Os arabismos galegos, ben entraron directamente ao galego-portugués
na época medieval, os máis antigos, ben chegaron a través do castelán e do
portugués, os máis modernos e numerosos. Mais nestes últimos por que deben prevalecer
os vindos do español sobre os do portugués cando hai diferenza? Vexamos uns
cantos exemplos:
Acea –
curioso caso de arabismo (as-saniya) con evolución patrimonial estritamente
galega, fronte ás formas portuguesa (azenha) e castelá (aceña). O catalán
descoñece este arabismo e denomina este “muíño de auga” -a súa outra
denominación galega- como “molí hidràulic”.
Aceite e
óleo – na actualidade, seguindo o modelo do español, a primeira emprégase como
xenérica para todo tipo de óleo e a segunda só para os óleos litúrxicos e o
empregado na pintura, e tamén para a composición de palabras que expresen a
idea de óleo (petróleo, oleoduto, oleaxinoso, etc.); mais o portugués, aténdose
á significación orixinal do arabismo (az-zait = zume de oliva), reduce o
significado de “azeite”, que tamén é a forma máis documentada no galego
medieval, ao extraído da oliva, polo que “óleo” é a palabra xeral para calquera
tipo de aceite. Este castelanismo semántico pasou, ademais de ao galego, ao
asturiano e mais o aragonés, pero é, loxicamente, descoñecido polo resto das
linguas romances: catalán (oli), francés (huile, do fr. ant.: oile > uile),
italiano (olio), lombardo (oli), romanés (ulei), véneto (ojo), etc.
Acequia –
aínda que os dicionarios galegos non recollen esta palabra, considerada castelanismo,
e remiten aos seus sinónimos: quenlla, cal ou canle; non convén esquecer que si
se rexistra en portugués (acéquia) e que mesmo se rexistra no galego medieval
ao menos unha vez nunha cantiga de Sta. María: “menynna foi a bever // ena
cequia, e dentro caer”. Nótese que se recolle a forma sen A: cequia < ár. saqiya.;
ao igual que en catalán: séquia, sèquia ou síquia; e en aragonés: ceica ou
zaica; mentres que as formas portuguesa e castelá proceden do ár. hisp.
assáqya.
Albanel –
ende ben, a forma galega recuperouse para o estándar logo de desaparecer do
galego moderno substituído polo castelanismo “albañil”. O portugués escríbeo
con V: alvanel. Descoñezo por que o que valiu para esta palabra non valiu para
outras.
Alcaide e
alcalde – ambas as palabras están ben documentadas no galego medieval e malia a
súa semellanza proceden de étimos diferentes: al-qaïd (xefe de tropa) e al-qâdi
(xuíz); e mentres a primeira palabra está en manifesto desuso, a segunda, mercé
a ocupar un significado moi usado, non periga en absoluto. Porén non convén
esquecer que este significado se expresa con termos moi distintos nas demais
linguas do noso contorno: prefeito (Brasil), presidente da câmara municipal
(Portugal), batlle (catalán), maire (francés), primer cònsol (occitano),
sindaco (italiano), mayor (inglés), etc.
Alcázar ou alcácer
– o primeiro, usado polo castelán, é o único que recollen os dicionarios,
mentres que o segundo é o preferido polo portugués, que con todo non descoñece
“alcáçar”. Resulta curioso que a lingua medieval galega só documenta “alcacer”
na “Crónica xeral e crónica de Castela”, mentres que a toponimia actual
rexistra tres “alcázar” por ningún “alcácer”: A Capela-O Alcázar (Ponteareas),
Alcázar de Milmanda (Celanova) e O Alcázar (Salvaterra de Miño).
Alcoba –
palabra que non acho documentada no galego medieval e que escribimos con B,
mentres que o portugués a escribe, e pronuncia, con V: alcova. Con todo,
procede do árabe: al-qubba.
Alcol ou
alcohol – das dúas formas admitidas pola RAG, aposto decididamente pola que
reflicte a pronuncia real, tanto en galego coma en castelán. E se hai unhas
linguas que preferen a escrita con hache: inglés, español, catalán, neerlandés,
alemán (alkohole); outras o escriben sen el: francés e romanés (alcool), portugués
(álcool), italiano (alcol), occitano (alcòl).
Aldea ou aldeia
– contra o que coidan algúns reintegracionistas, a primeira forma, coincidente
coa do castelán, é a máis documentada con diferenza no galego medieval, polo
que dificilmente pode ser un castelanismo. O I epéntico intervocálico non é un
fenómeno descoñecido no galego, mais nunca foi un fenómeno tan xeral coma no
portugués.
Alecrín e
romeu – esta planta ten estes dous sinónimos, o primeiro é o usado en portugués
(alecrim) e é de orixe árabe, mentres que o segundo, moito máis usado na nosa
lingua, é de orixe latina e con variacións é o máis usual nas linguas
occidentais: romero (español), romaní, romer (catalán), rosmarinus (latín), romanin
(occitano), romarin (francés), rosmarino (italiano), rosemary (inglés),
rosmarin (alemán, danés, sueco, etc.). Non parece problemático coñecer e usar
as dúas denominacións, sen esquecer que a segunda é a máis habitual.
Alface ou
leituga – aínda que a primeira palabra, o arabismo (al-khass) usado polo
portugués para denominar esta planta, poida parecer un lusismo, esta perfeitamente
documentada no galego moderno, mesmo con variantes: alfacia, alfácer. Con todo,
a segunda palabra, de orixe latina (lactuca), é a máis espallada polo
territorio e polas demais linguas romances: lletuga (catalán, pero tamén:
enciam), lechuga (castelán), llechuga (asturiano) e lleituga (ast. occ.), laitue
(francés), lattuga (italiano), lattuca (siciliano, sardo), leitûga (lígur); e
mesmo non romances: lettuce < fr. ant. letues (inglés), laktuko (esperanto).
Alfándega ou
aduana – ambas as palabras son de orixe árabe e patrimoniais, mais a primeira é
a estándar do portugués (alfândega) e a segunda a do español, polo que semella
máis coherente coincidir coa nosa lingua xemelga, aínda que a segunda forma
estea máis estendida: catalán (duana), francés (douane), occitano (doana) e
italiano (dogana).
Alferga ou dedal
– aínda que as dúas palabras son galegas, a primeira ten o honor de ser un
arabismo (al-hilqa) exclusivamente galego, mentres que a palabra xurdida de
dedo tamén é a usada polo portugués e o castelán, e o catalán utiliza a
variante “didal” (< dit “dedo”).
Alfombra
(castelán)/tapete ou alcatifa(portugués) – nin o primeiro nin o terceiro se
documentan nos textos medievais, mais o segundo, proveniente do lat. tapete,
si; por exemplo, na Crónica Troiana: “fórõsse assentar todos quatro sobre hu
tapete moy fremoso, que ouuera de terra.” Así que parece que máis unha vez o arabismo
castelán (alfombra < ár. Al-humra) substituíu a palabra patrimonial
conservada no portugués (tapete). Con todo, “tapete” aparece nos dicionarios
galegos co seu significado español: pano sobre un móbel; pero non “alcatifa”:
tapete ou alfombra fina; mentres que “alfombra” en portugués é un tapete groso.
Vaites, xustamente o castelanismo que coincide cun lusismo é o que queda fóra.
Algodón ou
cotón– a primeira é unha palabra xa documentada na Idade Media que non oferece
problema ningún, e obviamente a ditongación nasal portuguesa é un fenómeno
posterior; mentres que a segunda é sinónima da primeira unicamente cando se
refere á lanuxe branca da semente do algodoeiro, ao tecido que se fai con ela ou
a lanuxe en xeral dalgúns froitos ou plantas. Esta palabra só se admite en
portugués como “lanuxe de certos froitos” e en castelán para “tecido de algodón
estampado”. Daquela como chegou este galicismo ao galego e cando, dado que na
nosa lingua ten máis acepcións ca nas linguas próximas?
Almofada –
este arabismo compite coas palabras “cabezal, cabeceira ou cabeceiro”, e se o
fai exitosamente é debido principalmente á súa semellanza coa forma española: “almohada”
ou a coincidencia coa portuguesa “almofada”; non obstante, convén sinalar que
esta palabra portuguesa designa exactamente o “coxín” galego ou o “cojín” ou
“almohadón” español, mentres que o “cabezal” galego recibe en portugués o nome
de “travesseiro”, tamén existente en galego (traveseiro).
Álxebra – esta
palabra espallouse polas linguas occidentais desde o latín medieval, quen foi o
que o tomou do árabe, e as formas diferen pouco: álgebra (español e portugués),
àlgebra (catalán), algèbra (occitano), algebra (italiano, inglés e alemán),
algèbre (francés), álxebra (asturiano) ou alchebra (aragonés). Hai uns cantos
arabismos máis que comparten un uso xeneralizado nas linguas occidentais como:
cero, escrito maioritariamente con Z: zero; guitarra (guitar, guitare, gitarre,
chitarra, etc.); mesquita (mezquita, mosqueta, mosque, moschee, etc.); azafrán
(safran saffron, açafrão, zafferano, safrà, etc.); xarope (xarop, jarabe,
sirop, syrup, sirup, sciroppo, etc.); tambor (tambour, tamburo); etc.
Asasino – a
palabra chegou a Occidente da man dos templarios que volvían das Cruzadas, onde
tiveron que lidar cunha caste de matadores profesionais que atacaban as
autoridades, tanto cristiás coma musulmás. Esta palabra, tamén existente en
catalán (assassí), francés (assassin), italiano (assassino) e español
(asesino), rexístrase en portugués medieval como: anxixin, acecino, assesino,
assasino e assassino, que sería a que ficaría. A actual forma galega é a
adaptación desta última para desbotar o hiperenxebrismo “asesiño”, tirado da
forma castelá.
Atalaia –
curiosamente no galego medieval só se testemuña coa actual forma castelá (atalaya)
nos Foros de Castelo Rodrigo, xa que logo, fóra do territorio galego. Con todo,
é un topónimo moi frecuente no país.
Azar – esta
palabra para designar a flor da laranxeira, inexistente en portugués que a
denomina como: “flor da laranjeira”, parece unha adaptación bastante recente do
arabismo español: azahar.
Azucre –
esta palabra deriva do árabe: as-sukkar, como o esp.: azúcar e mais o por.:
açúcar. En asturiano sobreviven as formas “azucre”, a máis usada, e “azúcare”, con
E paragóxico, que é a orixe da primeira, e seguramente da nosa forma.
Cenoria/cenoura/zanahoria
– velaquí tres evolucións diferentes da mesma palabra árabe: sufanâriya. A
forma galega ten unha variante, menos usada, con metátese de iode: cenoira;
mentres que a forma portuguesa perde o ditongo na súa pronuncia maioritaria.
Espinaca ou espinafre
– aínda que ambas proceden da mesma palabra árabe (ispinah ou isbinakh), non
atopo documentación galega medieval delas. A primeira, castelanismo recollido
nos nosos dicionarios, seméllase ao catalán “espinac” e mais o aragonés
“espinaque”, en tanto que a segunda, a solución portuguesa, non aparece en
ningún dicionario galego usual; o Estraviz, obviamente, só recolle o lusismo.
Garrafa e
botella – en galego usamos a segunda palabra, de orixe francesa (ant. fr:
boteille < lat. vg. butticula), chegada polo castelán, mentres que en
portugués utilizan a primeira, de orixe árabe (qarraf). O problema de asumir
este lusismo xorde porque a palabra “garrafa” tamén é galega e designa unha
especie de gran botella repoluda que en portugués chaman “garrafão”. Por certo,
o étimo latino está na orixe do español “botija > botijo”, que en portugués
é “moringa” e en galego RAG: “porrón” ou “barril”, malia que ambas as palabras
designen recipientes diferentes de sobra coñecidos, mais aquí a RAG non acepta
o castelanismo “botixo” nin tampouco o lusismo, co doado que sería asumir este
último.
Laranxa –
non se rexistra no galego medieval, polo que parece un lusismo (laranja) adaptado
á ortografía galega moderna e aceptado sen problemas. Desde logo, as laranxas
non deberon ser froitas frecuentes no mundo galegófono até hai moi pouco.
Xabaril – forma
minoritaria, xunto coas variantes máis minoritarias: “xabarín” e “xabarí”, para
denominar o “porco bravo” ou “cocho bravo”, formas maioritarias no galego,
xunto con variantes como “porco fero” e “porco montés”. Procede do árabe
“gabalî” (montés) < “hinzîr gabalî” (porco montés), que tamén deixou formas nas
outras linguas iberorromances: “jabalí” en español, “javali” en portugués,
“chabalin” en aragonés e “xabalín” en astuariano, que tamén usa as
denominacións “gochu bravu” e “gochu montés”; agás en catalán que usa
“senglar”, do latín “singularis” < “porcus singularis”, como a maioría das
linguas romances occidentais: occitano “singlar”, arpitán “sengllér”, “francés
“sanglier”, valón “singlé”, italiano “cinghiale”, corso “cignali”, etc. Intúo
que o moderno éxito desta palabra como forma estándar fronte ás maioritarias
con “porco” ou “cocho” se debe a compartir orixe e semellanza cos
correspondentes estándares castelán e portugués.
Xadrez – este
arabismo (< ár. xatranj) é un lusismo adoptado para substituír o
castelanismo “axedrez” (esp. < ajedrez); se cadra porque os lexicógrafos non
tiveron a ben recuperar o arcaísmo “xedrez”, única forma que se documenta no
galego medieval: “Et este sabia mellor xedrez de quantos no mundo avia”
(Historia troiana), “ante si ja jogando o xedrez cõ hu seu caualeyro” (Crónica
troiana).
No hay comentarios:
Publicar un comentario