O primeiro que convén saber é a diferenza entre os verbos
“responder” e “contestar”, pois o primeiro é “dicir algo sobre unha pregunta
previa” e o segundo é “dicir algo opóndose a algo previamente expresado”, como
demostra o adxectivo “contestatario” (que manifesta oposición contra algo
estabelecido). Estes significados son os
que conserva o portugués, mais o galego, mercé á influencia do castelán, usa
tamén “contestar” como sinónimo de “responder”; algo que se debería evitar se
se pretende usar unha lingua máis enxebre. “Retrucar” e “replicar” teñen o
significado de “responder amosando oposición a algo”, polo que ás veces
funcionan como sinónimos de “contestar”.
E o
segundo é que en galego xenuíno nunca se responde afirmativamente unha pregunta
cun simple “si”, senón que se debe utilizar o verbo principal ou o auxiliar, se
o hai, ou o adverbio, usado na pregunta, na resposta. Pola contra, no caso negativo o simple
adverbio “non” abonda. De novo o castelán serve de modelo, de mao exemplo, para
deturpar o galego. Xa que logo, a preguntas como as seguintes habería que
responder afirmativamente así:
Queres que vaia contigo? –Quero / –Ven.
Seguro que podes ir? –Seguro / –Podo.
Comezou a sesión? –Comezou.
Chegou tarde? –Chegou.
Vas ir ao cinema? –Vou (ir) / –Irei.
Voltarás mañá? –Voltarei.
En
todos os casos o adverbio “si” pode acompañar a resposta, actuando como
reforzo:
Quero, si; Seguro, si; Comezou, si; etc.
Mais se vai só é un
claro castelanismo, desafortunadamente, cada vez máis implantado na fala e
mesmo no estándar literario.
Adverbios
e locucións como: xaora, abofé, de certo, de veras, sen dúbida, con certeza,
etc., tamén poden, ás veces, substituír os verbos na resposta afirmativa, aínda
que non é o máis usual:
Seguro que podes ir? –Xaora / –Sen dúbida.
Chegou tarde? –Abofé /
–De certo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario