a
palabra patrimonial que conserva o portugués (Portagem) tamén para as
autoestradas.
Menos
mal que nalgúns casos admitindo o castelanismo, este remite á forma galega:
Marsopa
remite a Toniña.
Toupo
remite a Toupa ou Toupeira, este último sinónimo como nome do animal pero cos
significados adicionais da morea que fai este mamífero ou tobo do mesmo; tamén
recolle a variante teupa, que remite a toupa.
Serpente
remite a Serpe.
Cebada
remite a Orxo.
Ultraxe
remite a Aldraxe.
Agua remite a Auga.
Estuario remite a Esteiro.
Bombilla remite a Lámpada.
Color remite a Cor.
Dolor remite a Dor.
Espuma remite a Escuma; aínda
que a primeira tamén é a forma portuguesa.
Rechazar remite a Rexeitar.
Comenzar remite a Comezar.
Ou dá preferencia á forma máis
maioritaria fronte á minoritaria, en xeral con acerto:
Choiva remite a Chuvia.
Badía remite a Baía.
Doniña ou Denociña remiten a
Donicela, que é pleno sinónimo de Garridiña e saltaparedes.
Gavota remite a Gaivota.
Chorida remite a Chorima.
Pixota remite a pescada, aínda
que tamén admite o castelanismo Merluza pero, felizmente, non o recomenda.
Arrabaldo, considerada incorrecta,
remite a Arrabalde.
Demoño remite a Demo, como os
demais sinónimos: Diabo, Diaño, Diabro e Diantre.
Marelo remite a Amarelo.
Dende e Des remiten a Desde.
Éngoa remite a Ingua, mais o
seu sinónimo Virilla é a palabra usada polo portugués: Virilha.
Golpe remite a Raposo.
Teixo remite a Teixugo,
sinónimo de Porco Teixo.
Xabarín remite a xabaril,
sinónimo de Porco Bravo.
Nebra remite a Néboa, sinónimo
de Brétema, Cegoña, Fuscallo e Calixe.
Muito remite a Moito.
Aínda
que moitas veces admite como plenamente sinónimos termos máis que posibelmente casteláns
ou vulgarismos xunto aos nidiamente galegos ou coincidentes co portugués:
Gorrión
con Pardal, onde a variante Pardao remite a este último.
Tiburón
con Quenlla.
Maínzo
con Millo.
Palacio
con Pazo; se ben este último termo recolle a acepción extra de: casa nobre e
grande no meio rural.
Bosque
con Fraga e Foresta.
Sombreiro
con Chapeu e Pucho.
Insulso
con Eslamiado e Insípido.
Temón con Leme, por sorte
Timón, admitido, remite a Temón; con todo, non recolle o sinónimo Gobernallo,
preciosa palabra que nos remite á orixe do verbo Gobernar: pilotar un barco.
Guante con Luva.
Ó con Ao.
Pero con Mais.
Marrón con Castaño e Pardo.
Ordenador con Computador, onde
Computadora remite a este.
Gris con Cinsento, onde
Cincento remite e este último e sen esquecer os sinónimos Borrallento e Aborrallado.
Firmar con Asinar.
Saliva con Cuspe, mais Chuspe
remite a este e Cuspia remite ao primeiro.
Ventá con Fiestra e Xanela,
como perfeitos sinónimos.
Canino con Cairo, Cabeiro,
Canteiro e Queiro, aínda que este último non deixe de ser unha variante de
Cairo < lat. canarium.
Xirar con Virar.
Tarxeta con cartón.
Zapatilla con Chinela e
Pantufla; e Zapatillas deportivas con Tenis (pl.).
Claraboia con Mainel, Biolo e
Lumieira.
Diario con Xornal (periódico
diario).
Periodista con Xornalista.
Cerca con Preto.
Regalo con Presente, Galano e
Agasallo.
Empezar con Comezar, Iniciar e
Principiar.
Belota con Landra.
Andamio con Estada.
Cambiar con Mudar e Trocar.
Mondar con Estonar, Depelicar,
Espelicar, Pelar e Parar.
Oh! con Ó!
Consonte con Consoante,
sinónimos de Segundo e Conforme.
Ancho con Largo.
Sen con Tempa e Vidalla.
Estirar con Estarricar e
Estricar, malia que en portugués é Esticar.
Non recolle, nin sequera como
sinónimos “menos recomendables”, palabras portuguesas perfeitamente válidas en
galego, preferindo os castelanismos en uso:
Ascensor pero non Elevador.
Galleta pero non Bolacha,
palabra viva nalgúns lugares.
Lentes e Anteollos pero non
Óculos.
Redactar pero non Redixir.
Supervivencia e Supervivente
pero non Sobrevivencia e si Sobrevivente.
Ultramarinos pero non
Mercearía.
Marquesiña pero non Paraxe
protexida.
Maleta pero non Mala.
Bombona de Gas pero non
Garrafa de Gas.
Chistera pero non Chapeu Alto
ou Cartola.
Hamaca pero non
Espreguizadeira (por.: espreguiçadeira).
Científico pero non Cientista;
malia que o usual é diferenciar entre o substantivo e o adxectivo
(artista/artístico, prosista/prosístico, xornalista/xornalístico, etc.).
Creba (económica) pero non
Falencia.
Asasinato pero non Asasinio
(por.: assassínio).
Contestador automático pero non
Atendedor de Chamadas.
Bufanda ou Tapabocas pero non
Cachecol.
Aleta pero non Barbatana.
Caramelo pero non Rebuzado
(por.: rebuçado).
Remolacha pero non Beterraba.
Cola pero non Cauda, aínda que
si o adxectivo Caudal.
Cochinilla pero non Bicho de
Conta.
Morcilla pero non Morcela.
Paquete pero non Pacote.
Rosetón pero non Rosácea.
Chal pero non Xaile.
Turba pero non Turfa.
Xamón pero non Presunto.
Lunar (na pel) pero non Sinal
(na pel).
Zafiro pero non Safira.
Rumbo pero non Rumo.
Colorete (maquillaxe) pero non
Ruxe (por.: ruge < fr.: rouge).
Paraugas pero non Gardachuvia
ou Parachuvia.
Lámpada de Araña pero non
Lustre.
En fin, que polo xeral recolle
un vocabulario moi españolizado, sen dar sequera a opción como palabras
sinónimas de formas portuguesas que axudasen a descastelanizar o idioma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario