Sigo achando que hai demasiados castelanismos evitábeis e
doadamente substituíbeis por lusismos máis axeitados ao galego. Por exemplo:
Beterraba ou remolacha – o lusismo procede do francés “betterave”,
mentres que o castelanismo vén do italiano “ramolaccio”. E entre un lusismo e
un castelanismo, a opción coherente só pode ser a primeira. Aínda que outra
posibilidade sería adoptar o latinismo: “armoracia”.
Cacahuete ou amendoín – o castelanismo procede do náhuatl
“tlalkakáhuwalt”, mentres que o lusismo, adaptación de “amendoim”, é unha
mestura do termo tupí “manduí” e a patrimonial “amêndoa”. Parece lóxico
preferir a palabra que mantén unha raíz galega.
Leitor e lector, leitura e lectura – do primeiro par só a
segunda forma se rexistra nun texto do s.XV, mais do segundo par, ambas as
formas documéntanse en dous textos do s.XV, mais mentres a primeira faino cun
texto nidiamente galego (…esta escriptura toda a leitura da sustiçon do dito…),
a segunda aparece nun texto algo castelanizado (…con a lectura e abtos da dita
citacion…). Lembremos que no galego medieval se rexistra “liçon” (portugués
actual “lição”) pero non o actual “lección”.
Melancia ou sandía – non parece oportuno insultar a tal
froito, dado que “sandía” é voz patrimonial co significado de “necia”, problema
que non ten o castelán porque a palabra sinónima é “sandia”, con mudanza de
tonicidade.
Vaso e copo – dado que o lusismo “garfo”, como utensilio
para comer, está plenamente aceptado e xustificado, algúns tamén botan man das demais
denominacións portuguesas para o resto das pezas usadas para comer, esquecendo
–ou descoñecendo- que soamente este cuberto popularizou o seu uso serodiamente,
primeiro entre a nobreza e logo entre o pobo, e que as demais xa tiñan nome
galego desde a Idade Media: coitelo, culler, prato e vaso. Por tanto, botar man
do lusismo “copo” para substituír a “vaso” é mero prexuízo, visto que esta
palabra está perfeitamente documentada nos textos medievais.
Mais non sempre se xustifican algúns lusismos adoptados
por escritores, así:
Pazo e palacio – velaquí dúas palabras sinónimas para a
RAG, agás na acepción de “casa grande” onde se usa só a primeira, que proceden
do mesmo étimo latino “palatium” > palacio > paaço > paço/pazo, até
dar coa única forma medieval e, por tanto, patrimonial; e por riba amplamente
representada na toponimia. “Palacio” é un cultismo en portugués que desprazou a
forma patrimonial para se referir aos edificios suntuosos, sobre todo se eran
residencias reais, mais nótese que a “casa do concello” recibe aínda o nome de
“paço municipal”. Con todo, en galego tamén pode ser un simple castelanismo dos
denominados de “luxo”, porque é totalmente prescindíbel.
Preguntar ou perguntar – As dúas variantes proceden do latín
vulgar “praecunctare”, derivado á súa vez do latín clásico “percontari”, mais a
documentación galega medieval é esmagadoramente maioritaria a prol da forma sen
metátese, é dicir de “preguntar”; por tanto soamente o interese por converxer
co portugués estándar xustificaría a escolla do lusismo por parte do
reintegracionismo, aínda que sen esquecer que a forma metatizada conta con
egrexios exemplos de uso no galego literario, como Cunqueiro.
Regra e régua – ambas as formas proceden do mesmo étimo
latino “regula”, pero mentres que a primeira é a forma patrimonial documentada
na lingua medieval e orixe do verbo “regrar”, a segunda só se usa en portugués,
e no galego reintegracionista, na acepción de “peza para trazar liñas rectas”,
que tamén admite a outra forma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario