Malia
ser unha palabra que forma parte do léxico da maioría dos galegofalantes
actuais, “xove” é unha palabra condenada no seu uso, tanto como substantivo
coma como adxectivo, pola RAG; con todo, o VOLG recolle a forma como correcta
pero non como recomendábel. Este cultismo, documentado en castelán desde finais
do s.XII (iouen, jouen) pero non no galego medieval, entrou no galego moderno a
través do castelán:” xóven/xóvenes”, mais dado que outros cultismos coa súa
mesma tipoloxía se adaptaron seguindo a evolución patrimonial galega: abdomen
> abdome, pollen > pole, semine > seme, lichene > lique ou germine
> xerme; non había razón ningunha para que esta palabra non seguise o mesmo
camiño: iuvene > xove, e esta foi a proposta que se usou literariamente.
A RAG propón substituír esta palabra
polo substantivo “mozo” e polo adxectivo “novo”, esquecendo que non sempre son
substitutos axeitados. Vexamos algúns exemplos:
Entrou
unha persoa xove / entrou unha persoa nova / entrou un/unha mozo/a.
É
un grupo de xoves / é un grupo de novos / é un grupo de mozas e mozos.
A
xove dama é bela / a dama nova é bela / a dama que é moza é bela.
Non sei as razóns da RAG, porque non
se dan, para proscribir unha palabra que ademais é usada polo resto das linguas
romances: jeune (francés), giovane (italiano), jove (catalán e occitano), jovem
(portugués), xoven (asturiano), choben (aragonés), giòvanu (sardo), giovo
(piemontés), zoeno (xenovés), djonne (valón), zovins (friulano), etc.
De por parte, o resto dos cultismos
relacionados con esta palabra si son admitidos: xuventude, xuvenil ou
rexuvenecer. Nótese que o adxectivo “xuvenil” ten un matiz nidiamente diferente
do de “xove”, referíndose o primeiro a unha idade máis nova ca o segundo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario