Existe
na rede unha ferramenta preciosa para coñecermos como era o galego medieval e,
sobre todo, solucionar as nosas dúbidas sobre as formas patrimoniais: o
“Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega”.
Non existe mellor testemuña do que é
galego e do que non o é, porque non debemos esquecer que foi na Idade Media
cando a sociedade galega era plenamente galegófona.
Se procuramos palabras polémicas a
respecto da súa identidade nativa, podemos comprobar verdades irrefutábeis,
así:
“Galicia” aparece en 8 ocasións e
“Galiza” en 205, polo que parece evidente que os galegos denominaban a súa
terra maioritariamente como “Galiza”; ao contrario do que ocorre hoxe.
Na polémica entre “Medio” e
“Meio/Meo”, gaña este último con 706 aparicións (meo) e mais 15 (meio) fronte a
435 do primeiro, mais coa precisión de que “meo” é maiotario nos s.XIII e XIV e
“medio” ten a maior frecuencia nos s.XV e XVI. Mais por que o dicionario da RAG
non recolle estes termos, perfeitamente documentados, aínda que sexa como
arcaísmos, tal como faría o dicionario da RAE?
No dobrete “aire/ar” gaña o segundo
por esmagadora goleada: ar (506) contra aire (3); e así mesmo ocorre con outro
dobrete admitido pola normativa oficial: “malo/mao”, con tres aparicións (malo)
contra 846 (mao). E se entramos no terreo das palabras proscritas, atopamos
probas irrefutábeis de que os nosos devanceiros eran furibundos “lusistas”:
receber (53) contra recibir (1), sofrer (292) contra sufrir (0), escrever (11,
dos cales dez nos s.XIII e XIV) contra escribir (8, dos cales seis no s.XV e
dous no s.XVI).
E procurando nos nomes propios tanto
topónimos coma antropónimos, as sorpresas son maiúsculas, así entre os
primeiros: Francia (0) contra França (91); Alemania (0) contra
Alemaña/Alemanna/Alemana (10); Mellid (1) contra Melide (43); Orense (17, dos
cales 13 no s.XVI) contra Ourense (1060); Valencia (0) contra Valença (195);
Palencia (0) contra Palença (35); Huesca (0) contra Osca (13); Zaragoza (0)
contra Saragoça (103); Oviedo (14, dos cales 13 no s.XV) contra Ovedo (42, dos
cales 32 no s.XIII); Madrid (12, dos cales 7 no s.XV e 5 deles no mesmo
documento) contra Madride (10); e –sorpresa– Coruña (3, e de finais do s.XV)
contra Cruña/Crunna (151) –e aínda se discute se é A Coruña ou La Coruña–. E
entre os segundos: Dios (27) contra Deus (8757) –e iso que no galego moderno
desapareceu de todo–; Juan (5179, dos cales 4937 nos s.XV e XVI) contra
Johan/Iohan/Joam/Joan/Ioan (7214, dos cales a maioría nos s.XIII e XIV); Luis
(22, todos no s.XV) contra Loys/Lois (427); e Antonio (61) contra Antón (48)
–aquí si vemos un certo equilibrio entre as dúas formas–.
Os dicionarios galegos recollen o
cultismo “calumnia” como palabra galega, e os portugueses recollen esa mesma palabra
como “calúnia”, mais nos textos medievais só aparece a forma patrimonial
“caloña” (= calonna), considerada hoxe un rexeitábel hiperenxebrismo polos
lexicógrafos. “Calzas” é considerado lusismo, mais é o único termo que figura
no galego medieval no canto do moderno “pantalóns”. El inventaban
“hiperenxebrismos” e “lusismos” os nosos devanceiros? Por que se poden
recuperar palabras como “pobo” (=poboo), “balea”, “amizade” ou “estrada”, substituídos
na fala popular polos castelanismos “pueblo”, “ballena”, “amistá” e
“carreteira”, e non “caloña” ou “calzas” (=calças)?
Hoxe usamos tres formas para indicar
unha abertura nunha parede para deixar entrar a luz do día: ventá, xanela e
fiestra. A primeira, coa variante “ventán”, é a máis empregada no galego moderno;
a segunda é adaptación do lusismo “janela”, se non é tamén palabra dialectal
minoritaria, de uso basicamente estándar, literatura e xente cultivada, e a
terceira, en claro declive e de uso culto, procede directamente do latín
(fenestra) é a única que aparece recollida nos textos medievais, en tres
ocasións, e irmá dos seus sinónimos italiano, catalán, ladino e aragonés
(finestra), occitano (fenestra), francés (fenêtre), arpitán (fenîtra), valón
(fignèsse), napolitano (fenesta), piemontés (fnetra), lombardo (fnestra), siciliano
(finessra), romanche (fanestra), romanés (fereastra) e esperanto (fenestro),
incluso o castelán antigo tivo a palabra “finiestra” e idiomas non romances
adaptaron este termo: alemán (fenster), sueco (fönster), frisón (finster),
neerlandés (venster), galés (ffenestr) ou bretón (prenestr), polo que parece un
vocábulo moi útil.
Porén, tamén levamos unha boa
sorpresa cando buscamos palabras patrimoniais incuestionábeis e non aparecen,
como: urce/uz, berce, toupa, enxebre, miñato, regato, etc.; ou unicamente
aparecen como apelidos: Fraga, Freixo, Laxe, Insua, Pita, etc. Todo isto debido
a que o léxico recollido nos documentos medievais ten un carácter moi
restritivo pola maioría seren textos notariais. Por isto palabras tan comúns como
“neve” aparece só seis veces nas Cantigas de Santa María, “chuvia” soamente se
rexistra dez veces, “fouce” catro veces, “peixe” tres veces, “lar” unha soa
vez, como “meiga” ou “arbor” (= árbore), e curiosamente non aparecen nin
“bosque”, “selva” nin “foresta” pero si “bosco”, unha vez, e “floresta”, tres
veces. En fin, que a documentación medieval conservada tamén ten grandes
lacunas, e por tanto limitacións importantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario