Nesta ocasión, no canto dun texto sobre a lingua galega vou pór un texto literario coa convicción de que pode expresar moi ben a realidade social e lingüística do galego. Aínda que é unha ficción, está baseado nunha anécdota real.
O xove doutor chegara para substituír o vello médico don
Xosé, recén xubilado. Viña provisionalmente, como interino, e por tanto non
tiña moito interese nin en facer amigos nin en adaptarse ao lugar, que ademais
non lle era moi do seu agrado. Porque el, que se criara na grande urbe, rodeado
de xente, ruído e, sobre todo, gran cantidade de actividades posíbeis e sitios
onde pasar o tempo, víase agora encerrado nunha viliña miserábel, que soamente
tiña bares como lugares de ocio e seareiros rudes e pailáns cos que era moi
difícil trabar unha conversa meio interesante, e por riba falaban no dialecto
do país as máis das veces. Menos mal que era unha situación transitoria e non
tardando moito chegaría o titular da praza; aínda que el nin por todo o ouro do
mundo ocuparía unha praza así. Mais a circunstancia tiña o seu lado positivo:
acadaría unha grande experiencia que, sen dúbida, lle sería moi útil no seu
futuro laboral e comezaba a encher o seu currículo con traballo, ademais de
títulos e cursos.
O
ambulatorio, situado nun vello edificio, era frío, moito, en inverno e cun
mobiliario anticuado e poucos meios sanitarios, polo que apenas servía como
consultorio e para uns primeiros auxilios que ocupasen o tempo mentres non
chegaba a ambulancia do hospital provincial. Aliás, tiña o incoveniente de que
sendo o máis novo tocáballe facer os servizos que os outros compañeiros non
querían realizar, polo que todos os días pola mañá tiña que marchar no seu
coche para visitar os consultorios das aldeas e atender os pacientes, na súa
maioría xente vella que se queixaba de ser vella e que por riba facía caso
omiso dos consellos que lles daba. Aínda lembra a súa primeira consulta do seu
primeiro día como médico visitante naquela aldeíña perdida, cando entrou aquela
paisana, de mediana idade e ben vestida dentro do que cabe, pero con todo o
aspecto de levar a terra apegada á súa pel torrada polo sol, cando lle
perguntou:
-Buenos días, siéntese y dígame que le pasa.
E ela
respondeu:
-Bo día,
doutor, pois que estou con xaquecas todos os días.
E non lle
quedou máis remedio que a pór no seu sitio e deixar as cousas ben claras desde
un inicio:
-Por favor, hábleme en cristiano si quiere
que la atienda. Está usted en un consultorio médico no en una cuadra.
E a campesiña
baixou a cabeza, desculpouse e comezou a falar como Deus manda, bo, ao menos
tentábao. E non foi a única vez que tivo de repetir as ditosas frases no seu
percurso por aqueles consultorios penosos, pois aqueles aldeáns na súa
incultura esquecían con frecuencia que trataban cun médico. Porque el non tiña
nada contra os dialectos, que son cousas moi curiosas e respectábeis que mesmo
se estudan na universidade, mais unha cousa é que os labregos usasen o dialecto
na súa vida cotiá e outra moi diferente que o fixesen cando se trataban temas
serios coma a saúde, que el non tiña por que saber que querían dicir con
palabras como: cadrís, xeonllo, liviáns, cerrizo, ril ou canela; porque el
estudou medicina na lingua nacional, que por algo foi nomeada como tal. É
certo, que isto non lle fixo demasiado popular entre os seus pacientes, mais
non tiña culpa ningunha de que o anterior médico ou os compañeiros non
mantivesen unha conduta profesional.
Ben,
afortunadamente, logo dun ano longo de aturar paisanos incultos e compañeiros pouco
amábeis, chegou o titular da praza, unha moza do país, que por riba estaba ben
contente co seu destino, e el fixo a maleta e abandonou aquela terra túzara de
volta á súa querida cidade grande e ruidosa. De novo na vida normal e relacionándose
acotío cos compañeiros de carreira e xente con cultura, retomando unha vida
pracenteira, mais faltáballe o traballo e na cidade patria a cousa estaba
realmente custosa, só saían substitucións e pouco máis, por iso cando lle
chegou aquel compañeiro coa nova de prazas fixas en Portugal, onde había unha
demanada de médicos e os profesionais españois estaban moi considerados, e despois
de case un ano de empregos precarios e mal remunerados, non llo pensou dúas
veces. Habería que mudar de ambiente outra volta pero cun chisco de sorte
podería exercer nalgunha cidade, e o idioma portugués, a fala dos seus futuros
pacientes, tampouco sería un gran problema dado que é moi semellante á española
e el nunca foi mal estudante nin tiña mao ouvido.
E todo lle
saíu coma embude a boca de xerro, tirou unha praza de médico titular nun
ambulatorio da grande, bela e cosmopolita cidade de Lisboa. O centro, aínda que
nas aforas da metropole era moderno e ben equipado, e como non foi o único
médico español que marchou para alí compartía un excelente piso en aluguer
xunto con tres colegas máis, polo que lle resultaba moi económico.
Porén, o
que nunca puido esquecer foi a súa primeira paciente portuguesa: unha muller de
mediana idade, ben traxeada e con todo o aspecto de levar unha vida regalada. Ela
entrou e saudouno:
-Bom dia.
El educadamente perguntoulle no
seu mellor portugués:
-Bom dia, sente-se e diga-me que lhe passa.
Daquela foi
cando a muller lle respondeu:
-Doutor, estou com enxaquecas todos os dias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario