sábado, 6 de abril de 2013

Os sufixos -ble/-bel e -bil


As Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (RAG-ILG, 2003) no apartado onde tratan os sufixos e terminacións din: “A solución moderna para as palabras cultas que teñen o sufixo latino –BILIS é –ble ou –bel (pl. –bles ou –beis).”; e logo: “A secuencia –bil (pl. –biles) aparece en palabras como débil, hábil, lábil, móbil, núbil”.
            Até aquí indican a realidade marcan as normas oficiais, mais o que “non ten desperdicio” é a explicación que se dá para xustificar a escolla feita:
            “A historia do sufixo –BILIS é complexa e diferente no galego e no portugués. En textos portugueses medievais aparecen –vel e –vil (plural –viis); mais tarde impúxose como única forma –vel (plural –veis). En textos galegos antigos danse as seguintes solucións […]: -vele/-bele, -vel/-bel, -vil/-bil, -vle/-ble; -vi(i)s/-bi(i)s, -viles/-biles, -veles/-beles. Esta última solución é con moito a máis frecuente”.
“A solución –ble (pl. –bles) impúxose como solución xeral en todo o territorio galego, e mesmo se documenta no norte de Portugal. Esta é ademais a solución adoptada por outras linguas (francés, catalán, castelán…). De por parte, -bel, -beis […] ten tamén unha importante presenza na lingua escrita xa desde o século XIX”.
E: “A solución –bre usouse moito na literatura desde o século XIX […] debido á tendencia popular a mudar en r o l agrupado con consoante. […]”.

Así que se nos indica que no galego medieval as formas plurais máis frecuentes eran as rematadas en –veles/-beles, mais se omite cales eran as formas singulares máis frecuentes, se cadra por que non interesa.
Tamén, que a forma –ble(s) se impón sobre as demais, pero non por que, tendo en conta que non era a forma maioritaria. Outra explicación que non procede. E ademais se indica que é solución adoptada por outras linguas romances, pero se omite que non por todas, como o italiano e demais linguas italianas tanto italorromances coma galoitalianas, o sardo, o romanés, o portugués ou as linguas retorrománicas.
Ou que se documenta no norte de Portugal, pero se omite que xunto a esta variación tamén se rexistran dialectalmente outras formas.
E que existe unha variante popular –bre que demostra xustamente o contrario do que se defende xa que a tendencia á rotatización da fala popular faría que as formas en –ble mudasen a –bre xa desde os textos máis antigos e non en textos tan tardíos como os dos séculos XIX e XX. Nótese que a palabra “nobre” se impuxo desde a Idade Media á variante “noble”, tamén documentada.
Por último, os cultismos rematados en –bil, cuxo plural en portugués é –beis (débil/débeis, hábil/hábeis, núbil/núbeis, etc.), cando e como entraron no galego, dado que no galego medieval non se rexistran? Seica non son castelanismos antes ca cultismos?, porque estou en condicións de afirmar que son palabras que o galego tomou do castelán, como tantas outras denominadas cultismos.

Mais se queremos ter unha información máis exacta do que pasou con este sufixo hai que recorrer a libros como a Gramática Histórica Galega de Manuel Ferreiro (1995): “Merece unha especial consideración o resultado do sufixo –BILE, en que a solución popular moderna –ble (ou –bre: produto da rotatización de –ble, documéntase na lingua decimonónica, e aínda de parte do século XX, con grande frecuencia) se debe á onda lingüística españolizadora que comeza a manifestarse xa no derradeiro período medieval. […], a solución tradicional era –bil, -vil ou –vel (con perda regular de –e final despois de –l), recollida literariamente na época moderna como –bel.” E para explicar a evidente existencia do sufixo –ble en textos medievais recorre á especialista en lingua galego-portuguesa C. de Azevedo Maia que indica que son formas que “têm um carácter bastante tardio e ocorrem em textos onde abundam os castelhanismos de diferentes tipos; não duvidamos, portanto, de que representam a solução castelhana da terminação –BILE(M), devendo interpretar-se como resultado da penetração do castelhano na Galiza”.

Por último, o rigoroso estudo sobre a “Forma e función do sufixo –uel no galego medieval” de R. Mariño Paz (Cadernos de Lingua nº 27, 2005) parece que non deixa lugar á dúbida sobre como e cando se pasou de usar –vel a –ble. As súas conclusións sobre a forma deste sufixo son esclarecedoras:
“Na variación –uel(es) / -ble(s) do galego escrito na idade media o eixe estruturador principal é o diacrónico: […], as variantes sen síncope da vogal postónica predominan ata 1450 e sofren un rápido ocaso posteriormente. […]. Mais, polo que se refire á forma, en todos os xéneros se percibe o predominio da opción –uel / -ueles (ou variantes) ata o ecuador do século XV. Paréceme fundada, por tanto, a sospeita de que a fulgurante expansión de –ble(s) na prosa notarial posterior a 1451 estivo en relación directa co aumento da familiaridade co castelán que se daría na actividade profesional de notarios e escribáns a partir do ecuador do século XV. […] as variantes con síncope da vogal postónica tamén resultaban esperables na deriva diacrónica do galego e que hai esporádicos exemplos delas en textos antigos; con todo, creo que a súa tardía e rápida difusión na prosa notarial si se debe interpretar como inducida polo castelán, […]”.
Velaquí un estudo que dá dados incuestionábeis e non teorías, se cadra por iso non tivo o suceso que merecía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario