O concepto de “lingua
franca” xorde no Mediterráneo tardomedieval cando os mariñeiros e mercadores que
o percorrían víronse na necesidade de usar unha linguaxe intelixíbel para
comerciar en todos os portos. Antes outras linguas estendidas, grazas ao
poderío dos seus falantes, cumpriran esa función como o grego ou o latín, mais
a peculiaridade da “lingua franca” foi que por primeira vez se trataba dunha
lingua que non pertencía a ningún pobo concreto porque era unha mestura de
varias linguas faladas: o francés, o árabe , o italiano, o español, o catalán,
o grego e o turco; cunha gramática moi básica e con mudanzas ao longo da súa
existencia entre o s. XIV e o s. XIX.
O normal foi que unha lingua natural cumprise o papel de
“lingua vehicular” nun territorio, máis ou menos extenso, como pasou co latín
durante toda a Idade Media até case o s. XVIII entre as persoas cultas ou o
francés entre a aristocracia europea do s. XVI ao XIX, ou actualmente o inglés
desde o século pasado, como lingua vehicular internacional abranxendo todo o
planeta por primeira vez na historia.
Porén todas as linguas vehiculares tiñan o defecto de
facer que o idioma dun pobo se impuxese sobre os demais e por riba que non
sempre eran linguas doadas de aprender para os falantes doutras linguas, polo que
xurdiu na segunda metade do s. XIX unha auténtica epidemia de inventores de
idiomas artificiais co propósito de que servisen como linguas vehiculares, que
aínda hoxe non deu rematado. Así aparecen o “Volapük”, creado en 1879 polo
sacerdote alemán J. Martin Schleyer; o “Esperanto” do doutor polaco Zamenhof en
1887; o “Bolak” en 1899 polo francés Léon Bollack; unha reforma do esperanto
por Louis de Beaufront en 1907 dará lugar ao “Ido”; etc.; porén de todas elas
só o “esperanto” logrou sobrevivir até hoxe cun importante número de utentes e
unha distribución internacional.
Mais unha segunda vaga aparecerá ao longo do s. XX como: “Idiom
Neutral” en 1902 polo ruso Waldemar Rosenberger; “Latino Sine Flexione” en 1903
polo italiano Giuseppe Peano; “Basic English” en 1930 por Charles Kay Ogden; o curioso
“Folkspraak” en 1995, baseado só nas linguas xermánicas; etc.; porén, entre
todas destaca polo seu relativo suceso “interlingua”, creada en 1951 pola International
Language Association (IALA), baseada lexicamente nas principais linguas
romances e na gramática sinxela do inglés.
E mesmo no que levamos de século séguense a crear “linguas
artificiais” con propósito de lingua auxiliar, como: o “Mondlango” en 2002 polo
chinés He Yafu, pero baseado nas linguas romances; o “Sambahsa” en 2007 por Olivier
Simon, baseado no proto-indoeuropeo pero cunha gramática moito máis simplificada;
ou o “Angos” en 2011 por Benjamin Wood, cun vocabulario moito menos eurocéntrico
do habitual. E tamén linguas como mero xogo lingüístico, así o “Brithenig”, aínda
que creada en 1996, como suposta lingua romance evoluída no Reino Unido; ou o “Wenedyk”,
o mesmo suposto pero en territorio polaco.
En definitiva, por que se houbo e hai tantas propostas de
linguas francas ou auxiliares para podérmonos entender en todo o mundo, non
triunfou ningunha? Porque o nacionalismo lingüístico o impede, o nacionalismo
mesquiño e torpe dos falantes de español, francés, alemán, ruso ou chinés, por
exemplo, que aspiran a ocupar unha posición de privilexio no conxunto das
linguas, e o máis importante e esmagador dos falantes de inglés, que como
lingua franca internacional de facto hoxe en día non ven necesidade ningunha de
trocar unha situación tan favorábel, onde non deben de mudar de lingua para se
entender polo mundo adiante, esquecendo que a situación actual é o resultado
dun dominio político e económico concreto que non ten por que durar no tempo,
como tampouco duraron outros. Cando mude o poder económico e político, mudará
tamén a lingua de prestixio, e parece que é algo que se comeza a producir,
aínda que estas mudanzas levan o seu tempo.
Tamén está o caso do húngaro e o hebreu, reinventados no século XVIII e XIX, non se podería dicir que a súa (re)invención favoreceu a unión das nacións que hoxe coñecemos como Hungría e Israel?
ResponderEliminarSaúdos
Agradezo o teu comentario e pido desculpa pola demora nesta resposta, mais estiven ausente unha tempada.
ResponderEliminarNon entendo o significado do teu comentario, o húngaro xamais se deixou de usar, outra cousa é a formación dun estándar como lingua de cultura, e o hebreu, que durante séculos soamente perviveu como lingua litúrxica, está na base da fundación do estado de Israel e é xunto coa relixión xudía o alicerce que une a xente de tan diversa orixe. non vexo o fracaso por lado ningún, sempre que non se sexa palestino.