Estas
dúas preposicións teñen en común comparter certa polémica sobre o seu uso en
galego: a primeira non foi admitida pola normativa oficial até a reforma de
2003 e mesmo a desgusto, sendo curioso que se alguén procura a palabra no
dicionario online da RAG non a atopará; pola contra, a segunda é case rexeitada
polo sector reintegracionista, e así no Manual Galego de Língua e Estilo se di:
“Trás apenas é utilizada em locuçons espaciais do género de por trás de ou para trás, e NUNCA como sinónimo de depois de.”
Mais en ambos os casos son prexuízos
inxustificados os que condenan o seu uso, dado que ambas están perfeita e
amplamente documentadas no galego e avaladas polo uso no galego moderno.
Após,
que vén do latín “ad post”, está amplamente documentada no galego medieval e recollida
pola maioría dos dicionarios antigos: o da RAG de 1913-28; o de Carré
Alvarellos (1933); o de Rodríguez González (1958-61), o de Franco Grande
(1972); e mesmo actualmente polo Gran Dicionario Xerais da Lingua (2009), aínda
que como forma non estándar que remite a “despois”; e mais o Gran Dicionario
Século 21 da Lingua Galega (2005), como sinónima de “despois de”. Mais o seu
uso no galego moderno decaeu até case desaparecer da fala viva. Por que?
Porque nunca tivo moito éxito no castelán, onde
se documenta escasamente na súa lingua medieval: dúas veces na “Vida de San
Millán de la Cogolla” (1230) de Gonzalo de Berceo; unha no “Calila e Dimna”
(1251); unha no “Libro de buen amor” (1330) de Juan Ruiz; unha no “Libro de
caza” (1337) de Juan Manuel; e sete nunha “Biblia” de 1400. Malia isto, o
dicionario da RAE recolle esta palabra, que define como adverbio de tempo
desusado, para remitir a “después”.
Pola contra, no portugués tivo mellor vida e é
plenamente utilizada na lingua moderna, aínda que ten un uso máis formal e
literario ca o seu equivalente “depois de”.
E verbo do adverbio “despois/depois”, do latín
“de ex post”, resulta curioso saber que ambas as formas se documentan amplamente
no galego medieval, cunha pequena diferenza a prol da forma usada actualmente
no estándar: despois; e que no galego popular presenta varias variantes:
despoixa(s), despous, depoixas, dempois, dempoixa(s), dempós. Xa que logo,
“depois” pode ser un dialectalismo ou un arcaísmo, pero nunca un lusismo.
Tras, que vén do latín
“trans”, amplamente documentada desde o galego medieval até o actual, equivale
a “detrás de” ou a “despois de” e pode presentar a variante “tras de”, co seu
mesmo valor.
En castelán, empregada desde os inicios da
lingua, tamén ten bastante uso cos valores de: despois de; na busca de; detrás
de; e ademais. Mais en portugués, aínda que coñecida desde o inicio, caeu en
manifesto desuso. Así a “Breve Gramática do Português Contemporâneo” de C.
Cunha e L. Cintra sinala que “a preposição trás,
que indica situação posterior, arcaizou-se. Na língua actual é substituída
pelas locuções atrás de e depois de; mais raramente, por sua
sinónima após.” Velaquí a razón pola
que o reintegracionismo rexeita o uso desta preposición, malia que o dicionario
online Estraviz a recolla, dando como sinónimos dela: após, depois de; atrás,
detrás de.
Convén coñecer que no portugués “atrás” ten un
uso máis corrente ca “detrás”, que se considera máis formal: come bolacha atrás
de bolacha, ele ficou atrás dela, estar atrás de alguém. Pola contra, en galego
preférese máis “detrás” para indicar posición e “atrás” para indicar dirección,
aínda que no galego medieval “tras” e “atrás” eran maioritarias fronte a “detrás”,
e ambas indicaban tamén posición.
No hay comentarios:
Publicar un comentario