martes, 6 de mayo de 2014

LENDO EN CASTELÁN PÓDESE FACER BOA LITERATURA EN GALEGO?

Adoito ver nas entrevistas aos escritores galegos como declaran que están a ler, case de forma invariábel, autores en castelán, ben orixinais ou ben traducidos a esta lingua, e por veces a autores galegos, maioritariamente clásicos, pois seica ler os contemporáneos non está demasiado ben visto no gremio.
                Mais até que punto inflúe no estilo, e mesmo na morfosintaxe e no léxico, a leitura tan habitual en castelán no canto do galego ou do portugués?, pois é evidente que ao ler imos fixando códigos de escrita na nosa memoria.
                Sería doado explicar esta realidade como a única posíbel para calquera escritor galego que queira coñecer a obra de millares de escritores foráneos, esmagadoramente non traducidos ao galego, mais tamén pasa isto no portugués? Creo que a reposta é non, así e todo, a posibilidade de lermos os clásicos ou as novidades editoriais na variedade irmá parece meta case imposíbel, por que? Quen impón que non se ofreza esta posibilidade nas nosas librarías
                Obviamente non estou en contra de ler en castelán ou en calquera outra lingua, a miña crítica insiste, ou iso pretende, na formación exclusivamente “española” que teñen os nosos escritores, que son, non se esqueza, os que van modelando o estándar culto da nosa lingua, como sucede en calquera lingua do mundo con cultivo literario. E que por tanto incide na formación dese estándar, cada vez máis castelanizado claramente no estilo, porén tamén cada vez máis na morfosintaxe, sen esquecer o léxico, xa de saída moi castelanizado na fala popular.

                Así na construción das frases se  pode notar a influencia castelá, facéndose unha mera tradución de palabra a palabra, por exemplo:
                “Tes que velo para que creas o que che digo” por: “Tes de o ver para creres o que che digo”.
                “Se tiveses vido antes non pasaría isto” (<si hubieras venido antes…), onde se usa a perífrase de acción acabada e reiterativa inapropiadamente, por: “De vires antes non pasaría isto” ou “Se viñeras antes non pasaría isto”, ou mesmo mudando a frase pero non o significado: “Por non vires antes pasou isto” ou “Como non viñeches antes pasou isto”.

                Usando tempos compostos innecesarios:
                Por teres comido a tempo (= por comeres a tempo/porque comiches a tempo); sen ter visto a escena (= sen ver a escena/non vendo a escena).
                Se ben este é un recurso habitual no portugués literario:
                Eu pensava ter agido bem (=eu pensaba que obrara ben); parecia satisfeito por ele ter abordado o assunto (=parecía satisfeito por abordar o asunto/parecía satisfeito porque abordara o asunto); apesar de ela se ter mostrado distante (=a pesar de se mostrar ela distante/a pesar de que ela se mostrase distante); etc.
                Non se debe esquecer que nesta lingua existen os tempos compostos, auxiliados preferentemente co verbo “ter”, polo que a secuencia “ter + participio” ten un valor diferente á que ten en galego. Neste soamente pode significar “acción acabada e reiterada”, e só con este sentido debemos usar esta secuencia:
                É o premio por ter gañado todos os partidos; como consecuencia de ter asistido a todas as clases; non lle interesa por os ter visto tantas veces; etc.

                Mais tamén influíndo nas construcións gramaticais propias, deturpadas polas do castelán.
 Así o uso da preposición “a” con CD comeza a ser un hábito en moitos textos:
                Vía a persoas na casa; os gardas apañaron a manifestantes soltos; etc.
                Inclusive aparecendo en perífrases moi comúns onde o seu uso é claramente proscrito, como “ir + inf.” ou “volver + inf.”:
                Iría ao seu cuarto a descansar; quería ir algunha vez a velos; imos moi amodiño a facer o mandado; vou case sempre a camiñar polo río; volveu a iniciar a corrida; volvía de novo a facer das súas; etc.

                Trasladando o “lleísmo” do castelán madrileño á sintaxe galega:
                Increpoulle outro; amólalle estar comigo; como lle afectou o feito; a el impresiónalle aquel dato; era algo que lle intrigaba; sorprendeulle que o fixese; etc.

                Ou copiando a pronominalización de verbos casteláns que non a teñen en galego:
                Mudarme de roupa; mesmo se fan fotos; xirouse por completo; non se anda con parvadas; algo que se deixaban fóra; feríndose a man; subíronse alá; abrazábase o corpo; cando se che pon un alcume; etc.

                E abusando dunha construción lexítima en galego, como a voz pasiva, que é un recurso literario, sobre todo poético, pero moi pouco utilizado na linguaxe popular:
                Constantinopla é conquistada polos otománs no 1453 (=os otománs conquistan Constantinopla en 1453); os indíxenas son exterminados polos colonos (=os colonos exterminan os indíxenas); a guerra foi levada a cabo por interese (=a guerra levouse a cabo por interese); a partilla será feita polo xuíz (o xuíz fará a partilla); etc.
                Non obstante, o reintegracionismo mírao con bos ollos por ser un recurso frecuente na lingua literaria portuguesa:
                Estimando que seria errado deixar algo; a sua música foi acompanhada pelo vento; etc.

                Aínda que é na fraseoloxía, con permiso do vocabulario –que ben merece un artigo á parte– , onde a pegada da castelanización é máis rechamante:
                Unha de cal e outra de area (unha no cravo e outra na ferradura); tocarlle o punto débil (darlle no fraco); ser un don Ninguén (ser ninguén de ningures); tirar a toalla (pedir papas); de boquilla (pola boca pequena); ser un mosquiña morta (ser auga que dorme); ancha é Castela (o mar é longo); ir por la e saír tosquiado (ir mallar e vir mallado); súama (iso non me pesa); as paredes ouven (as silveiras teñen orellas); irse polas ramas (falar do xato e esquecer o trato); darse a gran vida (levar unha vida de abade); falar polos cóbados (falar por sete, falar os sete falares), á volta da esquina (na volta da man); toca madeira! (meigas fóra!); etc.

                Con todo, o presente texto preténdese máis como unha reflexión en voz alta ca como unha áceda crítica a un problema constatábel e en incremento, pero de difícil solución: a inexorábel presenza da cultura castelá na cultura galega e como aquela vai modificando, por veces dun xeito máis imperceptíbel do que coidamos, a nosa, facendo que esta cada vez se pareza máis a ela, até se cadra a súa disolución nela?
                Vexo no portugués unha máis que posíbel axuda para mudar unha deriva que polo de agora parece imparábel, mais ao contrario que o reintegracionismo, non comparto que a solución sexa asumir o estándar portugués como propio, creando unha diferenciación tan grande entre o galego popular –moi castelanizado, non o esquezamos– e o estándar que provoque a desafección de amplos sectores da sociedade galega.

                O portugués débenos servir para corrixir desviacións e fixarmos un léxico moito máis noso, porén partindo sempre da lingua que está instalada, para ben ou para mal, na nosa sociedade. É suicida pensarmos que todo o que se fixo até o presente foi errado e non nos serve como alicerce de calquera estándar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario